Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Vou repetir

O cerebro é o corazón

Fotograma de 'Interstellar'.

Fotograma de 'Interstellar'.

Os anos pasan ás veces sen chegar a producir un cambio substancial no tempo. Hai procesos que seguen como quedaron, e volver resulta un feito inesperado e fascinante. O normal é ter que esquecer, ou ben conservar un ideal como a única materia da existencia. Pretender vivir outra vez, sorrir e chorar polo mesmo, é coma xogar a ser Deus. Aparecer nun lugar e nun tempo converxentes, que reproducen algo que xa sucedera —un antes que é de novo o agora— comporta unha experiencia de fantasía.

Que nada cambiase supón un estado antinatural, e aínda resulta máis estraño que a nostalxia do pasado coincida coa felicidade actualmente. Se todo é como fora, como saber que agora, que isto por exemplo, non está a pasar onte? «O paso do tempo déixanos sempre a sensación de sermos obxecto dunha broma. Ten alma de ilusionista», escribe Diego Ameixeiras en ‘O cervo e a sombra’.

Hai algunhas situacións na nosa vida que permanecen igual, nun instante concreto, fixas como a composición dunha foto que conserva os recordos con nitidez, que mantén os feitos vixentes. Quedaran arrombados no noso interior, depositados nas profundidades da memoria, nesa capa da realidade que non controla os tempos do presente, esa que verdadeiramente ten moita máis forza, pois prendeu nas emocións e, ao regresar, se é que volve, todo o sentimento agroma de socate.

Pasaron máis de dez anos desde a estrea de ‘Interstellar’, un drama de ciencia ficción no que o director, Christopher Nolan, formula unha das grandes arelas da humanidade: como cambiar o decurso da vida, como fuxir a anos luz de distancia nun segundo, como saber que quere o futuro de nós, como mudar o pasado a tempo. Como vivir.

Cando Cooper percorre o buraco do espazo-tempo e se converte, en tempo presente, tamén no pasado da súa filla Murph, á que lle envía mensaxes co reloxo, pulsos a millóns de anos luz que a nena sempre asociara cunha pantasma, o tempo dá a volta, chouta e revírase coma unha folla nun vendaval.

O pasado domingo en Oseira, cando subín ao escenario canda a vellos amigos da Banda de Gaitas de Cea, e tocamos unha vez máis con Carlos Núñez, dezasete anos despois da que pensamos que sería a derradeira, o soño e a realidade foron un só acontecemento. A emoción abrollou coa mesma intensidade que daquela, e os recordos tornaron en felicidade, tanxible no presente. Na física, complexa, hai unha variable que resolve as ecuacións maxicamente: son os afectos. A clave é pensar co corazón.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents