Opinión | SPUTNIK
«España, camino de ida y vuelta»
«España, camino de ida y vuelta». Este é o lema da Feira Internacional do Libro de Guadalajara que abriu as súas portas o pasado trinta de novembro, con España coma país convidado de honra, inaugurando a súa trixésima oitava edición. Un punto de encontro para a cultura mundial e o pensamento que se desenvolveu ata hoxe, que pecha as súas portas. Este ano a FIL de Guadalajara foi visitada por 857 escritores e escritoras de corenta e tres países con presenza de dezanove linguas diferentes. Esta feira do libro é a máis importante do libro en español, mobilizando máis de oitocentos mil visitantes edición tras edición. Impresionoume ver a cantidade de persoas que acudían ao recinto feiral cada día, abonando a súa entrada, para conseguir unha sinatura, participar como público nunha presentación, ou en calquera dos eventos que se desenvolveron de xeito simultáneo cada xornada. Ademais dun impoñente grupo de autoras e autores (máis dun cento), España, a través do Ministerio de Cultura, ofreceu nove noites de espectáculos musicais, con artistas coma o asturiano Rodrigo Cuevas, Joe Crepúsculo, María José Llergo ou Sés, que deu un emocionante concerto nunha carpa que vibrou de emoción con ela. O comisario do programa literario do Ministerio de Cultura é o Premio Cervantes Sergio Ramírez, nomeado no marco da feira doutor Honoris Causa, mérito outorgado pola Universidade de Guadalajara.
Camiñar polo recinto onde se desenvolve esta importante feira significa compartir espazo e diálogo con autores doutros sistemas literarios e de poder achegarnos a autoras coas que estamos conectadas sen nin sequera sabelo, mais tamén ser testemuña do que mobiliza o mercado latinoamericano do libro. Ao fío do lema «España, camino de ida y vuelta», conmemorouse o oitenta e cinco aniversario da chegada das primeiras persoas exiliadas a México. No ano 1939, o Sinaia arribou no porto de Veracruz. A bordo viaxaban preto de mil seiscentos refuxiados que estaban fuxindo de España. México foi país de asilo, acollendo máis de vinte e cinco mil persoas. Na feira houbo un recordatorio para tantas persoas do mundo da cultura que acabaron establecendo en México a súa residencia: Max Aub, María Zambrano, Luis Buñuel, Margarita Nelken... Especialmente impactante foi ver a tremenda cola de persoas que procuraban unha sinatura de Rosa Montero, autora que inaugurou o Salón Literario da feira xunto a Fernando Aramburu.
E tirando un chisco máis do fío dese lema que serviu como faro deste gran evento, o pavillón do país convidado de honra baseouse nesa idea de intercambio, mais non restrinxíndoo só á parte humana. Estendeuse ao movemento de especies, tanto animais coma vexetais. Esta idea materializouse nun gran bosque interior duns 1200 metros cadrados onde destaca unha preciosísima libraría que albergou doce mil exemplares de libros en todas as linguas do Estado, ofrecendo unha panorámica da literatura contemporánea. Gran parte dese fondo será doado a centros públicos da cidade. Os corredores eran un auténtico fervedoiro. Para as persoas amantes dos libros que viaxamos desde España, alén da cuestión profesional, este evento é a oportunidade de acceder a exemplares imposibles de conseguir fóra do mercado latinoamericano. Visitando os stands das editoriais sempre me sinto coma unha cazadora de tesouros. Ese abraio, a ocasión de chegar a volumes insólitos, é algo que me resulta especialmente enriquecedor. É imposible visitar unha feira desta envergadura e non regresar con marabillas dentro da maleta. Galicia tivo tamén un significativo espazo neste evento. Autoras coma Bea Lema, Eva Mejuto ou Pedro Feijoo, ou editoras coma Antía Otero e Dores Tembrás (do proxecto editorial Apiario) -por mencionar só algunhas- tiveron ocasión de dialogar con profesionais do sector doutras latitudes. Sempre resulta estraño regresar á casa logo de tantas emocións. Pero talvez o máis importante sexa poder compartilas así, a corazón aberto.
Suscríbete para seguir leyendo
- El jesuita gallego que escucha a los presos en Tailandia
- El legado de Eduardo Barreiros
- En Vigo entendí la importancia que para un trabajador supone tener conciencia de clase
- Los camarones de la Ría de Vigo al descubierto
- “Los de Madrid no iban a ser los últimos conciertos de Siniestro Total”
- “Cuando gané el oro en Atenas sentí que rompía una maldición”
- “La crónica de cómo llegaron a Galicia los restos del Santiago no tiene ningún fundamento”
- Seis hijos en cuatro meses: familias a contracorriente