Opinión | Antes de que me esqueza

O cineísta andarengo

Bernardino de Lamas (Alfonso Piñón Teixido).

Bernardino de Lamas (Alfonso Piñón Teixido). / Arquivo de M. G.

Coñezo dende hai un feixe de anos a Manolo González e o seu incasable e marabilloso labor, e me consta que estou diante dun dos máis importantes investigadores da historia do cinema galego. Creador da Escola de Imaxe e Son da Coruña, profesor de producción na Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo, impulsor do Arquivo da Imaxe de Galicia, procurador da memoria audiovisual da emigración... en fin. De cando en vez escribe e publica libros e, ultimamente, non deixa de sorprenderme. Pasoume con Nos días encantados de agosto (2022), biografía do pioneiro José Gil, con O Benshi de Galicia (2023), centrado na figura singular de Antonio Rey Soto, e agora faino con O cineísta andarengo. A propósito de Bernardino de Lamas, que é o volume que nestes intres teño nas mans, publicado por Edicións Embora.

Quen foi Bernardino de Lamas? Pois vaiamos por partes e engadamos un chisquiño de suspense...

No fai moito mais que un ano e pico, Manolo González andaba a procura de información sobre o artesán Juan Pardo de Lamas -un tallista de retablos en varias igrexas entre 1755 e 1763- para o deseño do cartel de promoción da IX edición do Chanfainalab (encontro de cineastas que se celebra en San Sadurniño dende o 2014 e do que Manolo é o seu principal impulsor). No decurso das pescudas sobre Juan Pardo (vaia, que casualidade!) Manolo «tropezouse» cun artigo escrito por un tal Bernardino de Lamas, titulado «Visiones cinematográficas», no que o autor describía a utilización dunha cámara de cine na parroquia de Lamas en xuño de 1924.

O nome daquel camarógrafo, intuíu Manolo, semellaba agochar unha historia prometedora, así que se dispuxo a rastrexar as pegadas daquel adiantado do audiovisual galego, absolutamente esquecido, por non decir descoñecido. Após da lectura de case varios centos de artigos publicados coa súa sinatura en El Correo Gallego, Manolo González descubriu varias cousas, e unha delas era que Bernardo de Lamas viña ser o seudónimo do xornalista ferrolán Alfonso Piñón Teixido, un «cineísta» afeccionado que chegou a filmar cáseque tres centos de películas en formato 9.5 mm na Galicia de 1924 a 1935. Isto é, un dos primeiros cineastas amateurs de Galicia, eses que apenas se cita ou dos que se pasa  por enriba. Por se fora pouco, Bernardino/Alfonso foi, tamén, un andarengo (que anda moito /Que gosta de andar por prazer ou costume, segundo o Diccionario Estraviz) comprometido coa natureza, un descubridor de sendeiros ocultos, un filósofo das corredoiras... Ao cabo, un precursor do ecoloxismo contemporáneo. E dito isto: ata aquí podo ler. Para saber mais, recurran ao novo e sorprendente libro de Manolo.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents