Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Do Cantábrico ao Atlántico

A arquitectura galega de Enrique Álvarez Sala y Moris

O arquitecto asturiano Enrique Álvarez Sala y Moris (1910-1995), titulouse na Escola Superior de Arquitectura de Barcelona e exerceu a súa profesión en Galicia nos seus primeiros anos. É autor de tres edificios que destacan no conxunto da súa obra galega: a Casa Reitoral de Bouzas (1946), o mercado de Salceda de Caselas (1949), e a Praza de Abastos do Rosal (1954).

Nese ano de 1954, xunto a outro colega e mandos nacionais de sindicatos de Falange, fixo unha viaxe de estudos a Italia e Alemaña, representado aos arquitectos españois no marco do coñecido como «plan nacional de 50.000 viviendas». Tamén en 1954 naceu o seu primeiro fillo, que bautizou con catro nomes: Arturo, Álvaro, Enrique e José Luís.

O estilo de Sala y Moris reflicte o momento de paso entre o racionalismo puro e as necesidades de habitación de posguerra, combinando modernidade e certa continuidade formal co pasado arquitectónico. En Galicia foi «consejero provincial» do «Movimiento» e arquitecto da Obra Sindical del Hogar y de la Junta de Ayuda a Municipios. Nese contexto proxectou, entre outros, os mercados de Lalín e Tomiño, diferentes proxectos de vivenda colectiva de estilo racionalista en Lalín, Vigo ou Pontevedra, e mesmo o Plan de reforma e ensanche de Salvaterra de Miño (1959).

A súa traxectoria inicial en Galicia deixou tres pezas que condensan a súa mirada entre a tradición e o novo tempo arquitectónico.

Carné de arquitecto de Enrique Álvarez Sala y Moris

Carné de arquitecto de Enrique Álvarez Sala y Moris / FDV

Pedra e dignidade: o mercado de Salceda

O proxecto do mercado de Salceda de Caselas, trazado en 1949 e –lamentablemente– derrubado no ano 1994, amosa unha arquitectura que combina funcionalidade e prestixio, sen renunciar á sobriedade propia da posguerra. A súa fachada lateral, perfectamente simétrica, é unha lección de orde e medida: un corpo central máis elevado, coroado por un elegante frontón curvo, organiza o conxunto e anuncia o acceso principal baixo un arco de medio punto.

A composición horizontal, reforzada pola cuberta a dúas augas e o ritmo regular das ventás, dálle á edificación unha presenza serena e proporcionada. A base estaba construída con grandes pezas de granito irregular, traballadas a diferentes texturas, mentres a metade superior mostra perpiaños máis uniformes.

Fachada do Mercado de Salceda nun debuxo do arquitecto.

Fachada do Mercado de Salceda nun debuxo do arquitecto. / FDV

O xogo entre os arcos, as reixas metálicas e os pináculos decorativos sobre o corpo central introduce un ton institucional, case monumental, sen perder a escala humana. A fachada non pretende asombrar ao espectador, senón representar con dignidade o espírito do lugar: un espazo público, aberto, que acolle o intercambio comercial e a vida comunitaria.

O mercado de Salceda é, deste xeito, unha obra que equilibra simetría, oficio e dignidade popular, reinterpretando a linguaxe clásica e galeguista para darlle forma a un edificio útil, pero tamén simbólico: a casa do comercio e da conversa, onde a pedra fala con voz propia.

Fotografía da Praza de Abastos de Salceda na década de 1960. Arquivo do Concello de Salceda de Caselas.

Fotografía da Praza de Abastos de Salceda na década de 1960. Arquivo do Concello de Salceda de Caselas. / FDV

Casa reitoral de Bouzas: tradición reinventada

Competindo en presenza coa igrexa parroquial de San Miguel, sobre un pequeno promontorio que domina o mar, Sala y Moris proxectou esta casa reitoral, que combina tradición e prestixio. A súa silueta, articulada en corpos graduados e coroada por unha torre, lembra as casas grandes de Galicia. É unha arquitectura que fala do país, mais tamén dunha vontade de dignificación, de dotar a vivenda dun aire señorial.

O edificio, levantado en 1946, xoga co contraste entre o granito da planta baixa e o branco do revoco superior, nun diálogo entre forza e claridade que se converteu nun dos sinais de identidade da arquitectura nobre galaica. As fachadas mesturan elementos autóctonos (arcos de medio punto do soportal, balcóns voados de ferro forxado e miradoiros) con outros alóctonos (beiril granítico quebrado, cuberta a tres augas do volume elevado) que aportan un ton expresivo e algo teatral. Especialmente singular é a parella de ventás xeminadas de inspiración románica e decoración barroca do torreón, reinterpretadas cunha elegancia moderna.

A casa emprega materiais locais –granito ben escuadrado, madeira, tella curva– que evocan o espírito da arquitectura galeguista de proxectistas como Manuel Gómez Román. Nela conflúen tamén ecos do eclecticismo e do historicismo propios da posguerra, que buscaba unha identidade arquitectónica ancorada no pasado pero con mirada contemporánea.

Casa reitoral de Bouzas.Alberte Reboreda

Casa reitoral de Bouzas.Alberte Reboreda / FDV

O Rosal: monumentalidade cotiá

A Praza de Abastos deste concello do Baixo Miño, proxectada en 1954, ergue a súa figura rotunda no corazón da vila cunha presenza case teatral. A composición, presidida por unha torre sólida, combina proporción e simbolismo: o arco de medio punto que abre o acceso principal converte o edificio nun verdadeiro pórtico da vida e o comercio cotiá.

A fachada está construída nunha cantería precisa e limpa, que reflicte a luz coa mesma dignidade que a igrexa de Santa Mariña ou o pazo municipal, cos que comparte praza. O volume horizontal da nave, de ventás rectangulares e ritmo constante, contrasta coa verticalidade da torre, que se ergue como un faro urbano, un signo de centralidade e orgullo colectivo nunha vila agrícola en crecemento.

Imaxe da praza de Abastos do Rosal c.a. 1955.

Imaxe da praza de Abastos do Rosal c.a. 1955. / Arquivo da D. de Pontevedra

A fonte e a balaustrada de pedra que protagonizan a praza dianteira engaden un ton escenográfico e amable: é un espazo pensado para estar, para conversar, para que a arquitectura dialogue coa xente.

O mercado rosaleiro é, en definitiva, unha obra que transforma o servizo público en arquitectura contundente, con carácter. A súa torre, o seu arco e a súa pedra son máis ca formas: son a memoria dunha época que quixo vestir de monumentalidade a vida común.

Un arquitecto entre dous mundos

Desde 1960 ata a súa xubilación, Sala y Moris abandona Galicia para desenvolver a súa vida profesional na súa cidade natal, Gijón, onde compatibilizou, en ocasións con polémica, o seu estudio privado coa praza de arquitecto municipal. A súa obra –como o eloxiado bloque de vivendas de Álvarez Garaya 13 ou o Parque Sindical de La Felguera– amosa un cruce entre funcionalidade social, modernidade arquitectónica e urbanismo intensivo.

A obra galega de Enrique Álvarez Sala y Moris é unha lección de equilibrio: entre tradición e modernidade, entre servizo público e ambición estética, entre a arquitectura histórica e a nova orde racionalista.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents