Opinión | Vou repetir

O mar que habito

Una persona pasea por la playa de Samil.

Una persona pasea por la playa de Samil. / Adrián Irago

Hai poucos momentos que resulten tan significativos como cando experimentamos, meses despois da última vez, o reencontro co mar, no bordo da praia, coa escuma que rompe contra os nocellos e as dedas, e a auga do océano no limiar rube polos xemelgos ata que enchoupa as perneiras dos pantalóns, por moito que as refuciramos. O mar conxúrase coa lixeira brisa da costa de comezos de xuño e esa mestura fresca agarima a faciana e achega un recendo salvaxe, tépedo e salgado.

De pé, diante desa masa de auga inconmensurable, todo en comparación torna en pequeno. O tempo cambia de dimensión, o murmurio das correntes que alcanzan o continente produce un efecto semellante ao da hipnose —como consegue tamén a contemplación do lume—, e os pensamentos e os problemas marchan coas ondas en retroceso. A resaca fai que nos afundamos uns centrímetros, chantados na area mollada. A un tempo, o océano turra pero tamén terma de nós.

Para os que somos dunha provincia de interior, confinada polas súas estremas, a relación co mar é moito máis estreita. Cando pouco se ve, bótase de menos. A súa ausencia está connosco mentres observamos acotío un horizonte verde e gris, de monte e asfalto, entre o rural e a cidade. O reencontro co océano supón un proceso que parte da idea, que comeza co afán e a necesidade de volver. Remata na beira, no último achegamento desde o paseo e o cantil ata o contacto inicial da agua brava cos pés. Esa constitúe a única inmersión ás veces.

Acudir de xeito ocasional convérteme por dereito, a min tamén, nunha persoa mariñeira, nun home de costa que, por circunstancias, vive a cen quilómetros de distancia da praia máis próxima. Resido lonxe pero sinto igualmente que habito ese medio. Leo a Milena Busquets en ‘Ensayo general’, e recoñezo as sensacións que describe a autora, afeita ao Mediterráneo e a Cadaqués. «Cada baño en el mar es un baño feliz (...) En el mar es cuando más advierto la diferencia entre el cuerpo y el alma: el cuerpo se pliega, obedece, se relaja, el cuerpo es agradecido, incluso viejo a veces sigue siendo como un cachorro contento y satisfecho. El alma es ingobernable».

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents