Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Wendy no tornado

Galleta de limón

Galletas de limón.

Galletas de limón.

A galleta, como o biscoito, é un agasallo do forno, a marabilla da herdanza de receitas aprendidas co corazón. Á miña avoa, nunca lle saían ben: convertíaas en frustración con masa de penedos.

Ben pensado este doce é un milagre no que non vale rezar senón confiar na calor e no karma dos elementos. Quen sabe se a rotación do tornado favorece a unión da manteiga e a fariña porque a min, á quen nunca lle leveda o biscoito, sáenme ben na meirande parte dos ensaios.

Por suposto distan anos luz do nivel celestial das bretoas de manteiga ou as stroopwafels holandesas pero reconfortan cun sorriso da miña barriga e dos ollos de quen amo.

Sacar unha bandexa do forno chea de galletas é moi semellante a cruzar os dedos no cuarto escuro á espera de que os líquidos fagan maxia co carrete fotográfico.

Nunha noitiña, cando regresaba á sede do FARO exhausta da xornada e de cubrir unha conferencia, un taxista ofreceume unha galleta de limón para reconfortarme e axudar a borrar a fatiga que me tiraba ao chan da derrota. Só lle quedaban tres no paquete.

A súa xenerosidade desmedida fíxome recuar a man. Aínda lle quedaba moita noite de traballo e podía precisar das tres. El rogoume que a collera e aceptei. Se algunhas noites o dj me salvou a vida, nese intre aquela galleta me socorreu. Revivín como a planta regada en plena seca.

Hai pouco, lin que Stellantis anunciaba un acordo con varias tecnolóxicas para desenvolver vehículos autónomos sen condutor e, en especial, robotaxis. A factoría de Vigo arela entrar no proxecto. En tres anos, poderían estar saíndo os primeiros modelos.

En diferentes conversas, algunhas compañeiras laiáronse dos taxistas que dan leccións de vida nas viaxes; dos que conducen como nunha carreira de coches de radiocontrol ou dos que van demasiado a modo; tamén do prezo elevado dos desprazamentos. Baixarán as tarifas cos robotaxis?

Eu empatizo cos autopatróns que, ás veces, chegan a pasar preto de 12 horas seguidas ao volante para sacar un salario, que che entregan as dúas derradeiras galletas de limón dun paquete e che din: «Lévaas, xa pararei na gasolineira a comprar máis».

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents