Opinión | Que din as rumorosas?

A cadea que nos suxeita ao mundo

Dúas persoas danse a man

Dúas persoas danse a man / Brais Lorenzo

As cadeas teñen mala sona porque atan. Os elos que as conforman, ben apertados, simbólicos ou dos que se oxidan, inmobilizan e son arrastrados por pantasmas entre arañeiras e po en contos tristes. Pero hai cadeas que nos liberan porque contribúen á nosa comprensión da realidade. Os ecosistemas funcionan así e cabaliños do demo, morcegos e ras deixan de ser compañeiros de viaxe para ascender a coautores do mundo. Perder un elo pode significar perdelo todo porque a parte extraviada é sempre a que xungue a nosa existencia á arbore colgada no barranco asomado sobre o abismo.

Os aros do metal precioso da vida sofren a erosión do tempo e da nosa conduta. Tanto turramos por esa cadea que ao final se esnaquiza e faino polos puntos máis febles, por máis que en teoría constitúan unha sucesión de nós sen xerarquías. Van quedando menos pardais nas nosas vilas e as andoriñas, cada ano máis precoces, xa non colonizan aleiros enteiros coma turistas cobizosos. Desaparecen aldeas cando os seus derradeiros veciños morren ou son enterrados vivos nunha residencia lonxe do seu lar mentres se esvaecen especies enteiras.

Porén, andan os científicos alborotados con recrearen especies perdidas, con devolvelas a un paraíso do que nos autoexpulsamos e ao que vetamos a entrada a quen non poida pagala. Entre tanto, imos camiñando cara a atrás para non ver o destino ao que nos diriximos, por se acaso. Nesa danza coa realidade, seguimos perdendo futuros, empeñados en resucitar o (non sempre feliz) pasado. Agora tócalles volver aos mamuts —xa criaron ratos co seu pelo—. Que será o seguinte? Rebobinar millóns de anos antes de nós, ata Parque Xurásico?

Mentres uns fan, outros desfán: algúns dos que afían coitelos e engraxan escopetas de caza seguen a desexar descontar da terra rinocerontes brancos ou criaturas coa mala sorte de naceren, especulan as supersticións, coa virtude de alongar a vida ou a virilidade ou que simplemente locen ben en calquera rito inventado polos humanos para pensar menos na propia caducidade. Hai quen ansía resucitar todos os lázaros, sen medir os efectos, mentres outros teiman en enterralos de novo.

Por desgraza, só se pode desextinguir o que xa foi extinto. Oxalá deixarmos de ser extintores de vida. Se preservamos o que existe, polo menos non danaremos a cadea da que somos o elo máis vulnerábel e gañaremos tempo antes de nos converter nun fósil máis.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents