Opinión | Dende a fiestra
Borja Iglesias, sempre no meu equipo

Borja Iglesias, durante el partido contra el Getafe. / Sergio Reyes Robledo | LOF
Sentado diante da fiestra, escoito con pouca luz os Preludios, de Frédéric Chopin, na versión de Vladimir Ashkenazy. É a súa, unha música delicada, chea de matices e contrastes. Toda unha vida dedicada ao piano; unha música pensada para interpretar en veladas (as soirées), ateigada de rigor, sensibilidade e sinxeleza, afastada das exasperacións e do amaneiramento. Unha música deliciosa que acompaña.
E a que vén comezar a falar do compositor polaco? Pois a razón atópase nunha breve e marabillosa novela do escritor sudafricano –que me encanta–, J.M. Coetzee, que se titula El Polaco (Ed. El Hilo de Ariadna): unha variación moderna e irónica da lendaria historia do Dante e Beatrice. Un home e unha muller atópanse en Barcelona unidos pola música de Chopin. Novela delicada e sutil como a música chopiniana. Un texto moi belido que me seduciu profundamente e que recomendo. Moi boa literatura.
Remataba Ashkenazy (agora unhas baladas) e, ao prender a luz, descubrín, como se fose unha chamada, unha fotografía dun futbolista modélico: Borja Iglesias. E, coma un lóstrego, veume a idea –mil veces retrasada– de escribir un artigo sobre un xogador que levo ben tempo admirando, non só pola calidade que posúe (que tamén), senón pola súa personalidade e o seu compromiso.
Sabido é que os futbolistas, en xeral, son moi pouco –ou nada– interesantes para as persoas que buscamos opinións valentes e fondas sobre esta sociedade nosa tan voluble e falta de ideas que ilusionen. Pero Borja, non. Borja é diferente. Borja pertence a esa clase de deportistas (ben poucos, por certo) que rachan moldes e convidan a seguilos e aplaudilos independentemente dos seus goles, as súas canastras ou as marcas que acaden.
A marca de Borja, o seu mellor gol, é a liberdade e a humanidade para enfrontarse a aquelas situacións que concirnen ao ser humano. E Borja faino dende o convencemento de que un non pode agachar a orella, calar, disimular e deixalas pasar sen máis. Non, Borja é un loitador no céspede e fóra del. E iso é admirable, porque non é doado elevar a voz para denunciar inxustizas.
Preguntado por Clemente Garrido se non se expón moito nas RRSS, a resposta de Borja non puido ser máis ética e categórica: «Coido que dende a miña posición teño certa forza para mellorar algunhas cousas, aínda que, ás veces, é difícil. Pero é onde me sinto a gusto e como mellor durmo».
Non esquezo o apoio de Borja Iglesias ás xogadoras da selección feminina, cando o infausto Rubiales bicou sen consentimento a Jenni Hermoso, asegurando que non volvería á selección se fose convocado. Unha opinión ben diferente da expresada polo gardameta do Athletic, Unai Simón, quen afirmou que eles estaban alí para xogar e nada máis. E radicalmente oposta á vergoñosa aparición do capitán, Morata, no mesmo sentido, representando os seus compañeiros.
Borja Iglesias tivo que soportar comentarios e aldraxes homófobos, cando decidiu pintar as uñas de negro a prol do movemento antirracista Black Lives Matters, ou os insultos recibidos xunto con Aitor Ruibal por subir unha foto onde levaban un bolso. Un odio que salpicou a súa familia.
Non podo esquecer tampouco o apoio que deu ao compañeiro de profesión, Kilyan Mbappé, cando nas pasadas eleccións xerais francesas, o futbolista galo fixo un chamamento á cidadanía a votar, tomando consciencia da situación ante o perigo da extrema dereita de Le Pen, invocando a necesidade de identificación do pobo cos valores de respecto. Afirma Borja: «Temo a extrema dereita porque non ten límites. Quero que se vote sen pensar unicamente en si mesmo, senón tamén na comunidade e en quen sofre».
Borja ten moi claro que esta actitude destrúe valores e degrada o ser humano.
Consciente da homofobia existente na sociedade, Borja Iglesias, reclama a necesidade de normalizar e convivir entre todos rexeitando calquera tipo de fobia, para facer que se poida convivir con normalidade na nosa sociedade, ás veces, demasiado ruín.
Borja Iglesias quere estar tranquilo consigo mesmo, malia que non lles guste aos demais. Por iso segue a loitar contra esas taras que impiden que cadaquén goce, con liberdade e respecto, como lle dea a gana.
Non lle sorprende que haxa insultos racistas e homófobos nos campos de fútbol, porque seguimos vivindo nunha sociedade na que o respecto cara aos demais é algo que vemos moi lonxe. Consciente de que a cultura machista predomina, está convencido de que nos falta moita educación na diversidade sexual. Esta sociedade, penso eu, segue sen estar libre dos prexuízos de xénero.
Borja non se agocha. Denuncia. É valente.
Borja Iglesias encántame como futbolista; como persoa, máis.
Borja, sempre no meu equipo. É un exemplo.
Suscríbete para seguir leyendo
- El jesuita gallego que escucha a los presos en Tailandia
- El caso de los asesinatos de cuatro hermanas gallegas
- «Opero unos mil tumores de pulmón al año»
- El legado de Eduardo Barreiros
- “Cuando gané el oro en Atenas sentí que rompía una maldición”
- La heroína de la justicia social
- Figueroa, de Redondela a la élite mundial del adiestramiento canino
- El retratista de recién nacidos