Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Aida Tarrío Pandeireteira e cantareira de Tanxugueiras

Tanxugueiras celebra dez anos: «Chegaron a dicirnos que por sermos mulleres non podiamos liderar un grupo»

Anuncian unha nova era, sen representantes galegos, e apoian que España non vaia a Eurovisión

Para o seu único concerto propio en Galicia venderon en dous días case 2.000 entradas de butacas

En Vigo, escoitarémolas en maio participando no aniversario de Sondeseu con Abraham Cupeiro e outros artistas

Aida, Olaia e Sabela, Tanxugueiras, nunha foto para o novo álbum, preparadas polo estilista Sebas Hotmail

Aida, Olaia e Sabela, Tanxugueiras, nunha foto para o novo álbum, preparadas polo estilista Sebas Hotmail / Raúl Béjar

Mar Mato

Mar Mato

No mes de novembro do 2019, tres mozas galegas presentaban o seu segundo disco e advertían a esta xornalista nunha entrevista: «Vimos pisando forte e vai haber que loitar moito para botarnos fóra do panorama musical tradicional». Eran Aida Tarrío, Sabela Maneiro e Olaia Maneiro; é dicir, Tanxugueiras.

Dende esas declaracións ata agora, chegaron a ser as favoritas do público para representar a España en Eurovisión; un vídeo seu proxectouse nas enormes pantallas do Times Square de New York; o seu disco físico «Diluvio» foi o máis vendido na semana do lanzamento e con nove clips do seu terceiro álbum lograron 33 millóns de visualizacións no YouTube.

O vindeiro mes de outubro, cumpren 10 anos na música. Para a festa de aniversario, decidiron organizar un concerto no Coliseum da Coruña. As entradas voan e un punto a favor son as zonas reservadas para o público infantil coa súa familia. Nos dous primeiros días nas taquillas, a xente mercoulles preto de 1.900 entradas para as butacas, o 73% dos asentos que se puxeran á venda.

Tanxugueiras son un fenómeno asentado e queren seguir demostrándoo co cuarto álbum que sairá este ano, «O cuarto», do que non queren anticipar moito. Irano debullando pouco a pouco nos vindeiro meses. Falamos con Aida Tarrío do momento do grupo, das súas arelas e dos seus medos.

– Cumpren dez anos na música. Cre que cambiaron moito no seu interior neste tempo?

– Nós comezamos hai dez anos sen moita máis pretensión que tocar nos seráns pero a vida foinos colocando pouco a pouco onde estamos agora. Foinos facendo mellores músicas e escritoras e pandeireteiras. Evolucionamos musicalmente e persoalmente. Evolucionou o grupo e a nosa forma de relacionarnos entre as tres e coa música. O cambio foi moi grande. Tamén creo que duns anos para aquí foi todo moi rápido. Tivemos unha exposición moi grande nun momento dado. A día de hoxe, seguimos aprendendo. Este ano, para nós, é como un reset. Miramos para atrás e abrímoslle a porta a unha nova etapa, unha nova era moito máis maduras e máis sabias.

Tanxugueiras, nunha foto promocional para "O cuarto", o novo disco que publicarán este ano.

Tanxugueiras, nunha foto promocional para "O cuarto", o novo disco que publicarán este ano. / Raúl Béjar

– Esa nova era é porque mudan de estilo musical?

– Non, para nada. Nós nacimos pandeireteiras e morreremos pandeireteiras máis cantareiras a moita honra. Obviamente, coa aprendizaxe, vas aprendendo de cousas que non sabías. Estamos adentrándonos noutros campos moi interesantes para nós pero o que somos seguirá patente nesta nova etapa e na que veña. Nós levamos o de ser pandeireteiras como bandeira e levámolo con moita honra fagamos o que fagamos. Do contrario, Tanxugueiras non tería sentido.

– O novo disco levará o nome de «O cuarto». Prodúceno Iago Pico e Gabi Fernández. O primeiro entrou no proxecto de Tanxugueiras xusto antes do icónico tema «Terra» e do Benidorm Fest. Por que continuar con el?

– Temos conexión persoal e musical con el dunha maneira moi profunda. Para seguir crecendo, temos que traballar con máis xente. Neste caso, Gabi foi outra persoa coa que conectamos de maneira incrible. Iago é ademais o noso amigo e é unha parte fundamental de Tanxugueiras. Queremos que o siga sendo, tanto el como toda a equipa que vén connosco aos directos. Toda esta xente seguirá con nós. Iago foi o que nos deu as ás para aventurarnos e probar cousas novas como «Midas».

– E por que fichan a Gabi agora?

– Coñecémolo cando fixemos «As que tiñan que estar» hai tres anos ou catro. Foi unha conexión moi instantánea pero non volvemos quedar con el. Ao preparar este novo disco, pensamos que ese tema nos representaba moito. El é un músico incrible e é galego. Para nós, todo o que sexa xente de aquí e traballar en Galicia é un plus. Podo confirmar que traballar con el foi unha delicia.

– Logo, para a realización de vídeos e vestiario, seguirán contando con xente galega?

– É metade e metade. Case toda a xente que nos acompañou é galega, é xente galega afincada en Madrid. Para nós, é moi importante traballar con xente que respecte e coñeza a nosa cultura e que conecte con ela coma nós dunha maneira profunda e ancestral.

– Porén deixaron atrás os seus representantes PlayPlan de Bueu. Houbo pelexa? Agora, a axencia é madrileña.

– Non, o que pasa é que hai un cambio de etapa e para a nova pensamos que necesitamos estar noutro lugar e con outras persoas. É outro momento. Por intuición, decidimos buscar un novo equipo e estamos moi contentas. Son de Madrid pero teñen moita xente do País Vasco que entenden a lingua e a cultura coma nós.

Tanxugueiras, nas festas da Ascensión.

Tanxugueiras, nas festas da Ascensión. / Prieto

– Teñen unha carteira moi importante de artistas: Quevedo, Hijos de la Ruina, Califato 3/4, Juancho Marqués...

– Si, e traballan coa nosa amiga María José Llergo, que emprega a música de raíz tamén. Imos dando pasiños novos que é o primordial desta industria: atreverse.

– De momento, na súa web, só están á venda as entradas para o concerto de outubro no Coliseum da Coruña e no Teatro Víctor Jara de Las Palmas. A do Coliseum será a única actuación con show propio en Galicia este ano.

– Esta xira do 2026 témola moi pensada. Queriamos que fora moi bonita e non excesivamente grande. Queriamos darlle importancia aos espazos aos que vaiamos dun xeito case único. Estaremos en lugares que nos tocan moito, en sitios moi riquiños, cos que temos moita conexión. En Galicia, queriamos unha data moito máis especial. O concerto no Coliseum coruñés do 2023 foi algo que quedou afincado no noso corazón e tamén no noso público. Viviuse como algo máis ca un simple concerto. Foi unha xuntanza dunha comunidade por unha identidade e unha cultura. Queriamos volver revivir esa sensación de reunir a moita xente reivindicando a nosa cultura e a nosa lingua. É unha data moi importante. É unha data moi coidada porque xusto ese día do concerto é cando facemos dez anos como grupo. Levamos moito tempo traballando neste concerto. Vai ser algo moi especial. Queremos celebralo con toda a xente que nos segue.

"Ás veces é necesario baixar unha marcha"

Aida Tarrío

— Cantareira e pandeireteira de Tanxugueiras

– Faise necesario desconectar dos palcos por saúde mental ou non o precisan?

– A ver, nós somos unhas mulleres ás que lles gusta moito o directo porque é onde conectas co público e é onde cobra sentido o motivo polo que nos dedicamos a isto, cando vemos as caras das nenas a emocionarse nas primeiras fileiras. Pero tamén é verdade que despois destes últimos catro anos nos que fixemos máis de 150 concertos ás veces é necesario baixar unha marcha, sobre todo para facer ben as cousas. Nós queriamos que este novo disco que vai saír estivera moi ben feito. Botámoslle moito tempo e moitas ganas, moitas crebaduras da cabeza. Á hora de levalo ao directo queríamos o mesmo. Queriamos darlle á xente unha calidade moito maior da que lle dabamos nos anos pasados. Queriamos seguir mellorando. Por iso, decidimos non abarrotar moitísimo a xira e facer concertos nos que esteamos preparadas para dar un show ao 100 por cento.

– No seu caso, ás veces, sente adición ao público? Quero dicir se ten necesidade dos aplausos.

– Creo que non é tanto que necesitemos os aplausos do público como a necesidade de volver a ter o público cara a cara e sentir a necesidade de que o noso proxecto segue a ter a mesma intensidade e a mesma relación coa xente que nos escoita. Pasounos o outro día cantando con De Vacas. Facía moitos meses que non tiñamos un concerto e nesa actuación con elas cando entramos e a xente se emocionou ao vernos pois nós tamén o sentimos. Volver a sentir iso dálle todo o sentido a Tanxugueiras, a seguir traballando porque nós facemos a música para nós pero, sobre todo, para a xente que nos escoita.

– En outubro, estiveron en Ponte Farruca (Laza, Ourense) nun concerto cun concepto moi tradicional. Ademais, tocaron cos mandilóns ‘das avoas’. É unha pista sobre a nova xira ou foi anecdótico?

– Eses concertos tan acústicos son cousas puntuais. Facémolos en lugares moi puntuais e onde nolo pide o corpo. Si que é verdade que nesta nova etapa, dalgunha forma, queremos volver a esa tradición, a esas percusións e ás pandeireteiras pero non ten nada que ver. Dar un concerto as tres soas é algo que disfrutamos moitísimo. O que si podo dicir e que é a base de onde recollemos todo para este novo disco e novo directo.

– Tanxugueiras ten varios tipos de públicos. Hai un ao que lle gusta moito a mestura do tradi coa electrónica ou os flirteos con outras sonoridades; pero hai outro que prefere as Tanxugueiras pre «Diluvio». Teñen medo de perder fans segundo os pasos que dean?

Non temos medo porque fagamos o que fagamos a nosa esencia primitiva de Tanxugueiras segue estando a día de hoxe. Dá igual que lle metamos guitarras por enriba ou sintetizadores. Hai momentos nos nosos directos nos que volvemos a eses intres máis tradicionais. Nós seremos sensatas co que fagamos e a xente que nos queira de verdade saberao apreciar e supoño que seguirá ao noso carón.

– O 9 de maio están en Vigo no concerto do 25 aniversario de Sondeseu. Estarán con outros artistas sobre o palco como Abraham Cupeiro. Tiveron claro dende o principio dicir si a esta chamada?

– Cando nos chamaron dende Sondeseu, estabamos a mil polo novo disco, pero en ningún momento pensamos en dicir que non. Pensamos ben en como iamos facer para cadralo todo. Fixemos todo o posible para poder estar porque Sondeseu en Vigo é xa unha institución e fai un traballo pola música tradicional incrible. Non podiamos dicirlle que non. Estamos moi emocionadas. Temos moitas ganas de ir porque pensamos que vai ser moi bonito.

– Soñan con chegaren xuntas así aos 25 anos xuntas?

– Por suposto! 25 anos son moitos pero mira, non sabiamos se iamos chegar aos dez e aquí estamos. O que si sabemos é que hai Tanxugueiras para moito rato. Non sabemos como seremos dentro doutros dez, seguro que máis sabias do que somos agora pero con moitas ganas de seguir.

Tanxugueiras.

Tanxugueiras. / Raúl Béjar.

– Que leccións cre que aprenderon neste camiño?

– Aprendemos moito de vivir no presente e non ancorarnos no pasado pensando no futuro. Iso reflíctese moito no disco como no que se vén.

– Porque estaban moi agobiadas pensando no futuro?

– Ao final, somos tres persoas, tres entes independentes, pero as tres tiñamos un gran problema co futuro, sobre todo eu. Preguntábame: «Que pasará?». Tiña medo de se a xente nos seguiría querendo. Agora, quixemos poñer todo no lume e tirarnos ao baleiro para que saia ben.

– Esta entrevista sae no 8M. Ao longo da súa carreira, que experiencias recordan como as peores por seren mulleres traballadoras na industria musical?

– A industria é un mundo masculino e ségueo sendo. É verdade que as mulleres imos collendo camiño pouco a pouco pero fai falla que a loita non se apague. Nos últimos anos, nós miramos cara atrás e pensamos: «Mi má (sic), se agora estamos así, hai dez anos, era incrible como se trataba a muller e como se vía a muller na industria. A nós, chegáronnos a dicir que por sermos mulleres non iamos ser capaces de liderar un grupo. E aquí estamos. Os comentarios fixéronnos crer máis no noso proxecto e que valemos para isto; pero inda queda moito traballo. Non imos destrozar o que fixeron as nosas antergas e as nosas referentes como Mercedes Peón ou Guadi Galego e que estiveron loitando para que nos escoiten. Aquí estamos para seguir esa loita. Ademais, cada vez somos máis mulleres na equipa de Tanxugueiras e tanto no directo como na axencia estamos moi orgullosas de ir engadíndoas.

– Que é máis complicado: dominar o ego dunha mesma ou afastarse dos comentarios malignos que poida haber da xente polas redes ou pola rúa?

– Por desgraza, nós tivemos que aguantar tamén moitos comentarios desagradables. Foron sobre todo nas redes sociais porque, en persoa, a xente córtase máis. Nas redes sociais, ampáranse no anonimato e nunha foto distinta do real. Tivemos que aguantar moitos comentarios deses e fomos a terapia. Fixemos terapia entre nós para aprender que iso que pasa nas redes sociais non te define. O que te define é o teu día a día. Nós temos a conciencia moi tranquila. Facemos todo dende o respecto e o cariño, facéndoo da mellor maneira posible e comprendendo que somos humanas e que podemos cometer erros. Dos erros, aprendemos e pedimos desculpas. Moitas veces, les un comentario negativo e 50 positivos pero o negativo acaba pesando máis. Nestes últimos anos, aprendimos a que non, a que un comentario positivo xa che alegra o día. Nós temos a sorte de ter moita xente que nos arroupa, que nos levanta cando caemos e ancorámonos a iso. Quedámonos co positivo.

«Que España non vaia a Eurovisión parécenos ético, moral e lóxico»

– Este ano, España non vai a Eurovisión, como ven esa decisión e a petición de boicot a Spotify polo de Israel?

– Que España non vaia a Eurovisión parécenos moi ben. Parécenos ético, moral e lóxico. Non entramos nun tema político, senón de humanidade. Penso que pouco máis podo dicir sobre isto. Falamos de valores.

– O baile tradicional galego xa é Ben de Interese Cultural (BIC) en Galicia. Temen que quede en papel mollado?

– Todas as cousiñas coas que poidamos ir avanzando son mellores que non facer nada así que hai que tirar para adiante.

– Nestes últimos meses, escoitamos o seu tema para a película «Rondallas», filme que se converteu nun éxito en todo o Estado. Que supoxo para vostedes preparar ese tema?

– Foi a primeira canción que fixemos para un proxecto audiovisual. Facíanos moita ilusión e tamén que a película fora sobre algo relacionado con Galicia uniunos moito a ela. A experiencia foi superchula, o de darlle forma musical a unha idea que nos pasaron dende a dirección da película. Creo que nos quedou un tema superchulo. Moita xente nos escribiu para dicirnos que tras rematar a película se quedaron para escoitar a canción porque era perfecta para o filme. Foi unha experiencia moi guai.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents