Opinión | Que din as rumorosas?

Cos meus mellores desexos

Nubes nacidas en días azuis

Nubes nacidas en días azuis / FDV

O corazón bate uns 42 millóns de veces por ano, millón arriba, millón abaixo, porque hai quen vive paseniño mentres outros corren. Sexa como for, é difícil levar a conta. Deixamos en segundo plano as tarefas das que pode ocuparse o noso corpo, delegamos nel responsabilidades. No de respirar e no de latexar confiamos no seu criterio. Ou no da natureza, que vela por que aos despistados non se nos esqueza existir. 

Nese tipo de asuntos, optamos polo laissez faire, como se fósemos partidarios do libre mercado sen filtros. En cambio, discutímoslle inclinacións que sentimos cuestionábeis cara a certos hábitos, alimentos, posicións no eixo de coordenadas ou costumes que desentoan cos obxectivos do noso espírito. Por iso non é estraño pórmonos deberes e que sexa o corpo o primeiro en notar as consecuencias: practicar deporte, comer san, deixar un mal hábito, mellorar a calidade do sono, gozar de máis tempo cos amigos

Acadar eses obxectivos, que son tan propios destas festas e que nacen xa coa data de autodestrución prendida, leva tempo e non dispomos de tanto. Temos que rexelo. Se descontamos os 120 días que pasamos a durmir cada ano, quédannos 246 —que en 2024 tocou día extra— para encher de contido. Asumindo que outra terceira parte a adicamos a traballar ou a estudar, quedaríannos 120 días. Non semella gran cousa, para vivir, o que se di vivir, para ser proactivos, empregando ese vocábulo de moda que soa tan pouco literario como emprendemento ou externalización, que é xusto o que fai o noso corpo por nós niso de latexar e respirar para poder adicarnos a outros mesteres.

Só disporiamos de catro meses e aí incluiríanse as tarefas domésticas e as obrigas familiares, as concesións aos lugares comúns, as declaracións da renda, as visitas ao dentista, os concertos e os desconcertos, os sustos, nos filmes de medo e fóra deles, os milagres do cotián, os saltos nos charcos, as festas de gardar e as de desbotar, as benvidas e despedidas a visitantes fulgurantes froito dunha vida que tende a globalizarse ou os espaventos diante das inxustizas, cada vez máis recorrentes. Ata as conversacións de ascensor levan tempo, e iso que hai quen prefire mirar o móbil e estudar a evolución dos afectos na bolsa.  

Fálase de facer un bo uso de internet ou dos bens naturais. O tempo tamén é un recurso valioso. Facer un emprego axeitado del é o meu desexo para todos nestas datas: aforrar uns cantos minutos cada día para gastalos en xogar a adiviñar animais de peluche nas nubes nacidas en días azuis a carón da xente querida.

TEMAS

Tracking Pixel Contents