Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Os carros triunfais, un teatro sacro sobre rodas

De Galicia ao Mediterráneo, esta dramaturxia móbil do barroco procesiona cada verán en moi poucas vilas e cidades

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

O Barroco, que se desenvolveu en toda Europa entre finais do s. XVI e mediados do XVIII, é a arte do movemento por excelencia. Ao longo deste período, caracterizado pola opulencia e o esplendor nas artes e das celebracións públicas, unha das súas manifestacións artísticas máis representativas foron os carros triunfantes móbiles, que desempeñaron un papel fundamental nas festividades e cerimonias civís e relixiosas.

Os carros ou carrozas triunfais xurdiron como unha evolución dos desfiles que tiñan lugar na Antigüidade para a celebración de vitorias militares e actos político-relixiosos de grande relevancia pública. Estes carros, decorados con esplendor e tirados por bois ou cabalos, levaban aos vencedores a través das rúas das cidades acompañados de música, danzas e o xúbilo da poboación. Tamén eran símbolo de gloria, poder e o recoñecemento dalgúns deuses, como evidencian estatuas como a Cibeles da praza homónima de Madrid ou a Vitoria que coroa a Porta de Brandemburgo en Berlín.

No s. XVI, cando a Igrexa de Roma se viu ameazada pola Reforma de Martín Lutero, o Papa pediu aos crentes exteriorizar a súa fe. Así naceu o barroco, a linguaxe artística da Contrarreforma católica, un período no que as procesións relixiosas se converteron en expresións de devoción e espectáculo público. Neste contexto os carros, que transportaban con frecuencia figuras humanas encarnadas en alegorías, personaxes sagrados ou mitolóxicos, desempeñaron un papel central. Decorados de forma elaborada, con imaxes de santos, pinturas e adornos, estes vehículos convertéronse en verdadeiras obras de arte en movemento. Así, durante as procesións do Corpus Christi os carros triunfais serviron, con frecuencia, para portar custodias de materiais preciosos ricamente decoradas.

Os carros triunfais barrocos distinguíanse pola súa complexidade e a súa ornamentación. Neles, os artesáns empregaban materiais como a madeira, o metal, e teas ricas, creando estruturas que a miúdo presentaban escenas bíblicas, alegorías e símbolos relixiosos. Estas representacións non só eran esteticamente impactantes, senón que eran utilizadas nas procesións relixiosas cunha función pedagóxica, comunicando mensaxes de fe e moralidade á poboación. Neste contexto é no que cómpre entender a Coca do Corpus de Redondela ou Monção, dúas reliquias da teatralidade barroca móbil onde o dragón é vencido polo Santísimo.

Pontevedra, Allariz e Mondariz

En Galicia, o uso de carros triunfais ou triunfantes estivo presente nas festividades locais de cidades e vilas como Pontevedra, O Porriño, Ponteareas, Mondariz ou Allariz. Nelas, os carros, tirados por fieis adultos, servían de vehículo procesional de nenos e nenas de entre tres e cinco anos vestidos con túnicas brancas e azuis. Este legado centenario perdura na actualidade unicamente en Pontevedra, Allariz e Mondariz, cada unha delas vinculada a unha devoción local.

Destas tres representacións, a da cidade do Lérez é, sen dúbida, a máis luxosa e fastosa de todas as galegas, quizais por ter lugar nunha cidade que destaca por conservar con empeño as súas tradicións festivas e sociais. Así o poñen de manifesto as fotografías da carroza infantil tiradas por Francisco Zagala ou unha noticia do ano 1916 publicada en La Correspondencia Gallega, que informa que «la carroza de la Peregrina era tirada por diminutos peregrinos y portaba ante la imagen de la Virgen, a cuatro hermosas niñas vestidas de peregrinas y a un precioso angelote».

Filgueira Valverde (1987) describiu a procesión da Virxe Peregrina en Pontevedra na que unha luxosa carroza transporta os nenos ataviados como peregrinos durante as festas de agosto. «Un cativo vestido de arcanxo, catro meniñas, de peregrinas, con dengues bordados, sombreiros e bordóns, e dúas ringleiras de rapaces, tamén de romeiros, que fan que arrousan, e que antano ían cantando os 'gozos', en lembranzas dos que deran orixe á Cofradía. Xigantes e cabezudos, cativos con variados traxes galegos e representacións».

O modesto carro triunfante de Allariz participa aínda na procesión das festas de san Bieito que se celebran no mes de xullo desde, cando menos, o ano 1932. Xunto a este vehículo, que transporta unicamente catro pícaros, ameniza a procesión a banda de música e, antano, tamén estaba acompañado de xigantes, danza de paus e entrelazo, e outros atractivos teatrais.

En Mondariz, o carro que leva entre catro e seis anxos, presidido pola Virxe da Peña de Francia, é un dos activos máis orixinais da procesión dos días 15 e 16 do oitavo mes do ano. A carruaxe dos nenos xa formaba parte do tipismo da festa hai máis dun século, como testemuña o Faro de Vigo en 1924: «Terminada la solemne misa se organizó la procesión, en la que figuró el típico Carro Triunfante, en el cual iban seis angelicales niñas ataviadas con albos trajes, adornados con sendos collares y cadenas de oro antiguos, tocadas sus cabecitas con ramos de azahar acompañando á la Virgen».

Portugal, Mallorca e Valencia

A tradición galega non é illada: comparte raíces coa teatralidade sacra atlántica, especialmente visible en Portugal. Así acontece co Corpus de Penafiel, onde procesiona o Carro Triunfal, tamén coñecido como Carro dos Anjos. Trátase dun carro alegórico, documentado polo menos desde o s. XIX, que desfila tirado por unha xunta de bois ricamente engalanada. Sobre el viaxan varias nenas e nenos vestidos de anxos, habitualmente coa roupa da primeira comuñón, que espallan pétalos de flores sobre o público ao longo do percorrido. Na parte superior érguese a chamada Figura da Cidade, un mozo caracterizado como guerreiro, símbolo de Penafiel e da súa identidade histórica. Este carro marca a transición entre a parte profana e a parte relixiosa da procesión, única en Portugal pola conservación de elementos medievais como a Bicha Serpe, o Boi Bento e os bailes tradicionais.

O Carro Triunfal de la Beata é un dos atractivos do festival de Santa Catalina Tomàs, unha das festas máis populares do outono de Mallorca. Estreitamente vinculado ás celebracións relixiosas é a procesión do carro triunfal, que na tarde-noite dun sábado do mes de outubro atrae a centos de persoas ao longo da súa ruta pola cidade de Palma. Cada ano, o luxoso carro de pícaros tirado por cabalos —sempre iluminado con luz artificial— aparece presidida por unha nena diferente que encarna á Beata.

Tamén na localidade valenciana de Morella (Valencia) procesionan carros triunfais ocupados por nenos e nenas. Durante o Sexenni de Morella, celebrado en honra da Virxe de Vallivana, unha das manifestacións máis características é o Carro Triomfant, emblema do Gremi de Professions, Indústria i Transport. Este carro alegórico desfila durante o Retaule, a procesión cívico-relixiosa que percorre as rúas da cidade. Está decorado con lenzos ao óleo realizados polo pintor morellán Cruella no s. XIX, con escenas de temática celestial. Sobre o carro viaxan dez nenos e nenas vestidos de anxos: oito representan as virtudes teologais (Fe, Esperanza e Caridade) e o lema histórico de Morella, «Fiel, Fuerte i Prudente», mentres outros dous anxos guían simbolicamente o conxunto. Antigamente os pequenos eran de moi curta idade, reforzando o carácter inocente da representación.

Sicilia e Italia continental

Ao longo de Europa e América moitos festivais relixiosos incorporaron carros triunfais. En Italia, por exemplo, procesionan diferentes carros móbiles dotados cunha vara alta en diferentes vilas da illa de Sicilia ou Palmi (na Italia continental). Neses actos relixiosos os carros, ricamente decorados e de aspecto circense, exhiben aos pícaros caracterizados coma anxos suxeitos a mastros de ata 18 metros de altura.

Efectivamente, as grandes Vare ou Varie do sur de Italia constitúen unha das tradicións procesionais máis espectaculares do Mediterráneo. Trátase de enormes carros triunfais ou máquinas votivas, de entre 15 e 20 metros de altura, dedicados á Asunción da Virxe e documentados desde o s. XVI. A máis antiga e influente é a Vara de Messina, celebrada o 15 de agosto, que serviu de modelo para outras localidades como Randazzo, Fiumedinisi e, posteriormente, Palmi.

O elemento máis singular é a presenza de nenos e nenas reais convertidos en personaxes sagrados. En Randazzo, uns vintecinco ou trinta pequenos representan á Virxe, á Trindade, aos anxos, aos apóstolos e aos santos, distribuídos en plataformas xiratorias que simbolizan a Dormición, a Asunción e a Coroación de María mentres entoan antigos himnos durante o percorrido. Salvatore Rizzeri, un cronista local, defínea como unha “macchina certamente meravigliosa ed unica nel suo genere che da oltre quattro secoli da sfoggio della sua bellezza ed originalità”.

Na Varia de Palmi, declarada Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade pola UNESCO en 2013, unha nena, coñecida como a Animella, representa a Virxe suspendida no alto da estrutura, mentres outros nenos simbolizan os anxos. A tradición foi introducida desde Messina en 1582 e continúa celebrándose a finais de agosto como unha extraordinaria síntese de teatro sacro, enxeñaría efémera e devoción popular.

En definitiva, estes carros triunfantes cargados de nenos e nenas son moito máis ca un fermoso vestixio folclórico. Constitúen auténticas reliquias vivas dun universo barroco no que a fe, a arte, o teatro e a comunidade camiñan da man. Desde Galicia ata Portugal e o arco mediterráneo, estas efémeras escenas de dramaturxia en movemento revelan a sorprendente continuidade dun mesmo imaxinario europeo, capaz de converter a inocencia da infancia na expresión máis pura do triunfo do sagrado.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents