Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

2025, Ano Castelao | Cousas de Daniel (10)

O regreso de Castelao a Galicia

Os restos mortais de Castelao regresaron a Galicia despois de preto de cincuenta anos no exilio.

O momento político no ano 1984 era de moita crispación social. Pretendíase eliminar o comunismo e os nacionalismos na paisaxe posfranquista de España

Pechando un capítulo da historia recente de Galicia, e así mesmo cumprindo o seu gran desexo que sempre foi descansar eternamente na súa amada Galiza, o 28 de xuño do ano 1984 os restos mortais de Castelao son trasladados dende Bos Aires ata o Panteón dos Galegos llustres en Santiago de Compostela. Facía trinta e catro anos que o seu corpo embalsamado durmía o soño dos xustos no cemiterio da Chacarita, onde fora enterrado con honores de xefe de Estado no ano 1950.

Aínda que a súa repatriación era un acontecemento longamente agardado polos galeguistas, este xerou enfrontamentos e quedou escurecido ás dúas bandas do Atlántico pola división política e instrumentalización que se fixo da súa figura. Sectores importantes da emigración galega en Bos Aires opoñíanse ao seu traslado. «Castelao merece unha repatriación que se corresponda a súa imaxe de heroe nacional. Chámanos a atención a maneira case furtiva co que se pretende esquecer a súa traxectoria política [...]. El loitou pola autodeterminación de Galiza, polo seu federalismo dentro do Estado español. Os que compartimos o seu exilio desexábamos renderlle un dino homenaxe , coa total adhesión de todo o noso pobo».

Todo comezara tras a entrada en vigor do Estatuto de Autonomía en maio do ano 1981 co que Galicia constituíase en Autonomía dentro do Estado español coas bases legais para o seu autogoberno. Estatuto ratificado previamente no referendo celebrado en decembro do ano 1980. A partir destes intres toma corpo a idea de que Castelao descanse eternamente na súa terra amada, tal e como el mesmo expresara por escrito no exilio arxentino.

A finais do ano 1981, concretamente o 20 de outubro, celébranse as primeiras eleccións autonómicas ao Parlamento Galego tras máis de corenta anos de ditadura franquista contra a que Daniel sempre loitou. E en xaneiro do ano 1982 constitúese o primeiro goberno autonómico presidido polo conservador Xerardo Fernández Albor. Pero non será ata o 4 de maio do ano 1984 que a cuestión do seu regreso chega ao Parlamento de Galicia, sendo o deputado vigués Camilo Nogueira do partido Esquerda Galega o impulsor da iniciativa.

A súa proposta, aínda que xerou controversia, sería aprobada por unanimidade, toda vez que os tres deputados electos do BNG máis un do PCG, que ían rexeitala, no estaban presentes na Cámara galega ao non acatar a Constitución Española. Este sector do nacionalismo galego opúxose ferventemente ao traslado dos restos de Daniel, pois para eles non se daban as circunstancias desexadas de liberdade democrática e pleno autogoberno. Ademais, acusaban ao goberno de Galicia de estar composto por herdeiros do réxime franquista.

Con todo, a Xunta que estaba gobernada por Alianza Popular máis a UCD, non dubidaría da repatriación e expresaríao con contundencia: «A normalidade democrática está restaurada, e Galicia adquiriu co seu Estatuto de Autonomía o recoñecemento de nacionalidade histórica. Por iso que Castelao pode durmir o soño da eternidade na súa terra amada».

Unha vez acordado o traslado de Daniel co Centro Galego de Bos Aires inícianse os trámites para o día do seu regreso. Como Castelao fora un dos principais impulsores do Estatuto de Autonomía, que fora aprobado en plebiscito o 28 de xuño de 1936, aínda que non conseguira ser ratificado polas Cortes en Madrid debido a sublevación militar que desencadeara a Guerra Civil, escóllese ese día para a súa volta a Galicia.

Daquela, quedaba por decidir a cuestión onde sería enterrado. Aínda que se propuxo a posibilidade de que fora no seu Rianxo natal ou en Pontevedra, o presidente da Xunta trasladou a súa irmá Teresa Rodríguez Castelao a súa vontade de que repousase no Panteón dos Galegos Ilustres, xunto a Rosalía de Castro, Ramón Cabanillas, Alfredo Brañas, o cartógrafo Domingo Fontán e o escultor Francisco Asorey.

O xoves 28 de xuño o avión de Iberia 727 procedente de Bos Aires cos restos mortais de Daniel, aterra en Santiago as 20.02 tras un retraso de tres horas pola escala que fixo en Madrid e sufrir unha ameaza de bomba. A pé de pista o presidente da Xunta, Xerardo Fernández Albor, e o presidente do Parlamento galego, Antonio Rosón –máximas autoridades autonómicas– colocan sobre o féretro a bandeira do Consello de Galiza, a mesma que o cubrira cando fora enterrado no panteón do Centro Galego de Bos Aires. A continuación oito mariñeiros de Rianxo portan o ataúde até o lugar onde se atopába a súa irmá Teresa, a vez que, de fondo, soaba o himno galego. Todas as persoas que a acompañaban, entre as que sobresaían Francisco Fernández del Riego, Valentín Paz-Andrade e Carlos Abraira, consólana ao firmar a recepción do corpo repatriado de Castelao.

O momento político era de tanta crispación que cando o féretro é conducido ao furgón fúnebre, o alcalde socialista de Rianxo máis a veciñanza que fora a recibilo ao aeroporto, deciden non ir a Bonaval por non estar de acordo co momento elixido para a repatriación ni co lugar escollido. Ademais nas inmediacións do aeroporto concentrábanse un grupo moi numeroso de persoas convocadas polo Partido Comunista de Galicia que, ao saber que non poderían entrar na terminal de Lavacolla, estallaron en berros de rabia, sendo reprimidos con cargas policiais.

Carga policial contra os manifestantes  do BNG contrarios ao momento escollido  para a repatriación de Castelao

Carga policial contra os manifestantes do BNG contrarios ao momento escollido para a repatriación de Castelao / EFE

Ese mesmo día, e dende as catro e media da tarde, tamén se congregaran fronte ao Panteón dos Galegos Ilustres, situado no convento de Bonaval no barrio de Santiago de Compostela, un amplo grupo de manifestantes do Bloque Nacionalista Galego que, en actitude reivindicativa, apuparan aos diferentes representantes políticos que acudiran ao lugar con berros de: «A Castelao non se lle traizoa. Galiza ceibe, poder popular».

Pouco antes de que o furgón funerario, escoltado por un amplo despregue policial, chegara a Bonaval, comezaron os disturbios e as cargas dos «grises». Como o acto estaba sendo cuberto en directo pola prensa galega máis pola televisión nacional TVE/Galicia –pois aínda non se constituira a canle autonómica– os incidentes xeraron un grande impacto na sociedade do país. Cando os manifestantes viron chegar o coche funerario, de súpeto cesaron as carreiras e os berros. E entre aplausos e vivas o cadaleito, portado por policías municipais de Santiago co uniforme de gala, consigue ascender polas escaleiras do convento de San Domingos ata a igrexa onde serían depositados os restos mortais do ilustre galeguista.

Teresa, a irmá de Castelao, abrazándose ao ataúde do seu irmán

Teresa, a irmá de Castelao, abrazándose ao ataúde do seu irmán / EFE

Tras a entrada do féretro na capela lateral do convento –que alberga o Panteón dos Galegos Ilustres– o presidente da Xunta impúxolle a Castelao a Medalla de Ouro de Galicia, e celebrouse unha cerimonia relixiosa polo defunto. Mentres, tanto a banda de música municipal de Santiago, que interpretou o himno galego, como a Coral Polifónica de Pontevedra, da que Daniel fora cofundador e director artístico, amenizaban o acto con música da terra.

Ao rematar o funeral moitas das persoas manifestantes dirixíronse á Praza do Toural, onde desenvolveuse un acto cívico de homenaxe e desagravio ao líder galeguista. Alí sentiuse verdadeiramente a calor e o agradecemento cara a volta de Daniel, todo o que faltou no acto oficial. Foi un tributo popular ao seu gran líder, loitador incansable pola defensa das liberdades democráticas e contra a ditadura franquista.

Dende entón os restos mortais de Castelao xacen nun sartego de pedra aí mesmo, en San Domingos de Bonaval, onde a partires desta data e, en seu honor, cada ano a Xunta de Galicia outorga as condecoracións de carácter civil: as Medallas Castelao.

«Nacer, vivir e morrer nunha mesma terra é a sorte máis grande que se lle pode desexar a unha persoa, sempre e cando na terra nativa haxa xustiza e liberdade democrática», sería un dos grandes ensinos que o pai do nacionalismo galego deixounos como herdanza na súa imperecedoira obra Sempre en Galiza.

Fontes consultadas e agradecementos

  • SEIXAS SEOANE, MIGUEL ANXO. Castelao construtor da nación. Editorial Galaxia, ano 2021.
  • NAVAZA GONZÁLEZ, TEREIXA. Crónica dun regreso histórico. Ano 2025.
  • RODRÍGUEZ, SALVADOR. Entre pedradas y lágrimas. FARO DE VIGO, 22 xuño 2014.
  • A NOSA TERRA. Publicación periódica y fotos. Arquivo persoal del autor.
  • AS IMAXES DE CASTELAO. Xosé Enrique Acuña. Promocións Culturais Galegas, S.A.
  • FUNDACIÓN CASTELAO.
  • ARQUIVO PENZOL.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents