Opinión | Sputnik
Polo San Xoán a sardiña pinga o pan

A fascinación polas fogueiras. / Hernández/Arquivo FDV
Cantas noites máxicas hai nun ano? Noiteboa, Noitevella e a Noite de Reis son esenciais no meu calendario persoal. Saíndo do período do Nadal eu sumaría a noite de Samaín. Moitas persoas engadirían outra noite onde a palabra «máxica» adoita estar presente: a noite de San Xoán. Esta data que tradicionalmente se asocia co día de máis luz de todo o ano e coa noite máis curta, en Galicia celébrase con sardiñas, pan de millo, lume, auga e herbas aromáticas con propiedades curativas. San Xoán, como acontece con outras datas sinaladas do calendario, está marcada por un solsticio: o de verán. É o final dun ciclo que, ademais, coincide tamén co remate do curso escolar. O final da escuridade, a celebración do inicio da temporada gobernada polo sol e pola fertilidade. Din que todo o que se sementa nesta data acaba agromando. A noite de San Xoán é aquela onde queimamos o vello para abrazar o novo. Onde nos protexemos contra o mal de ollo, porque a superstición adoita estar na base de numerosísimos ritos que nos seguen acompañando na actualidade, aínda que non o lembremos, ou aínda que a orixe se perdese polo camiño. A protección contra o meigallo. O poder purificador do lume como tótem. Fascíname a cantidade de palabras que existen en Galicia para nomear as fogueiras: cacharela, cacheira, cachela, larada, lumarada, luminaria. Tamén me fascina o poder de convocatoria que posúe esta celebración. Esa capacidade de organizarse para xuntar leña nos días ou semanas previas, para ir construíndo en comunidade a estrutura da fogueira. Lembro as que faciamos cando eu era unha nena na zona de Beade. Teño presente aquel entusiasmo de recoller a madeira que ás veces combinabamos con toxos secos ou loureiro. Antigamente, as fogueiras facíanse nos cruces de camiños. Isto lévame a pensar nos cruceiros e na Santa Compaña (aínda que de santa ten ben pouco). É fermoso ver como ao pouco de prenderse a cacharela, empezan a voar as faíscas, como o cheiro a fume e a queimado toma o control nos barrios, como a tribo comparte un momento tan icónico. Os vellos e as vellas dicían que, cando a fogueira estaba xa practicamente consumida, coas lapas a piques de esmorecer, había que saltala tres veces para garantir a protección contra o meigallo. Non consigo lembrar cando foi a última vez que escoitei a frase coa que se acompañaba ese chimpo purificador, pero gardo a esperanza de que consiga desbloquear a lembranza de alguén que lea isto: «Salto por riba da fogueira de san Xoán, para que non me trabe cadela nin can, nin bicho vivinte que ande polo chan». Ignoro se se mantén viva a tradición de roubar portais. Parecíame tan divertido coma transgresor o feito de que existise unha noite do ano en que fose lícito roubar os portais das casas, e ilícito ofenderse. Coma unha especie de pacto tácito que permitía cometer esa falcatruada. Sospeito que pode estar relacionado co feito de que esa noite abre a porta que conecta o mundo dos vivos co mundo dos mortos, coma acontece coa de Samaín. O que non pode faltar na mañá de San Xoán é a auga coas herbas aromáticas. O romeu, a herba luisa, o fiúncho, a xesta, a herba de San Xoán, o loureiro, o hortelá, a artemisa, a macela, a malva, os estalotes... O importante é deixar o ramo dentro dun caldeiro de auga e que pase a noite baixo a lúa para que se impregne das propiedades máxicas, rexeneradoras e protectoras. Á mañá seguinte, a primeirísima hora, hai que lavar a cara con esa auga. É a maneira de garantir un ano completo de protección contra o meigallo. Creamos ou non no meigallo, nos portais que abren e no poder purificador do lume, é fermoso saber de onde veñen as tradicións, conservalas e, sobre todo, celebrar en boa compaña. Feliz San Xoán!
Suscríbete para seguir leyendo
- El jesuita gallego que escucha a los presos en Tailandia
- El caso de los asesinatos de cuatro hermanas gallegas
- «Opero unos mil tumores de pulmón al año»
- El legado de Eduardo Barreiros
- “Cuando gané el oro en Atenas sentí que rompía una maldición”
- La heroína de la justicia social
- Figueroa, de Redondela a la élite mundial del adiestramiento canino
- El retratista de recién nacidos