Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Cultura e historia

Arquitectura en tres tempos

Proxecto, construción e modernización da Praza de Abastos de Mondariz Balneario

Fachada da Praza de Abastos o día da súa inauguración, en febreiro de 1952.

Fachada da Praza de Abastos o día da súa inauguración, en febreiro de 1952. / Arquivo da Deputación de Pontevedra

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

«(...) siendo el Balneario de Mondariz, uno de los más concurridos de España, en donde toman sus salutíferas aguas personas de todas las clases sociales y de todas las partes de España y aun del extranjero, es de muy mal efecto el ver por las calles puestos de frutas y de pescados, y las carnicerías en muy malas condiciones de higiene, y atenta la actual Corporación Municipal, á subsanar estas deficiencias y velar por los intereses de sus administrados, ha tomado el acuerdo de acometer las obras de que se trata á la mayor brevedad (...)».

Con estas verbas, cargadas de pragmatismo e certa preocupación pola imaxe pública dun dos centros turísticos máis cosmopolitas da época, o arquitecto pontevedrés Juan Argenti Navajas xustificaba en xullo de 1929 a necesidade perentoria de construír unha praza de abastos en Mondariz Balneario. Non era unha cuestión menor. Aquel veredicto non só sinalaba unha carencia técnica, senón que trazaba a liña que separaba o antigo barrio de Troncoso da modernidade á que aspiraba o concello, constituído apenas cinco anos antes, en 1924.

O proxecto non nacía dun capricho estético, senón da necesidade de ordenar un espazo público que debía estar á altura dos visitantes que frecuentaban o Balneario, pero tamén das necesidades cotiás dos seus residentes. O alcalde de entón, Antonio Almagro, encargoulle deseñar unha proposta que foi incluída dentro dun ambicioso «plano de urbanización e ensanche de la villa» redactado tamén en 1929.

Un proxecto escenográfico

A Praza de Abastos, hoxe rehabilitada e reintegrada no pulso da vila, é un exercicio de equilibrio arquitectónico excepcional. Erguida no corazón do barrio do Subaco, a súa arquitectura non busca romper co contorno, senón abrazalo. Intégrase con naturalidade no tecido urbano da vila, configurando un espazo que se sitúa, intencionadamente, a medio camiño entre a arquitectura colosal do Balneario, e a escala doméstica da que habitaba veciñanza.

Juan Argenti Navajas, o proxectista desta visión, non traballaba sobre o baleiro. A súa experiencia previa no proxecto da praza de abastos de Mondariz (1927) serviulle de semente. Con todo, en Mondariz Balneario o arquitecto refinou a súa proposta, incorporando unha perspectiva escenográfica. O edificio que ergueu é unha versión máis temperada, menos monumental, perfectamente axustada a unha poboación de tamaño inferior, onde a elegancia non se mide pola grandilocuencia, senón pola proporción e a escala.

Detalle da fachada principal do Mercado de Abastos de Mondariz Balneario

Detalle da fachada principal do Mercado de Abastos de Mondariz Balneario / Alberte Reboreda

A pedra, de excelente estereotomía, confire ao edificio unha aura de permanencia e carácter. A cuberta a catro augas, co seu beiril de madeira voado, é un xesto de complicidade á arquitectura popular galega. A súa concepción interna responde ás inquedanzas modernas da época: luz, ventilación e hixiene, os tres piares fundamentais da arquitectura funcionalista europea do primeiro terzo do século.

A fachada simétrica, coroada por un arco de medio punto e unha edícula rectangular, funciona como un xesto de dignidade. Os tríglifos e as pilastras, lonxe de ser ornamentos superfluos, actúan como o marco dunha invitación pública: a entrada a un espazo comercial ordenado e hixiénico.

Cándido Troncoso e a II República

Se a arquitectura é a pel deste edificio, a súa historia é o seu sistema nervioso. A construción da Praza de Abastos foi un proceso accidentado que se dilatou entre 1929 e 1952, atravesando as turbulencias da Monarquía, a efervescencia da Segunda República e a paralización traumática da guerra e a posguerra.

Nesta historia, a figura do alcalde Cándido Troncoso Ucha (1936) emerxe como un dos motores do proxecto. Cando o futuro do mercado semellaba encallado nunha burocracia sen saída, Troncoso Ucha entendeu que a solución non estaba nos planos arquitectónicos, senón na política de alto nivel. O seu logro fundamental foi comprender que unha obra destas dimensións requiría o respaldo explícito do goberno central.

Castelao, como deputado, fixo xestións ante o Goberno da República para financiar a construción do edificio do mercado. Foto Pacheco

Castelao, como deputado, fixo xestións ante o Goberno da República para financiar a construción do edificio do mercado / Pacheco

A tal fin, a documentación municipal acredita que o rexedor estableceu unha liña de colaboración directa cos políticos Osorio Tafall, Alejandro Viana e Castelao. Este triunvirato, que simbolizaba o compromiso da República cos alcaldes da provincia, foi decisivo para a viabilidade económica da obra. Osorio Tafall, subsecretario do Ministerio de Trabajo; Alejandro Viana, o deputado ponteareán que tamén foi alcalde de Vigo; e o tamén deputado Alfonso R. Castelao, alma política e intelectual do Partido Galeguista, fixeron valer a súa influencia para lograr unha subvención estatal de carácter excepcional.

Foi este apoio político, froito dunha intelixente labor de lobby, o que permitiu licitar e iniciar as obras. Sen aquela complicidade, sen a determinación deste alcalde, propietario do único serradoiro da vila, por buscar aliados máis alá das fronteiras municipais e sen a receptividade dos deputados republicanos, o edificio tería quedado nun debuxo gardado no arquivo municipal.

O golpe de 1936: un tempo roto

A historia da Praza de Abastos ten un momento de fractura. Cando as obras apenas acababan de comezar, o golpe militar de xullo de 1936 quebrou aquel impulso. O proxecto, que simbolizaba a modernización republicana, quedou interrompido de forma violenta, nun silencio administrativo que duraría anos. O edificio, aínda sen concluír, converteuse nunha metáfora dun país truncado.

A ditadura provocou que o alcalde republicano Cándido Troncoso e o secretario da corporación, o galeguista Santos Lago, foran xulgados en Vigo polas autoridades militares. O alcalde, de 71 anos de idade, foi condenado a unha pena de doce anos de prisión por «auxilio á rebelión», condena que cumpriu só parcialmente (finou en 1945) en diferentes cárceres, entre elas o cárcere de Ponteareas, a Colonia Penitenciaria de San Simón e a Prisión Provincial de Bilbao.

Argenti Navajas, Carmen Polo e Filgueira Valverde en Pontevedra a mediados do século XX

Argenti Navajas, Carmen Polo e Filgueira Valverde en Pontevedra a mediados do século XX / Arquivo da Deputación de Pontevedra

Porén, a resistencia de Mondariz Balneario non rematou alí. Anos máis tarde, nunha Galicia de posguerra marcada pola carestía e as dificultades económicas, Augusto Álvarez do Souto (1941-1949) retomou o proxecto como quen levanta unhas ruínas: actualizou os orzamentos de preguerra a unha realidade de escaseza e conseguiu as partidas necesarias para completar a cantaría das fachadas.

Finalmente, a fase definitiva chegou co mandato de Vicente Currás Franco (1949-1952), farmacéutico de profesión, que impulsou a conclusión da obra. Convocou a poxa pública, adaptou o edificio ás novas necesidades funcionais que a sociedade xa demandaba nos anos 50 e logrou, ao fin, a súa inauguración en 1952. O edificio non foi erguido por un só home, senón por unha sucesión de vontades que, pese ás diferenzas ideolóxicas, coincidiron no obxectivo final: dotar a Mondariz Balneario dunha infraestrutura moderna, hixiénica e funcional.

Un novo aire para un símbolo rehabilitado

Despois dos traballos de rehabilitación que veñen de rematar, a Praza de Abastos comeza unha nova vida. A intervención realizada sobre o inmoble non buscou, felizmente, a súa transformación radical, senón a súa posta ao día. Recuperar e modernizar un espazo que funcionou durante décadas significa agora adaptalo a un século XXI que esixe usos combinados.

Hoxe, o seu interior, amplo, luminoso e diáfano, respira de novo. O mercado xa non é só o lugar onde se compran verduras, peixe ou carne, como ideou o arquitecto hai un século. É un espazo multifuncional e aberto a usos sociais e culturais. É, en definitiva, un espazo vivo.

Interior do edificio despois das obras de rehabilitación

Interior do edificio despois das obras de rehabilitación / FDV

A modernización deste edificio non é soamente unha actuación arquitectónica; é un acto de actualización e posta en valor. Cando entramos hoxe na Praza de Abastos, ao camiñar sobre o seu novo chan e ver a luz filtrarse polos ocos que protexen os enreixados industriais, estamos a percorrer case cen anos de historia. Vemos o esforzo de varios alcaldes, a mediación de tres deputados que entenderon a importancia do local, e a teimosía de varios rexedores de posguerra por rematar o que outros comezaran.

Este edificio, tal e como describía Argenti Navajas, é a proba de que a arquitectura utilitaria, cando posúe a calidade e a dignidade adecuadas, ten a capacidade de sobrevivir aos seus propios creadores. Mondariz Balneario recuperou non só o seu mercado, senón unha parte esencial da súa memoria colectiva. O edificio do mercado permítenos entender boa parte da historia desta vila de augas a través dos seus muros. E hoxe, grazas ao coidado posto na súa rehabilitación, volve estar preparado para seguir contando historias, cando menos, durante un século máis.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents