Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

La Villa de París: un comercio de moda internacional para Vigo e Mondariz

O edificio vigués foi derrubado na década de 1970, unha das perdas arquitectónicas máis lamentables da historia da cidade

Edificio de La Villa de París, obra de Jenaro de la Fuente Domínguez, na Porta do Sol de Vigo, ca. 1913.

Edificio de La Villa de París, obra de Jenaro de la Fuente Domínguez, na Porta do Sol de Vigo, ca. 1913. / Arquivo Pacheco do Concello de Vigo

Corría o ano 1893 e o empresario vallisoletano Teodoro Gómez Curieses (1866-1923) decidiu abrir en Vigo o seu primeiro comercio. Elixiu o nº 12 da rúa do Príncipe e denominouno La Villa de París, unha marca de moda presente noutras cidades de Galicia e España. Tempo despois o establecemento trasladarase ao nº 7 da rúa Policarpo Sanz (máis adiante «Las Tres BBB», que tamén pertenceu ao mesmo propietario).

Finalmente o nº 7 da Porta do Sol, que dispuña dun amplo local de dous andares de uso comercial, será a sede definitiva desta tenda de modas de Vigo, a máis importante da época. O edificio, construído de nova planta en 1897, era obra de Jenaro de la Fuente Domínguez, que asinou os planos en 1892, xusto un ano antes de rematar o proxecto do Gran Hotel do Balneario de Mondariz. O inmoble, contemporáneo ao hotel El Moderno ou a Escola de Artes e Oficios, ambos obra de Michel Pacewicz, foi derrubado na década de 1970, o que supuxo unha das perdas arquitectónicas máis lamentables da historia da cidade.

Segundo o FARO DE VIGO, no ano 1913 a matriz viguesa do comercio era «el Centro Comercial más concurrido de Galicia, pues desde las primeras horas de la mañana hasta el momento del cierre por la noche los amplios mostradores de despacho se ven invadidos de público forastero y de la localidad». A categoría do establecemento non só viña dada pola procedencia internacional do xénero que comercializaba, senón tamén pola atención á clientela en diferentes idiomas. Así, nun anuncio do grupo de comercios vigueses de Don Teodoro infórmase que se atende en francés, alemán e inglés, o que evidencia a vocación comercial internacional do seu propietario.

Os anuncios en prensa de La Villa de París publicitaban tamén a venda de xéneros procedentes de Estados Unidos, desde teas de vestidos a cretonas estampadas, pasando por garabatas, sedas, pasamanería, abanos, corpiños, puntillas, encaixes, percais, artigos de la, panos, satén...«Tiene esta casa hoy en día más surtido que Chicago», afirmaba.

Anuncio de La Villa de París en «Mundo Gráfico», 1915

Anuncio de La Villa de París en «Mundo Gráfico», 1915 / FDV

Segundo o decano, este almacén de novidades vigués estaba organizado como segue: amplos salóns no andar comercial para a venda ao por menor e unha «lujosa anaquelería que permite a la clientela apreciar a primera vista el extensísimo surtido con que cuenta el establecimiento»; sección de confeccións e probadores no andar primeiro; artigos de moda para cabaleiro; caixa do establecemento que permite levar unha «rigurosa contabilidad como es de rigor en la administración de los importantes negocios, como para mayor comodidad del público». Ademais, nos escaparates do comercio tiñan lugar diferentes exposicións que lucían con especial destaque «durante la noche, por la abundancia de potentes focos eléctricos que contribuyen á que resulte con más brillantez la vistosidad del variado conjunto de novedades».

O nome de La Villa de París pon de manifesto a estreita relación que había naquel momento entre a moda e a cidade da luz, capital da alta costura por excelencia. Don Teodoro viaxaba á capital francesa e a outras cidades europeas con certa frecuencia para adquirir xénero para os seus comercios, e así o acredita a prensa local da época en diferentes ocasións.

A morte do iniciador, no ano 1923, non supuxo ningunha crise do negocio de modas olívico da familia Gómez. Todo o contrario, no ano 1930 La Villa de París, propiedade da sociedade denominada «Hermano y sobrinos de Teodoro Gómez» e formada por herdeiros e familiares do promotor, era o principal contribuínte do Concello de Vigo, segundo os datos da Matrícula Industrial. Así o recolle Fernández González (2005) na súa tese de doutoramento, que fixa en 11.330 pesetas a súa achega á administración local nese ano, moi por riba do resto de comercios da cidade.

A sede viguesa

Na encrucillada de dúas rúas da Porta do Sol, o corazón do primeiro ensanche vigués, alí onde a cidade aprendía a mirarse a si mesma, ergueuse o edificio de La Villa de París que resume como poucos a ambición, o gusto e a confianza dun tempo. É unha peza de esquina, deseñada para ser vista, recoñecida e lembrada; un inmoble que non se conforma con ocupar un soar, senón que dialogaba coa rúa e coa vida que pasaba a diario diante dela.

A súa presenza impuña orde nun contexto urbano bulideiro. A planta baixa, aberta e comercial, concibiuse como un escaparate continuo, recordando que o Vigo de finais do século XIX e comezos do XX medraba ao ritmo do comercio, da industria e dunha burguesía en ascenso. Sobre ela, un primeiro andar protagonizado por ocos cubertos por arcos escarzanos e portas de aire ocupado por modistas destinado a realizar arranxos das prendas traídas do estranxeiro para adaptalas con precisión aos corpos das compradoras olívicas.

