Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Que din as rumorosas?

Escravos do horror vacui

Varias persoas agárranse as mans no funeral de Estado polas vítimas da dana de Valencia.

Varias persoas agárranse as mans no funeral de Estado polas vítimas da dana de Valencia. / Kai Forsterling | EFE

Carmen Villar

Carmen Villar

O baleiro non contén nada, pero malia a todo pesa. A realidade real, esa que se pode tocar, esa que nos queima nas mans coma a area cando lle dá o sol ou que nos seduce o padal en forma de xeado, está feita de átomos cheos de baleiro. Non un baleiro deses que lle dan corpo á anguria existencial. Non: é un baleiro que o constrúe todo e aínda así pensamos que podemos tocar outra persoa e mesmo se nos pon a pel de galiña ao facelo algunha vez.

A etapa clásica non lle tiña medo ao baleiro. Nos seus espazos, resucitados con entusiasmo polo Renacemento e con languidez polo neoclasicismo, a mirada podía esvarar polos recantos sen tropezar nin con valados nin con marcos. En troques, o horror vacui da época barroca é hoxe en día a norma espiritual, por máis que a economía, e a moda etérea do virtual, impoña o sentido común do minimalismo.

Porén, incluíndo os estómagos dos galegos por orde e mandato das matriarcas, a tendencia natural do oco é a deixar de selo. Os humanos imos estendéndonos, ocupando territorios, e cada vez hai menos lugares intactos, se é que queda algún. Se tendemos a encher o espazo, as horas tampouco se libran desa obsesión e ben o saben os rapaces que pasan o tempo que deberían empregar para xogar «fichando» en actividades extraescolares.

Falamos dunha vida plena mentres a soterramos en contidos para non ollala en fite. Cando dicimos plenitude, a evolución máis culta da palabra, o mundo semella ocupar máis, ata nos tapar a boca, ollos e ouvidos. Dicimos plenitude, pero xa non hai verdades enteiras, se acaso plenarias. Á verdade fóronlle roubando atributos e agora atravesa aterecida unha gran praza virtual vestida cun traxe invisíbel sen que ninguén ouse berrar que vai núa.

En cambio, xa vén de vello a nosa teima en reparar naquilo do que carecemos, nas liñas pendentes de cumprir do listado de desexos, relegando os máis guiadiños que se nos concederon. Así, mentres buscamos ocos no sistema nos que encaixar as nosas deformadas expectativas, vannos saíndo fames que descoñecemos como fartar e o perigo é enchérmolas con calquera doutrina.

Así e todo, no oco da palma da nosa man caben os ocos da palma da man das persoas queridas. Ese, e o inexistente espazo que deixan os nosos brazos ao darnos unha aperta, son os ocos que máis me importan.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents