Opinión | Dende a fiestra
A LIX entre a ética e a estética

Unha rapaza le un libro tumbada no sofá. / FDV
Sentado diante da fiestra, coas cortinas corridas, escoitando música de Bedrich Smetana, noto certo desacougo literario, só salvado pola audición de Ma Vlast, fermoso poema sinfónico do compositor checo, ao tempo que reflexiono sobre literatura infantil.
Teño para min que estamos a vivir un período de baixo nivel da LIX. Falta calidade en moitos dos libros que se publican, non só en Galicia, senón a nivel xeral. Abúsase das modas, dos terreos trillados e falta imaxinación. Debemos preguntarnos cara a onde vai hoxe a literatura. Levo tempo escoitando voces que están avisando desta situación.
E penso que dúas características imprescindibles nos libros para a rapazada son a ética e a estética como conceptos irrenunciables. Se os escritores imos na procura dos valores intrínsecos da estética, xa comezamos a ser éticos, pois facer arte da palabra debe ser un compromiso ineludible. A arte humaniza.
Ningún escritor ou escritora debe ser alleo a ambos conceptos. Non podemos prescindir da autenticidade na nosa obra literaria.
Os nosos escritos deben ser fieis ao compromiso que nos impulsou a escribir: facer que a literatura sexa unha arte disposta a acadar lectores competentes, abertos, tolerantes, emocionados, reflexivos con textos que abran camiños na vida.
O escritor ético debe crear un discurso coherente coa súa forma de pensar a literatura, pero nunca escribir reducindo a súa obra a textos de contidos superficiais. É importante que exista un compromiso íntimo de atracción lectora sen traizoar a nosa voz literaria para seducir o lectorado, porque, se así non for, menosprezaría tanto ese lectorado coma a si mesmo. Hai que manter a honestidade da escrita á marxe de modas. Só un discurso ético dá valor a o que se escribe.
Por todo isto, a honradez con nós mesmos, e comprender que para os nenos e nenas non vale calquera cousa resulta necesario. Debemos ser esixentes na calidade do escrito e non reducila a mera anécdota. Empregar a intelixencia para que os lectores/as se divirtan e sintan que algo se moveu dentro deles tras a lectura. Provocar preguntas para que busquen respostas, afastalos de textos sensibleiros que os rebaixen a seres de segunda categoría, porque non o son. Ignoro os libros utilitaristas (libros de autoaxuda disfrazados) que se instalan en lugares comúns e empobrecen a verdadeira literatura.
Un libro ético é aquel enfocado á literatura sen adxectivos; esa literatura que fai do ser humano o que é: unha persoa en constante evolución formativa e que, a través da estética, lle permite medrar por dentro.
E xa que nomeo a estética, falo da beleza dos textos (coidados, correctos, limpos, directos, provocadores de sentimentos, orixinais, serenos, cheos de contidos…).
Non me gustan os textos baleiros, de fogos de artificio que non provocan case nada. Textos sen fondo, superficiais. Textos illados de emoción, tramposos no seu planteamento.
Emoción, palabra clave da estética. Que é a literatura sen emoción –e non digamos a poesía–? : unhas construcións artificiais que non penetran no interior de quen le.
A estética ten que basearse nunha complicidade entre o fondo e mais a forma. Ten que axudar a formar lectores sensibles sen que o pareza e procurar unha conciencia lectora e humana libres e sen artificios coa beleza literaria como eixe.
Textos coidados, cunha linguaxe precisa, instalados na corrección sintáctica, na puntuación clara e limpa, con palabras / versos / parágrafos sinxelos –ou non tanto– sendo conscientes de que estamos falando de LIX. Iso si: endexamais simples.
A estética debe contaxiar o lectorado con imaxes e historias ben construídas, que sacodan, que non o deixen indiferente e que o leven polas canles da curiosidade.
Temos que ser coidadosos e tecer un discurso coherente, tendo en conta que son rapazas e rapaces que están medrando. Iso non debemos esquecelo.
Innegociables son a claridade expositiva, os temas sedutores, as imaxes poéticas belidas e a utilización artística da palabra, ese tesouro que temos que salvagardar da fealdade e do chocalleiro que tanto dano fan á literatura. Esa literatura que se ve intoxicada, demasiadas veces, pola vulgaridade e pola falta de respecto a un lectorado que precisa referentes para darlle sentido á súa vida.
Vai sendo hora de que reflexionemos e de que sexamos conscientes do problema e tratemos de solucionalo entre todos.
Suscríbete para seguir leyendo
- El caso de los asesinatos de cuatro hermanas gallegas
- «Opero unos mil tumores de pulmón al año»
- Luca, el “terremoto” de los circuitos gallegos
- El legado de Eduardo Barreiros
- Los famosos gallegos de la lucecita
- Tesoros forestales para (no) perderse en otoño
- «Ramsay llega tarde, la carne gallega lleva tiempo siendo la mejor del mundo»
- De un vestido de lentejuelas de su abuela a millones de reproducciones: así se labra el éxito en redes esta influencer viguesa



