Opinión | Sputnik

A noite máis linda do ano

A noite de Reis, a máis linda do ano.

A noite de Reis, a máis linda do ano.

Sempre me custou decidir que noite é a máis linda do ano. Porque a do 31 de decembro é aquela que pecha un ciclo e abre a porta a outro novo. É un xeito de escenificar a posibilidade dun cambio a mellor, de aí esas listas de bos propósitos que lemos cada ano por todas as partes, ou esas declaracións públicas que consisten nun balance anual. O que logramos e ao que aspiramos. A vontade de cambio. Outro tema é ter a lucidez e a intelixencia de analizar a posteriori os propósitos que fomos quen de materializar. Pero isto esixe un nivel de autocrítica polo que non sempre estamos dispostas a pasar. En realidade, malia que o Nadal está marcado pola relixión e o nacemento do Neno Xesús, hai outro feito relacionado con aquilo que empeza: o solsticio do inverno, o comezo desa nova estación á que dá paso o outono. É cando ten lugar o día máis curto e a noite máis longa do ano no hemisferio boreal. Ao contrario do que sucede no hemisferio austral, coma nunha especie de xogo de espellos. En realidade, máis alá do cambio de estación e do número de ano no calendario, a vida continúa polo mesmo camiño. De nós depende ser quen de romper o padrón que seguimos ou mudar de sendeiro. Mais non nego que é ilusionante sentir e abrazar aquilo novo que comeza e desexar o mellor para as persoas queridas. Persoalmente sempre me fascinou a noite de Reis, coma se estivese bendicida cun meigallo, malia que isto semelle contraditorio. Nas últimas décadas percibo unha especie de viraxe cara a noite do 24 de Nadal, imaxino que por un afán práctico. Todo o que chega ás casas na Noiteboa pode ser gozado ata a volta dos pícaros ás aulas. E aquí, as necesidades das nenas e os nenos, mandan. Pero a tradición das cabalgatas, ese desfile impoñente, a chuvia de caramelos é unha tradición tan poderosa que resulta imbatible. Podemos xogar a mudar as datas e inclinar a balanza dos agasallos cara a outra data, pero hai sucesos inamovibles, e está ben que sexa así. Ti es de Reis ou de Papá Noel? Pois de todos, canto máis, mellor, pensarán os nenos e nenas. Non teño nin idea de se lles estamos explicando que esa tradición está baseada na Biblia, na visita deses tres magos de Oriente que visitaron o Neno Xesús para ofrecerlle agasallos e que o que se fai poñer as nenas e nenos no centro, lembrando eses presentes que os magos entregaron a Xesús. Que por esa mesma razón acostumamos deixar comida e bebida para os Reis e os seus camelos, porque ese foi o xeito en que se desprazaron ata Belén nunha viaxe longa e esixente. Supoño que non importa en exceso porque, sexas unha persoa relixiosa ou non, participas do rito. Como fuxir del? Talvez simplemente non queiras. Que a tradición é algo que trouxo a relixión? Perfecto. A min compráceme o feito de agasallar e ser agasallada e ter un día no ano onde todo se enche de papeis de cores, lazos, sorrisos e confeti. Non pasa nada. E que importa desexarlle aos demais “Bo Nadal” ou “Boas Festas”? A fórmula non é tan decisiva, o verdadeiramente valiosos son os bos desexos, esa intención. Adoitamos chegar á noite de hoxe e ao día de mañá algo exhaustas. Coma se o Nadal fose unha proba física e psicolóxica obrigatoria á que nos enfrontamos cada ano. E así é, exactamente así. Pero, malia todo, oxalá saibamos lembrar e atopar un chisco daquela ilusión que sentimos unha vez, hai tantas décadas, cando estabamos absolutamente seguras de que ese ruído que escoitabamos ao fondo do corredor eran os pezuños dos camelos golpeando contra o chan das nosas casas, na noite máis linda do ano.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents