Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Haciendo amigos

Saudaba sempre

Martiño Ramos, nun acto público en 2018.

Martiño Ramos, nun acto público en 2018. / Xoán Álvarez

Eu coñezo a Martiño Ramos. De feito, a piques estiven de escribir que o coñezo «perfectamente». Obviamente non é o caso, xa que a estas alturas, e moi tristemente, nada máis a súa vítima tivo a inmensa desgraza de coñecelo ata ese punto. Así que vou deixalo en que eu «coñezo» a Martiño Ramos. Por motivos que deseguida relatarei, eu trateino, viaxei e mesmo convivín moito con el. Non, non o coñecín «perfectamente», pero si moito máis que o bastante como para, alá polo mes de xullo do ano pasado, cando saltou a noticia de que en realidade era un perigosísimo violador, sentir esa mesma perplexidade de quen, xusto despois de saber que o seu veciño do 4ºB era un criminal, murmura entre incrédulo e estupefacto ante a cámara: «Pero se era un tipo normal... Saudaba sempre!».

Tratei a Ramos na miña época en Lamatumbá: entre os anos 2003 e 2006, el foi, a proposta do grupo, que o coñecía desde o instituto, o manager da banda, de maneira que eu traballei man a man con el. Chegounos o éxito e non, non llelo vou negar: na vida dun grupo de música ao que lle van ben as cousas cómprense todos os tópicos, comezando polos tres grandes: houbo sexo, drogas e moito rocanrol. Eramos novos e tivemos moita sorte, de maneira que non quixemos deixar nada atrás. Collemos a vida polo peito e espremémola ata a última gota. Pero nunca, absolutamente nunca, nunca xamais fixemos nada polo que algún día ninguén puidese pensar en ningún de nós como se pensa nun monstro... De feito, e visto o catálogo de insensateces e loucuras nas que daquela nos metemos, se agora alguén me preguntase quen de nós era o menos cabal daquel censo, diríalle que Martiño aparecería na derradeira posición. E sen embargo...

Cando anos máis tarde escribín Un lume azul, unha novela que denunciaba unha serie de abusos a menores, quixen empregar localizacións o máis neutras posibles, case mesmo anódinas, para deixar claro que, en realidade, aquel tipo de atrocidades podían estar sucedendo en absolutamente calquera parte do mundo, comezando polo noso carón: non sabemos a clase de besta feroz que se pode agochar tras o amable veciño que nos abre o portal cada mañá para que nós poidamos entrar co carriño do noso pequeno. Eu sabíao, sabíao perfectamente. Porque mo contaran as vítimas, porque mo confirmaba a experiencia. E, sen embargo...

Levo máis dun ano tendo pesadelos con Martiño. Volvendo a velo sentado no local de ensaio, nos laterais dun escenario, viaxando no asento do lado. Eu estiven con el, fixemos milleiros de quilómetros xuntos, durmín na súa casa un cento de veces. E, sen embargo...

Intento repasar todas e cada unha das lembranzas compartidas, buscando algo. Un comentario, unha ollada, un aceno sequera. O que sexa, calquera sinal que advertise do que estaba por suceder. O que fose, con tal de entender que viaxaba na compaña dun monstro, dunha besta sen piedade. Algunha pista desde a que poder avisar ás vítimas que aínda estaban por nacer. E sei que é absurdo, que nós non tiñamos culpa de nada, pero non deixo de pensar como non o vin vir. Porque ao final iso é o que facemos: buscar indicativos que delaten o monstro oculto baixo a superficie. Pero non os hai... E así é como acaban por gañarnos sempre: mentres nós buscamos sinais no ceo, o máis probable é que o monstro estea xusto á nosa beira... simulando buscar sinais no ceo.

E así, ao final Martiño Ramos Soto marchou. Fuxiu como unha rata covarde e miserable que, logo de facer dano, de contaminar o pan coa trabada dos seus dentes de alimaña, de fender o corpo co bater das súas gadoupas de besta desalmada, desapareceu... Oxalá haxa xustiza, aínda que nada máis sexa para traelo de volta e facelo pagar como merece. Pero eu, que o coñecín, sei que Martiño é moi capaz... E iso é o que máis me aterroriza: non sendo que alguén tomase a xustiza pola man, imaxínoo alá onde estea comezando xa o seu proceso de camuflaxe. Converténdose nun veciño máis, afable, disposto e servicial. Un que, con toda seguridade, en breve comezará a sorrirlle aos demais. Á fin e ao cabo, é o que facía aquí: saudaba sempre.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents