Opinión | Que din as rumorosas?

Saber marchar dunha festa

Unha persoa vai votar, coincidindo co entroido de Xinzo de Limia.

Unha persoa vai votar, coincidindo co entroido de Xinzo de Limia. / Brais Lorenzo

Os días sempre saben cando marchar. Uns apáganse de súpeto, coma unha luz fundida que deixa orfo un cuarto escuro. A outros cústalles e foxen coa luz enganchándose nas nubes, regalándolles cores para sobornalas, para non desaparecer. Se cadra os días non saben que mañá se repetirán, sempre distintos, sempre iguais.

A maquinaria das esferas celestais ten as súas regras e non funciona o código de cortesía, se acaso o de boa veciñanza. Os seres humanos operamos con outros criterios, malia que as nosas normas teñan tamén moito que ver coas relacións que se establecen entre corpos, coas leis de atracción e mesmo da repulsión.

De Cincenta herdamos un dos grandes problemas filosóficos irrelevantes da vida contemporánea: é de sabios marchar a tempo. Cando é a hora correcta? Nin cedo nin tarde de máis, respostaría un preconizador do equilibrio a unha pregunta tanto acaída a ceas de empresas como á temporada alta de vodas, bautizos, comuñóns, festas, festivais, romarías, charangas, xuntanzas de comunidades de veciños e convivencias variadas e heteroxénas.

Sempre se estilou iso de preparar a chegada, pero saber marchar esixe non só precisión, senón tamén enxeño, ás veces mesmo loita contra os elementos que turran por nós para tentarnos. «Hay que saber irse de una fiesta», canta León Benavente.

Fálase ás veces dunha hora prudente, un concepto impreciso que case apela ao seu contrario, á imprudencia, para enxergar onde colocar o límite, aínda que o tempo pouco saiba de moralidades e ademais a prudencia sexa unha virtude en desuso, impropia dun tempo no que os excesos suscitan admiración e non crítica.

E quen di marchar pode dicir renderse, que é semellante, pero con máis consecuencias porque non renunciamos a dúas horas de potencial esmorga, senón a soños. Hai quen defende que unha retirada a tempo é unha vitoria. Aínda que soe a derrota ou, como mínimo, a retroceso, é lexítimo preguntarse cando unha demanda, por pertinente que pareza, comeza a resultar impertinente, cantas repeticións se precisan para romper a barreira da tolerancia ou cando é lexítimo renderse, deixar de insistir, claudicar.

Se cadra estes tempos de barbarie non son axeitados para falar de urbanidade e talvez os ánimos estean máis preocupados polo urbanismo ou polos prezos do alugueiro. Todo ten que ver coa urbs, e, se cadra, convén reivindicar a rusticidade, repudiada polos urbanitas como inferior. E, xa de paso, marchar cando nos pete.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents