Consumir, pasear e curar
No centenario do edificio da Baranda, de Antonio Palacios, en Mondariz

Fachada principal do edificio. / Alberte Reboreda
Hai edificios que nacen para ser mirados e outros que nacen para ser vividos e paseados. O histórico edificio da Baranda, no Balneario de Mondariz, pertence sen dúbida a esta segunda categoría. J. Corominas e A. Pascual (1984) definen a voz «baranda» de forma diferente aos dicionarios actuais, como sinónimo de «balcón ou espazo corrido ao longo dun edificio». Esta definición é a clave para entender este inmoble de vocación fachadista e comercial deseñado por Antonio Palacios que este ano cumpre cen anos de vida.
Inaugurado na temporada de augas de 1926, esta arquitectura non é un monumento solemne nin un xesto arquitectónico grandilocuente: é, máis ben, un edificio que camiña ao lado do visitante, que acompaña, que convida a deter o paso e a observar.
A comezos do século XX, Mondariz era moito máis ca un balneario: era unha pequena cidade termal, un microcosmos cosmopolita onde coincidían aristócratas, intelectuais, artistas e burgueses chegados de toda España, Portugal e boa parte de América. Neste contexto, a Baranda funcionaba como un lugar de encontro, un paseo cuberto onde o tratamento das augas se mesturaba coa conversa, o comercio, a expectación social e o tempo lento da estancia sosegada. Alí, a saúde non era só unha cuestión médica, senón tamén social e cultural.
O edificio amosa algunhas das claves máis recoñecibles de Palacios: a procura da monumentalidade sen exceso, o equilibrio entre tradición e modernidade, e unha atención especial á relación entre a arquitectura e o seu contorno. A Baranda non se impón á paisaxe nin á vida do balneario; intégrase nela. As súas liñas, inspiradas no modernismo europeo e na Secesión Vienesa, falan dunha Galicia aberta ao mundo, capaz de dialogar cos grandes centros termais do continente sen renunciar á súa identidade.
Pero a Baranda non é só estilo: é tamén función. Pensada como galería comercial e de servizos, acolleu un instituto de nutrición, unha sala de exposicións de arte e incluso un teatro-cine; foi escenario de paseos repetidos que acababan por se converter en rituais. Nela, o tempo adquiría outra densidade: camiñábase sen présa e falábase sen reloxo. Era, en certo modo, unha arquitectura terapéutica, coherente coa filosofía do establecemento.

interior da galería comercial da Baranda, arredor de 1930. / Pintos
Pasear por ela debía ser do agrado de toda a burguesía, que podía enviar telefonemas e establecer conferencias utilizando as instalacións da Compañía Telefónica Nacional de España, fundada dous anos antes, en 1924.
Tendas no parque
Entre 1873 e 1926 diferentes quioscos de madeira dispúñanse ao longo das principais avenidas do parque do Gran Hotel, ofrecendo os seus produtos aos auguistas. A Baranda naceu para ordenar e facer máis cómoda esa actividade comercial, ao tempo que contribuía a monumentalizar o balneario, dotándoo dun urbanismo planificado que, ademais, facilitaba a unión das fontes da Gándara e Troncoso.
Nesta ampliación e urbanización do balneario, que saía por primeira vez do recinto pechado ideado polo fundador, Enrique Peinador Vela, tamén xogaban o seu papel dous novos edificios: o Sanatorio de Artríticos e o edificio de Correos e Telégrafos. Foi así como Antonio Palacios, a iniciativa de Peinador Lines, conformou a Praza de Fundadores, o novo centro neurálxico do establecemento, presidido por unha estatua do médico iniciador.
A galería comercial da Baranda non era un dispendio de luxo burgués, ao estilo das galerías Trinkhalle de Baden-Baden (Alemaña) ou a Galerie du fer à cheval de Vichy (Francia), senón unha fórmula máis modesta, cun amplo e luminoso corredor con tendas abertas a un dos lados cuberto con bóveda catalá e decorado con cortinóns, bancos e maceteiros. Nela instalouse un «Bazar de artículos alemanes, a la manera de los que han obtenido un brillante éxito en Cestona, Panticosa y otros balnearios del mismo propietario D. Alberto Keller. Dispone de un buen surtido de Juguetes de Nürenberg y Bisutería de Pfordyheim».
«La Baranda es un lugar / encantador, de primera / en que puede usted gastar / todo el dinero que quiera», escribía na temporada un auguista anónimo con motivo da súa apertura. En opinión de Pérez Sánchez (2005) o noso edificio ideouse como «pasaje comercial, símbolo y legitimación del consumo en el balneario».
Tres anos despois da súa inauguración, en 1929, abriu as súas portas durante a temporada o Instituto de Nutrición do Balneario. Aquí tivo o seu laboratorio un dos grandes científicos da historia de Galicia, o doutor Parga Pondal (1900-1986). Desde a súa apertura este xeólogo e químico traballaba durante a temporada de augas nesta clínica mondarizá que, durante o resto do ano, atendía os seus pacientes en Santiago.

