Opinión | Dende a fiestra
Xardíns

Xardíns do Pazo Museo Quiñones de León / Marta G. Brea
Sempre me sentín fascinado polos xardíns. Eses universos de cores, de fragrancias, de árbores, de flores xogantinas, de plantas ornamentais e… de ilusións, que che facían crer que vivías nun mundo natural e máxico. Estreitos carreiros de mirtos polos que corrías gozando da liberdade que agochaban eses espazos marabillosos.
A visión dun xardín enchía de cor os ollos expectantes dese neno que notaba uns estímulos sensoriais moi profundos.
Agora, xa maior, sentado diante da fiestra , sigo a pensar, e a saudar con xúbilo, neses lugares tan ben deseñados por artistas de xardinaría quizais descoñecidos.
E que xardíns me veñen á mente? Pois os da Alameda e os do Castro, que percorrín ben veces. Mais levo ben dentro os xardíns do Pazo-Museo Quiñones de León. Pero non só. Hai outra sorte de xardíns que habitan en min de maneira perenne: os xardíns poéticos creados polos grandes escritores que fixeron da poesía un espazo florido nos seus versos.
Os primeiros -por exemplo os de Castrelos- son xardíns físicos que se instalaron na miña nenez sen pedir permiso. Son un regalo do ceo que ficaron tallados no meu corazón infantil.
Os segundos, chegaron onda min bastantes anos máis tarde e, dende aquela, visítoos a miúdo. Son xardíns, como dixen, poéticos, porque a poesía, estou convencido, é un fermosísimo xardín de palabras, de versos, de imaxes que conmoven os sentidos.
Os primeiros, os do Pazo Museo-Quiñones de León, fan as delicias dos visitantes nunha contorna natural espectacular. Posúen unha beleza engaiolante con cinco partes moi ben diferenciadas: o xardín de acceso, o roseiral, o francés e o bosque con grande abundancia de árbores centenarias. Moito corriquei polos carreiros; moitas fotografías me fixeron de cativo; moita auga bebín nas fontes de pedra que neles estaban. E xa pasados os anos lembro os moitos intres de serenidade alí vividos. Permanecerán sempre na miña retina as imaxes dun espazo único, co pazo orgulloso de ter nas súas costas ese pequeno Versailles enfeitizante.

José Lores
O segundo xardín, conformado por palabras coma flores, coma tesouros que abrollan para remover os meus sentimentos, consegue que viva nun estado de felicidade a través da poesía e da emoción que conteñen os versos.
Gústame vivir nos xardíns dos poetas. Gústame ulir os seus poemas. Gústame perderme polos carreiros das metáforas.
Existe un xardín especial polo que non pasa o tempo. É o xardín de Lorca. Porque Lorca é un xardín cultivado grazas ao gusto e á fina sensibilidade que leva dentro. O xardín de Federico ten a fermosura da palabra escollida e xusta. O seu é un xardín que acariña debido á fermosa linguaxe —ás veces dorida; ás veces coitelo— que emprega; unha linguaxe que resulta un verdadeiro desfrute para os sentidos. E, literalmente, no xardín de Federico atopamos moitas clases de flores, de herbas, de árbores, compoñentes chave desa poesía lorquiana, sempre tan cargada de voz, de cor e de significado.
Lorca é beleza poética. Lorca é un xardín frondoso que engaiola.
E por que falo de Lorca, cando xa o fixen aquí mesmo algunha vez? Pois porque nos seus poemas aparecen máis de cen especies naturais de plantas e flores e árbores. Non é Xardíns o título deste artigo? Pois iso. («Silencio de cal y mirto/ Cuando la tarde se puso morada, pasó un joven que llevaba mirtos/ de luna./ Arbolé, arbolé, seco y verdé»)
Un poeta en constante diálogo coa natureza durante toda a súa vida. («Sobre las acacias viejas/duermen pájaros errantes»). Lorca incorporou á súa obra árbores e flores de todos os lugares que habitou. Por iso afirmou que todo libro é un xardín. Afortunado todo aquel que o sabe plantar —di o poeta— e benaventurado quen corta as súas rosas para o pasto da súa alma.
Teño nas mans un libro interesantísimo, que me regalou unha boa amiga: Un herbario lorquiano.Todas las flores, hierbas y árboles que crecen en la obra de FGL. (Folioscopio, 2024). Este libro levoume a entrar no seu xardín. Un xardín de poesía e de teatro que alberga 143 especies naturais. Algunhas son escasas, a maioría recorrentes, unhas cantas case endémicas; pero todas están cargadas de voz e significado.
Un pracer gozar dos diversos xardíns; eu, ademais, percorrín o xardín de Federico.
Suscríbete para seguir leyendo
- El jesuita gallego que escucha a los presos en Tailandia
- «Opero unos mil tumores de pulmón al año»
- El legado de Eduardo Barreiros
- En Vigo entendí la importancia que para un trabajador supone tener conciencia de clase
- Los camarones de la Ría de Vigo al descubierto
- “Cuando gané el oro en Atenas sentí que rompía una maldición”
- “La crónica de cómo llegaron a Galicia los restos del Santiago no tiene ningún fundamento”
- La heroína de la justicia social