Opinión | Vou repetir

Declaracións con conservantes

Siniestro Total, en la redacción de FARO, en 1983.

Siniestro Total, en la redacción de FARO, en 1983. / Magar

Cada apuntamento representa a realidade dun intre concreto pero a súa vixencia esténdese e abrangue un período que nunca rematará. Borges consideraba que a escritura atenúa o decurso do tempo. As notacións diminúen a importancia do presente ou do pasado dos verbos. O que está escrito permanecerá. As palabras que alguén expresou nun segundo adquiren un valor case documental.

Volver ao que se deixou anotado é unha maneira de deter as présas e de recuperar o tempo que fuxiu. As notas dun xornalista teñen valor de lei.

«A suspensión da pena de prisión queda condicionada a que non cometa ningún delito nos vindeiros dous anos», advirte a xuíza a un acusado que acepta unha condena leve por roubo. «Este é un día emotivo para todos nós, unha homenaxe para os que non están. A nosa obriga é recuperar a memoria das vítimas», expresa unha das autoridades nun acto de honores a represaliados pola ditadura. «Un voluntario de Cruz Vermella ofrece a D. unhas luvas, uns calcetíns, unha esteira para deitarse, un gorro, un impermeable, e conversa co home mentres lle achega un café quente e alimentos», apunto durante unha reportaxe sobre as persoas sen teito. «A felicidade non precisa filosofía», escribo entre unha selección de frases que, dun xeito máis ou menos casual, se vencellerán en harmonía ata configurar un artigo.

Algunhas manifestacións que foron expresadas nun momento determinado conservan unha forza inesgotable. Emparellan a súa relevancia coa dos protagonistas que as escolleron nun lapso brevísimo, no curto proceso entre o pensamento e a fala, como se soubesen que esas verbas, e non outras, deberían quedar na posteridade. Son ideas que non perderon interese malia o paso dos anos. Son palabras intactas, en formol. O instante converteuse en presente histórico. O xornalismo xera manifestacións que non se esquecerán. As mellores entrevistas producen declaracións con conservantes. En ‘Un tiro para Méndez Ferrín e outras historias’, un libro de Xosé Manuel del Caño, hai mil anécdotas imperecedoiras. En 1966, o ourensán Alfonso S. Palomares, que chegaría a presidente da axencia EFE, intentou entrevistar a Fidel Castro. Achegouse ao mandatario de Cuba durante a Conferencia Tricontinental, e dixo:

— Comandante, eu fun o último xornalista que entrevistou a Ben Bella antes do golpe de Estado.

—Oes, e por que non vas ver a Johnson —o presidente de Estados Unidos daquela—, en lugar de a min? —respondeu Castro, nunha cita que co tempo aínda emite resón.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents