Opinión | Que din as rumorosas?
E de súpeto, as mans

Mans de Sira Rodríguez, de 101 anos. / Brais Lorenzo
Mans que curan, que se pousan coma paxariños sobre a nosa fronte e a súa calor acalma tristura e dor. Mans coma as do avó, engurradas coma os bacelos das vides. Mans das que criamos que nada nos ía separar porque aínda descoñeciamos os vicios do tempo. Collida a esa man, eu iría ata a fin do mundo e ata o alén se fixese falla. Devagar. Porque a esas idades chegamos por fin a Ítaca e xa non hai razón para a présa.
Non poderiamos describir a palma da nosa man e, porén, presumimos dese coñecemento como medida da fondura coa que nos relacionamos co mundo, tal é a nosa ousadía. Un mono pequeno e arrevesado e velaquí o temos, xogando a ser un deus, póndose á altura dos milagres, convertendo en ciencia o que antes era ficción, movendo marcos, cosendo e descosendo bandeiras, deseñando estratexias de persuasión para vender uns zapatos que duran o suspiro do verán, manexando drons, dilapidando fragas, mar e ar como se fose o único dono dunha fortuna infinda, fillo do capital, oh capital, meu capital.
Mans que escriben pancartas para salvar as vítimas das guerras e consignas para rexeitar as políticas neoliberais que aceleran o cambio climático, que reclaman dereitos para todas as persoas á marxe da súa condición, orixe e orientación, que proclaman a necesidade de acoller o estranxeiro, que berran pola importancia de manter a lingua, as pensións ou a sanidade pública. Pero tamén mans que aproveitando a escuridade sementan odio dende os valados, que trazan fronteiras que nunca estiveron debuxadas máis ca nos mapas, que golpean, que violentan, que escravizan, que asasinan.
Na nosa lingua, ‘humano’ leva dentro a palabra man. Disque somos persoas pola graza das mans. Mans para facer ben e para facer mal, e para corrixir o feito cando nos trabucamos. Para xuntalas e pregar polo perdón.
As mans que nos trouxeron ata aquí, que souberon manufacturar rodas, prender fogueiras, artellar internet e construír intelixencias á nosa imaxe e semellanza poden ser tamén as que nos empurren polo precipicio. As mans que nos serven para beber auga fresca do río non valerán de moito se non hai ríos con auga limpa para nos refrescar.
Que ocorrerá cando os meniños xa non aprendan a escribir? Aínda que, se cadra, no mundo virtual as mans deixan de importar. Quen quererá tocar e a quen?
somos todo o que facemos / pero tamén o que desfacemos
Suscríbete para seguir leyendo
- El caso de los asesinatos de cuatro hermanas gallegas
- «Opero unos mil tumores de pulmón al año»
- Luca, el “terremoto” de los circuitos gallegos
- El legado de Eduardo Barreiros
- Tesoros forestales para (no) perderse en otoño
- «Ramsay llega tarde, la carne gallega lleva tiempo siendo la mejor del mundo»
- Los Quesada Legido, una saga de artistas
- Figueroa, de Redondela a la élite mundial del adiestramiento canino