Unha das consultas do Instituto de Nutrición. / Pintos
Os anuncios publicados na prensa escrita informan que nela levábanse a cabo «Análisis microquímicos de sangre y orina. Análisis de jugos gástrico y duodenal. Rayos X. Metabolismo fundamental. Pruebas funcionales». Xunto a Parga, que tamén era profesor de Química analítica na universidade, estaba José García-Blanco Oyarzábal, nutricionista e catedrático de Fisioloxía da Facultade de Medicina de Santiago.
Exposicións de arte
Na sala central da Baranda tamén tiñan lugar exposicións artísticas como a que protagonizou o pintor Pintos Fonseca e o escultor Narciso Pérez en agosto de 1929. A mostra foi inaugurada por Primo de Rivera acompañado do presidente da Deputación, o Sr. De la Sota.
Nestas mesmas salas, e durante 30 anos, estivo pendurado un dos tres cadros de cegos que Castelao pintou por encargo do seu amigo Enrique Peinador. Unha foto de Primo de Rivera tomada nese ano 1929 permite ver un deses óleos xigantes, que hoxe son propiedade da Real Academia Galega.

O xeneral Primo de Rivera na Baranda en agosto de 1929. Ao fondo, un dos cadros de cegos de Castelao. / FDV
Ao ano seguinte, en 1930, expuxeron a súa obra no mesmo edificio o pintor ponteareán Medal Carrera e, de novo, Pintos Fonseca, desta volta acompañados de varios traballos escultóricos de Acuña López.
Teatro-cine
«Con relación a todo o conxunto do balneario este edificio da Baranda está concibido como unha grande fachada telón que oculta á vista outras construccións da estación termal menos suntuosas, como por exemplo o teatro, buscando sempre favorece-las perspectivas de contemplación de todo o conxunto», apunta Iglesias Veiga (1993).
Efectivamente, coa apertura da Baranda no ano 1926 o teatro-cine aparece integrado no novo edificio, que complementa as actividades programadas no salón de festas que os Peinador construíran na traseira do Gran Hotel. Esta sala, que tiña capacidade para máis de 400 persoas organizadas nun patio de butacas fixo de quince filas, entrou en funcionamento dez anos antes da inauguración do edificio de Palacios.

Imaxe da platea e o anfiteatro do teatro-cine da Baranda. / FDV
Bar La Baranda
No verán do ano 1930 «en la rotonda que da entrada a La Baranda» foi inaugurado un bar. Este novo servizo ofrecía «precios económicos», polo que o seu público potencial era ben distinto do que frecuentaba o Gran Hotel.
«Este bar, montado con todo lujo en la fresca y cómoda rotonda que da entrada al Teatro y a la Baranda, se halla siempre concurridísimo, debido a su espléndido servicio, precios módicos y completo surtido. Todos los jueves y domingos hay mariscos y helados; diariamente, pastelería variada. - Un sabroso «Baranda Cocktail», se toma por ptas. 1’00».
As referencias á «apacible y fresca rotonda» que se situaba no recibidor do edificio explícanse pola existencia dun chafariz de auga, que aínda acordamos, situado no centro do que os planos de Palacios denominan «Hall».
Co paso das décadas, o esplendor inicial deu paso ao abandono. Despois do traumático incendio do Gran Hotel en 1973, o noso edificio quedou suspendido nun tempo intermedio, á espera dunha nova lectura. Ao ano seguinte, en 1974, o «dinámico concesionario» da Baranda era Manuel Pérez Cerqueira, que estivo á fronte do establecemento xunto coa súa dona ata que principiaron as obras do novo hotel que hoxe coñecemos.
Antonio Palacios
Palacios coñecera este tipo de arquitecturas comerciais noutros balnearios europeos, con amplos espazos cubertos e acristalados pensados para ocupar as horas durante os días de mal tempo.
O tratamento da fachada da Baranda, concibida a modo de
{"anchor-link":true}
ou galería exterior que mira á rúa Enrique Peinador Vela, opta pola mesma solución que as plantas de embotellado das fontes da Gándara e Troncoso, procurando unha imaxe do balneario uniforme, como un conxunto arquitectónico dotado dun estilo común.

Debuxo orixinal da fachada ideada por Antonio Palacios. / Arquivo de Augas de Mondariz
O acceso principal sitúase nun chafrán flanqueado por dous elementos torreados que aparecen perforados por estreitos vans que se estrangulan na parte superior, un elemento moi frecuente na arquitectura palaciana, presente no Círculo de Bellas Artes de Madrid. Tal e como sinala Pérez Sánchez (2005) outro dos elementos singulares do edificio é «a redondeada esquina no extremo oposto á fachada principal que remata o paseo cuberto, solución da que se serve Palacios en repetidas ocasións», por exemplo no edificio Matesanz, tamén na capital de España.
O edificio non se construíu tal e como propuña o proxecto, xa que na fachada orientada cara a rúa 15 de outubro de 1924 (estrada de Mondariz) só se executou un dos tres vans baixo arco de medio punto inicialmente previstos. Tampouco se construíu a edícula ornamental en granito –idéntica ás que flanquean en altura o corpo central da fachada principal– que Palacios ideara para a fachada curva orientada ao noroeste, en dirección á Fonte de Troncoso.
A rehabilitación de 1994
A súa rehabilitación integral non foi só unha operación arquitectónica, senón tamén un acto de reconstrución da memoria. Restaurar a Baranda como sede principal do hotel do balneario significou recoñecer que esta vila de augas seguía tendo algo que dicir, que non era unha historia morta, senón un fragmento vivo dun relato máis amplo cargado de futuro. O proxecto, que ascendeu a 750 millóns de pesetas, asinouno o arquitecto Javier Echenique.
Hoxe, convertido nun hotel-balneario de catro estrelas, con 65 cuartos, cafetería e restaurante con capacidade para 160 persoas, así como salóns para banquetes e convencións, A Baranda continúa a cumprir a súa función esencial. Conecta persoas, espazos e tempos, e é testemuña dun momento no que Galicia se pensou moderna sen deixar de ser ela mesma. É a obra dun arquitecto que soubo traducir esa ambición en pedra, ferro e luz. Pasear pola Baranda é, en realidade, pasear pola historia dun país que soñou –e aínda soña– con abrirse ao mundo sen perder o paso propio.
Suscríbete para seguir leyendo
- El caso de los asesinatos de cuatro hermanas gallegas
- Luca, el “terremoto” de los circuitos gallegos
- Los famosos gallegos de la lucecita
- Tesoros forestales para (no) perderse en otoño
- «Ramsay llega tarde, la carne gallega lleva tiempo siendo la mejor del mundo»
- Cuando la movida madrileña invadió Vigo: 36 horas de sexo, drogas y rock and roll
- De un vestido de lentejuelas de su abuela a millones de reproducciones: así se labra el éxito en redes esta influencer viguesa
- Los Quesada Legido, una saga de artistas