Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

«Nueva Cañiza», un semanario para unha vila moderna

Editado entre o final da ditadura de Primo de Rivera e a II República, contribuíu á rexeneración social e política do Condado e A Paradanta

A rúa do Carme da Caniza no ano 1927.

A rúa do Carme da Caniza no ano 1927. / Arquivo José Bacelar

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Entre 1927 e 1933 viu a luz na vila da Caniza un pequeno semanario chamado Nueva Cañiza, «semanario local independiente defensor de los intereses de la comarca». De tendencia republicano-galeguista, segundo Cabo Villaverde (2002), foi impreso –dependendo do momento histórico– en Ribadavia, Ponteareas e A Caniza. Nun contexto de fortes cambios políticos, sociais e culturais, o periódico foi moito máis ca unha simple publicación local: representou unha voz modernizadora nunha bisbarra marcada pola emigración, a influencia das elites locais tradicionais e a lenta chegada das transformacións democráticas.

A través das súas páxinas, dirixidas ata 1930 polo farmacéutico Modesto Álvarez Vázquez e, despois, por Gerardo Fuertes Gómez e o médico Heriberto Fuertes Gómez, desfila toda unha sociedade: campesiños, obreiros, emigrantes, comerciantes, mestres, músicos, etc. Este semanario, que custaba entre 10 e 15 céntimos –segundo a época– e escrito maioritariamente en castelán, conseguiu algo pouco frecuente na prensa comarcal do momento: converter unha pequena vila do interior pontevedrés nun observatorio privilexiado dos grandes debates do seu tempo.

O resultado foi unha publicación extraordinariamente plural, capaz de combinar información política, crítica social, poesía, deportes, vida relixiosa, cultura popular e pensamento anticaciquil, galeguista e progresista.

Anuncio do boticario da Caniza Modesto Álvarez Vázquez, primeiro director do semanario; Praza Maior da Caniza a principios do s. XX; procesión na Rúa Vilanova no ano 1900; e Valentín Paz Andrade. | // ARQUIVO DE JOSÉ BACELAR E FARO DE VIGO

Anuncio do boticario da Caniza Modesto Álvarez Vázquez, primeiro director do semanario. / Arquivo José Bacelar

Contra o caciquismo

A liña editorial deste semanario foi claramente crítica co caciquismo político e coa vella estrutura clientelar que dominaba boa parte da Galicia rural, sobre todo a partir de 1931, cando pasa a definirse como «semanario local independiente, defensor de los intereses obreros y agrarios de la comarca». A publicación denunciaba continuamente os abusos administrativos, a arbitrariedade das autoridades locais e o control político exercido polas elites conservadoras contrarias á República.

Nunha época na que moitos periódicos locais dependían directamente dos intereses dun partido ou dunha familia influente, Nueva Cañiza reivindicaba a independencia crítica e a necesidade de «airear» os problemas públicos. Os seus redactores defendían unha maior transparencia na xestión municipal, o acceso da cidadanía á información e a participación veciñal nos asuntos colectivos.

Esta orientación progresista intensificouse especialmente nos últimos anos da publicación, coincidindo coa caída da ditadura de Primo de Rivera e o clima político que conduciría á proclamación da Segunda República. O semanario amosou simpatía polos ideais republicanos e democráticos, apoiando conferencias cívicas, sociedades culturais e iniciativas de renovación política.

Retrato vivo da Galicia rural

A grande riqueza de Nueva Cañiza reside na súa capacidade para retratar a vida cotiá dunha bisbarra rural galega con enorme detalle. Cada número funciona hoxe como unha cápsula do tempo que permite tamén entender ao seu antagonista, o xornal conservador La Cañiza, «semanario defensor de los intereses generales del Partido».

As correspondencias parroquiais ocupaban un espazo central. Veciños de concellos veciños como Arbo, Crecente, Cortegada, Covelo, As Neves ou Mondariz enviaban pequenas crónicas sobre a vida local. Grazas a elas coñecemos a sociabilidade das feiras da Galicia interior, onde a festa da parroquia, a banda de música ou a chegada dun familiar de Cuba ou Lisboa constituían auténticos acontecementos colectivos.

O periódico non miraba o rural desde a condescendencia nin desde o costumismo folclórico. Ao contrario: trataba aquelas comunidades como espazos vivos e dinámicos. Unha mostra do que dicimos foi a campaña que, en 1931, organizou a Casa do Pobo da Caniza para que os patróns e mestres de obras respectasen a xornada laboral de oito horas, vixente en España desde 1919.

Primeiro exemplar do semanario «Nueva Cañiza», publicado o 26 de xuño de 1926. | // FDV

Primeiro exemplar do semanario «Nueva Cañiza», publicado o 26 de xuño de 1926. / FDV

Emigración

Poucos temas aparecen tanto en Nueva Cañiza como a emigración. Portugal, Brasil, Cuba ou Arxentina están continuamente presentes nas súas páxinas. Nalgúns destes países o semanario conseguía ter correspondentes propios, como Casiano Domínguez, que ocupaba o posto na cidade de Buenos Aires en 1931.

As comarcas do Condado e A Paradanta mantiveron historicamente unha intensa relación migratoria con Lisboa, e o semanario recolleu con enorme detalle a vida das colectividades galegas na capital portuguesa. As noticias sobre sociedades mutualistas, actividades culturais, retornos de emigrantes ou investimentos económicos mostran ata que punto a emigración constituía un motor fundamental da economía e da vida social local.

O noso xornal vía nos emigrantes algo máis ca simples ausentes: considerábaos unha forza modernizadora. Os retornados de Lisboa, Buenos Aires, Río de Janeiro ou La Habana traían de volta cartos, novas ideas, experiencias políticas e unha visión máis aberta do mundo. En varios artigos o periódico anima ás colonias galegas no exterior a organizárense e participar activamente na transformación da vida pública da bisbarra.

Cultura, literatura e pensamento

A pesar do seu carácter local, Nueva Cañiza dedicou un amplo espazo á creación literaria e ao debate cultural. Publicaba poemas, narracións breves, artigos históricos e reflexións filosóficas. Xa que logo, o xornal amosaba unha clara vontade de elevar o nivel cultural dos seus lectores e de fomentar o hábito da reflexión pública.

Resulta especialmente significativa a defensa da creación dunha biblioteca popular na vila. Nun dos textos máis emocionantes publicados polo semanario en 1927, un rapaz reivindicaba a necesidade dunha biblioteca para espallar a cultura: «Nosotros no queremos los regalos de Navidad ni los juguetes de reyes. Lo que pedimos de corazón a nuestros padres son donativos para la biblioteca popular de Cañiza».

O semanario tamén dedicou atención á música, ás bandas locais e ás rondallas, elementos fundamentais da cultura popular galega da época. As festas eran descritas con detalle, incluíndo repertorios musicais, actuacións de gaiteiros e actividades recreativas.

«Nueva Cañiza», un semanario para unha vila moderna

Praza Maior da Caniza a principios do s.XX. / Arquivo José Bacelar

Colaboradores destacados

Entre os colaboradores de maior prestixio vinculados a esta publicación destacou especialmente Álvaro de las Casas, escritor e intelectual, unha figura singular do galeguismo cultural do primeiro terzo do século XX. No ano 1931 saudaba en primeira páxina esta publicación como segue: «Queridos amigos de NUEVA CAÑIZA, sí, de la nueva, porque la vieja ni a vosotros ni a mi nos interesa; no estamos para aguantar más vejestorios».

Nese mesmo ano, Valentín Paz Andrade publicou aquí –en lingua galega– manifestos contra o centralismo e a favor da Autonomía de Galicia, o que suporía máis que unha reforma administrativa, senón unha recuperación integral da personalidade histórica do país.

Outro exemplo deste crecente orgullo galeguista foi o izado de bandeiras de Galicia en 1930 nas casas consistoriais do distrito con motivo do 25 de xullo, ao punto que «todo el pueblo desfiló por la citada casa para admirar de cerca la prestancia de esa bandera, que causó bonísima impresión».

O fútbol e a modernidade

Un dos aspectos máis curiosos desta publicación é a importancia concedida ao deporte, especialmente ao fútbol. O semanario seguía con paixón a actualidade dos equipos locais (o Cañiza, o Cortegada...) e particularmente o equipo máis emblemático de Vigo, defendendo o prestixio do club olívico ante o «insidioso pleito que hoy sostienen los coruñeses en contra de nuestro Celta».

Tamén se publicaban crónicas de partidos locais e comarcais. O fútbol aparecía asociado á xuventude, á modernidade e ás novas formas de ocio colectivo.

Este interese deportivo resulta moi significativo: revela como a Galicia rural dos anos vinte e trinta xa estaba conectada coas transformacións culturais urbanas e co nacemento dunha cultura de masas.

Relixión

Aínda que o semanario canicense mantiña unha orientación progresista, non era un periódico anticlerical. A vida relixiosa ocupaba unha parte moi importante das súas páxinas. As festas patronais, as procesións, as novenas e os sermóns eran descritos con enorme detalle. O semanario entendía que a parroquia continuaba sendo o núcleo fundamental da organización social rural.

Por iso o periódico ofrece unha visión especialmente interesante da Galicia da época: unha sociedade que empezaba a modernizarse politicamente pero que seguía articulándose arredor da relixión, das festas comunitarias e das redes familiares tradicionais.

«Nueva Cañiza», un semanario para unha vila moderna

Procesión na rúa Vilanova no ano 1900. / Arquivo de José Bacelar

Estatuto de Autonomía de Galicia

Un dos trazos ideolóxicos máis relevantes de Nueva Cañiza foi o seu apoio ao galeguismo político e ao proceso autonomista que culminaría no plebiscito do Estatuto de 1936.

Nas súas páxinas percíbese unha crecente simpatía cara ás ideas autonomistas, especialmente a partir da proclamación da Segunda República. O semanario defendía a necesidade de que Galicia tivese maiores competencias políticas e administrativas, así como o recoñecemento da súa identidade histórica, cultural e lingüística.

Nueva Cañiza presentaba o autonomismo non como unha proposta separatista, senón como unha fórmula de dignificación e progreso para Galicia. O autogoberno aparecía asociado á mellora das infraestruturas, da educación, da administración pública e da representación política.

Os anunciantes

Como toda prensa local da época, o noso semanario dependía economicamente da publicidade comercial. As últimas páxinas do periódico estaban cheas de anuncios que hoxe constitúen un extraordinario retrato da economía e da sociedade da bisbarra.

Os anunciantes eran moi variados e reflectían un mundo en transición: fábricas de chocolates, hoteis, imprentas, comercios de tecidos, surtidores de gasolina, cafés e hoteis, entidades bancarias (como o Banco Jáudenes Barcelona S.A. ou a Caja de Ahorros y Monte de Piedad Municipal de Vigo) farmacias, funerarias e incluso compañías de vapores transatlánticos como a Nelson Line que unían os portos de Galicia e o noroeste peninsular con Cuba e México.

Un século despois da publicación do primeiro número de Nueva Cañiza é inevitable situar esta publicación no contexto do país que retrata o libro A Galicia moderna (2026), do profesor Lourenzo Fernández Prieto. Foi un xornal pequeno, feito con poucos medios e moita vontade, pero capaz de abrir fiestras nun tempo de portas pechadas. O semanario soubo mirar á modernidade desde unha vila pequena, converténdoa nun espazo de cidadanía, cultura e conciencia política nunha Galicia en transformación.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents