Opinión | Que din as rumorosas?
A obsesión polo físico

Cada vez tocamos e tocámonos menos. / Brais Lorenzo
Cada vez tocamos e tocámonos menos, aínda que supostamente nos conectemos máis. Os lazos de unión deixaron de encorparse e flotan no ciberespazo. Renaceron en forma de etéreos ceros e uns que semellan existir só porque cremos neles coma nuns ladrillos que conforman o tecido do Novo Mundo. Ata os cartos existen só en teoría. Vivimos, non nas nubes, senón na Nube.
Agora que ata algunhas obras de arte dos museos se poden tocar, a humanidade derivou nun fato de santotomases descridos que xa non precisan inserir o dedo na chaga para imaxinar a dor. Abonda con que lla conten ou, mellor, con que lla amosen, porque o ver para crer erixiuse na relixión universal.
Fíxoo xusto cando o que se observa, se cadra, existe só na mente dalgunha computadora avanzada que calquera día soñará con ovellas eléctricas e ao espertar non entenderá por que ten que conformarse con facer estúpidos traballos para os máis lacazáns da escola.
No Novo Mundo non fan falla reprodutores de DVD nin de discos de música nin carretes para cámaras analóxicas nin estanterías para libros. Abonda un portátil sobre unha mesa minimalista e, se cadra, un móbil para pedir auxilio ante tanta sobriedade e obter todos os “likes” posíbeis.
Os obxectos físicos ocupan lugar, un espazo que esixe loitar, e pagar, por cada metro. Ese anhelo trasladouse ao virtual, pero a virtualidade non obriga a dobregar o lombo carrexando caixas nas mudanzas, pese a ocupar ás veces moitos xigas.
O físico perdeu relevancia, malia a que a física siga a ordear as leis que rexen a vida dos mortais e que o aspecto decida non só quen se coroa miss universo, senón quen gaña máis, como proclaman algunhas revistas. Non do corazón, senón outras que se din científicas: a fermosura adoita inclinar a balanza da xustiza cara o seu “halo”.
O destino dos obxectos físicos no Novo Mundo é seren arrombados en rastros, pero unha pequena resistencia aguanta e consegue que os libros de papel continúen a mirar por enriba do ombreiro os dixitais mentres as modas, e os coleccionistas morriñentos do pasado, sacan o po de vinilos, aparellos fotográficos e filmes.
Nese proceso de extinción da realidade tanxible irá sucumbindo o accesorio, posiblemente tamén os humanos, e quizabes algún día nos saque dos conxeladores algunha avanzada intelixencia artificial que teña morriña dos vellos tempos e queira que alguén lle conte como era aquel mundo onde a realidade se podía tocar, ulir e ata saborear.
Suscríbete para seguir leyendo
- El jesuita gallego que escucha a los presos en Tailandia
- El caso de los asesinatos de cuatro hermanas gallegas
- «Opero unos mil tumores de pulmón al año»
- El legado de Eduardo Barreiros
- “Cuando gané el oro en Atenas sentí que rompía una maldición”
- “La crónica de cómo llegaron a Galicia los restos del Santiago no tiene ningún fundamento”
- La heroína de la justicia social
- Figueroa, de Redondela a la élite mundial del adiestramiento canino