Os pisos superiores, xa de uso residencial, elevan unha fachada de granito finamente traballado, onde as fiestras se repiten cunha cadencia clásica e os balcóns voados e corridos de ferro fundido debuxan liñas elegantes, tan funcionais como ornamentais. Aquí as portas de aire rematan en altura nun lintel enmarcado por molduras e tamén por unha falsa clave que destaca en volume, un elemento moi habitual na obra de De la Fuente Domínguez.

Mais é na esquina ou chafrán onde o edificio revela a súa verdadeira personalidade. Alí, suspendidas entre o granito e a luz, tres galerías acristaladas superpostas ascenden como unha sucesión de miradoiros urbanos. Lixeiras, transparentes e refinadas, estas galerías de fundición enmarcadas entre pilastras rompen a rixidez da pedra e introducen un xogo de volumes e materiais que capta a mirada de quen pasa. Non é só un recurso arquitectónico: é unha declaración de intencións, un xeito de dicir que a modernidade tamén pode ser delicada, que a tradición galega da galería sabe reinventarse no corazón da cidade.

Este equilibrio entre solidez e elegancia, entre orde clásica e innovación formal, é marca do proxectista palentino establecido en Vigo. A súa obra soubo interpretar como poucas o espírito ecléctico da época: tomar referencias do clasicismo, incorporar solucións modernas e adaptalas ás necesidades dunha cidade en plena transformación.

Sería no ano 1969 cando ten lugar a venda do comercio de modas vigués, separado polas escaleiras do edificio que acolleu Almacenes Simeón, outra das grandes marcas comerciais da cidade da oliveira.

O noso inmoble, de non ter sido derrubado na década seguinte, non envellecería, e seguiría a falar con voz clara na actualidade da arquitectura ecléctica viguesa. Un edificio que non só conta a historia dun arquitecto brillante ou dunha cidade en expansión, senón tamén dun tempo no que Vigo decidiu construír a súa identidade urbana con ambición, coidado e unha sólida vontade de beleza que, nesta ocasión, foi amputada para desgraza de todos e todas.

A sucursal de Mondariz

O edificio que hoxe alberga a Casa do Concello de Mondariz Balneario érguese como unha sólida peza de granito no corazón vital da vila de augas, só superado en monumentalidade polo propio balneario. Promovido por Gómez Curieses en 1903, concibiuse como un inmoble moderno e ambicioso: na planta baixa instalouse unha sucursal da prestixiosa casa de modas La Villa de París, referente do consumo elegante e dirixida á clientela burguesa que cada verán acudía a tomar as augas medicinais; nos andares superiores dispuxéronse cuartos e vivendas de alugueiro, organizadas arredor dunha cociña comunitaria con lareira e vertedoiro de granito, expresión dunha vida urbana compartida.

A ausencia do proxecto orixinal no arquivo municipal impídenos atribuír con certeza a autoría do edificio, mais a súa linguaxe arquitectónica (pilastras almofadadas, beiril voado, discos ornamentais, sobrelinteis destacados en volume, etc.) apunta tamén a Jenaro de la Fuente Domínguez. A fachada responde a un eclecticismo clasicista de vocación monumental, no que o número sete actúa como auténtico fío condutor: sete arcos de orde xigante estruturan o pórtico, sete portas de aire e sete balcóns marcan ritmo e simetría tanto no frontis principal como na contrafachada.

Edificio de La Villa de París de Mondariz, construído en 1903.

Edificio de La Villa de París de Mondariz, construído en 1903. / FDV

O conxunto preséntase cunha orde académica rigorosa, flanqueado por pilastras almofadadas e organizado en dous corpos. A planta baixa abre un maxestoso soportal de arcos de medio punto, sostidos por columnas cadradas con capiteis dóricos, que evoca os soportais urbanos tradicionais e anticipa, con notable modernidade, a idea do paseo cuberto comercial do edificio da Varanda, un proxecto de Antonio Palacios rematado en 1926. Non é difícil imaxinar este espazo como lugar de encontro e paseo, protexido da chuvia, onde a clientela podía deterse ante os escaparates –hoxe cegados– nun xesto pausado e elegante.

Os arcos, finamente moldurados, dialogan con paralelos pontevedreses e composteláns, integrando o edificio nunha tradición urbana galega reinterpretada. O interior destaca pola calidade dos detalles: a escaleira de madeira con varanda de fundición, as columnas metálicas saídas do obradoiro vigués de Sanjurjo Badía ou as baldosas hidráulicas do vestíbulo, de inspiración modernista e art déco.

Esta antiga sucursal de La Villa de París é, en definitiva, unha síntese brillante do Mondariz burgués e cosmopolita do primeiro terzo do século XX. A súa adquisición pública para acoller a casa consistorial en 1958, baixo a alcaldía de Augusto Álvarez do Souto, garantiu a conservación dunha das pezas máis valiosas da arquitectura urbana do antigo barrio de Troncoso, hoxe convertida nun dos símbolos máis recoñecibles e singulares da vila balnearia máis importante de Galicia e, posiblemente, de España.

Na actualidade o antigo edificio de La Villa de París é un dos edificios monumentais máis orixinais e representativos de Mondariz Balneario.

Foi así como a modernidade que chegaba de París vestiu con elegancia burguesa a arquitectura e os habitantes de Vigo e Mondariz, nun tempo no que ambos soñaron ser vangarda e medrar con fachenda e distinción.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents