Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Wendy no tornado

Os irmáns do sol

Unha persoa camiña por Caracas, en Venezuela.

Unha persoa camiña por Caracas, en Venezuela. / Ronald Pena R. | EFE

Mar Mato

Mar Mato

Dos primeiros anos da infancia, lembro as bágoas da miña nai cando soaba «Galicia y sus canciones» no equipo de música a 6.669,57 quilómetros de aquí.

Despois, seguiron os choros a 6.669 quilómetros de Caracas ao escoitar o segundo himno de Venezuela, o «Alma llanera» de Carlos Almenar: «Yo nací en esta ribera/ del arauca vibrador/ soy hermano de la espuma/ de las garzas, de las rosas/ y del sol y del sol».

Trala canción, chegaban a melancolía e as lembranzas: o duro traballo para desempeñar a pasaxe do transatlántico Begoña, a convivencia nunha Babel onde compartían vida con xentes de medio mundo (España, Cuba, Italia, Portugal, Holanda, Estados Unidos, Alemaña...) e a felicidade de ir construíndo a prosperidade.

«Un gran país!», suspiraba miña nai cos ollos tristes. Eu non entendía por que botaba de menos unha terra na que che podían disparar na perna ao ir buscar o coche que che roubaran; na que che podían secuestrar a pleno sol a túa filla collida da man ou na que era normal ter un revólver...

Para comprender, visualizo canles do YouTube para ver a Suíza americana na bonanza petroleira dos anos 60 e 70, a súa vangarda, o ascensor social que ofrecía; pero tamén teño presente a desigualdade e a ruína co 18 de febreiro do 1983 cando devalaron o bolívar á metade da súa cotización fronte ao dólar.

Durante 30 anos, dubidamos se regresar «de visita». Pouco a pouco borramos o destino: Venezuela foi incluída varios anos entre os países máis perigosos do mundo. Haberá uns meses resucitei a arela. Catai volvía a ofrecer viaxes organizadas e ‘seguras’. Só me quedaba aforrar uns anos... Este xaneiro, co secuestro de Maduro por militares ianquis, recibín o mazazo.

Oxalá os oito millóns de venezolanos –que segundo Acnur emigraron nos últimos anos buscando protección e unha vida mellor– poidan regresar. Pero non me fío de Trump, un empresario que está a aniquilar o dereito internacional. Non confío nunha María Corina Machado que ofrece compartir o seu Premio Nobel con quen a descualificou; tampouco na ‘colaboradora’ Delcy Rodríguez. Por que esta última foi a elixida? Para evitar unha guerra civil? Temo que Venezuela entrase nun tornado. Volverá a guerrilla? Alí e no resto do mundo, dende agora, calquera cousa pode acontecer.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents