Opinión | Vou repetir

A oficina da xente feliz

Por "The Office" non pasa o tempo

Por "The Office" non pasa o tempo / Chris Haston (EFE)

Michael Scott está sentado na cadeira do seu despacho e diríxese a nós, ao outro lado da cuarta parede. Un plano medio adianta que o que ten que contar ha de ser importante, así que o público agarda á expectativa, cos oídos atentos. «Quero que a xente teña medo do moito que me quere». A serie, presentada en formato de falso documental, achega intervencións absurdas, elementos humorísticos como resposta para todos os problemas, sen esquecer en cada unha das historias dos 201 episodios das 9 tempadas o tratamento dos grandes temas da humanidade, como o amor e a amizade, e a procura constante da felicidade, aínda que sexa desde un traballo aburrido nunha oficina gris.

Hai vinte anos que se emitiu o primeiro capítulo de The Office e este é un dos casos en que a medida do tempo non significa o mesmo que no común das situacións. As boas obras audiovisuais, como acontece tamén cos mellores libros, seguen vixentes no momento en que un lector abre as páxinas e descobre a historia, e nesa primeira vez en que o espectador goza co guión que torna en presente cada vez que alguén contempla unha secuencia que non vira. A data da creación é un dato que non importa demasiado porque é a experiencia do aquí e o agora a que se apropia do tempo e vencella os libros, as películas e as series coas épocas nas que se desfrutan.

Na nosa casa, The Office é a serie que nos axudou a fuxir da insoportable rutina da pandemia. Mentres todo ao redor resultaba deprimente, durante os vinte minutos de cada capítulo era posible estar nun mundo mellor, onde a risa non semellaba unha reacción desapropiada. O presente amosaba ser máis esaxerado que algunha das situacións absurdas que un pode desfrutar na serie.

Despois de dar unha charla sobre prevención de lumes na que ninguén dos seus compañeiros prestou demasiada atención, Dwight Schrute decide causar un pequeno incendio na oficina para obrigar á acción. «A xente aprende de moitas maneiras pero a experiencia é a mellor mestra», defende, mentres prepara a emerxencia. «Hoxe, o fume salvará vidas», engade no momento de prender lume nunha papeleira. O que vén a continuación compón unha das mellores secuencias de comedia da historia da televisión. «Lume, vaia por Deus», di Dwight, e non deixa de dar indicacións sobre o procedemento axeitado, mentres os compañeiros bulen nun caos absoluto. O humor de The Office sana e pode cos malos pensamentos. Polas mellores obras non pasa o tempo.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents