Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

2025, Ano Castelao | Cousas de Daniel (2)

Ás beiras do Lérez

Castelao atopou en Pontevedra non só a máis axeitada vila para vivir, senon tamén o acubillo para desenrolar as diversas facianas da súa traxetoria, dende as artísticas ata as políticas, deixando unha pegada cultural imperdurábel

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Salvador Rodríguez

Salvador Rodríguez

A Pontevedra na que Castelao se establece dende 1916 aseméllabase á de hoxe, no seu casco vello e, en parte, na maneira de ser das súas xentes, con ese toque de distinción e fachenda indisimulada de capitalinos, daquela con menos funcionarios, claro, pero cunha estimable e cualificada representación de profesionais liberáis, que eran os que daban pulo e facían posible unha penetración das actividades culturais nunha burquesía pontevedresa que, segundo alguns cronistas locais, seica vivira tempos mellores, pero que cando Daniel chega só era culturalmente comparable coa que, naquela época, gozaba a mesmísima Compostela.

Alí xa estaban os Casto Sampedro Folgar (que contaba con 72 años idade) e Perfecto Feijóo (que naquela altura achegábase aos 60) pero, en torno a Daniel, foi abrollando unha nova xeración intelectual entre a que resulta preciso destacar aos imáns Carlos e Luis Sobrino (pintor e médico, respectivamente), o poeta Juan Bautista Andrade ou o avogado Isidoro Millán Mariño, xentes que se reunían, nomeadamente, nas tertulias que se formaban no Café Moderno. De igual xeito, importantísimo foi, dentro daquel novo ciclo xeracional, o seu encontro con Antón Losada Diéguez e Francisco Javier Sánchez Cantón. Co primeiro, no só fundóu a Coral Polifónica senón que tamén sería o home que o poría en estreito contacto coas Irmandades da Fala e quen o incorporou a nómina de colaboradores da revista “Nós”. Mentres, pola súa banda, Sánchez Cantón, comezaría a amosar interese por Castelao a traveso das ilustracións que publicaba na citada publicación; de feito, o propio Daniel, que o admiraba, botaba de menos o moito que tardaba o egrexio Cantón en «molestarse» en chamalo para que se coñeceran persoalmente. Pero ese encontro, ao cabo, producíuse e, con el, xurdiu unha fonda amizade entre os dous que, co engadido do arquitecto Juan Argenti, florecería na creación do actual Museo Provincial en 1927, e aberto a partires de 1929.

Concerto da Coral Polifónica de Pontevedra en 1929, cando estaba presidida por Castelao (foto coloreada).   | // ARQUIVO DO MUSEO PROVINCIAL DE PONTEVEDRA (MPP).

Concerto da Coral Polifónica de Pontevedra en 1929, cando estaba presidida por Castelao (foto coloreada). / ARQUIVO DO MUSEO PROVINCIAL DE PONTEVEDRA (MPP).

Ideólogo e figura do Museo Provincial

A denominada Colección Castelao estreóuna o propio artista no ano 1931 co depósito de 11 das suas obras

Creado por orden da Deputación a proposta dos deputados Gaspar Massó, César Lois e Alfredo Espinosa para complementar o labor desenrolado pola Sociedad Arqueológica que en 1894 fundara Casto Sampedro y Folgar, o nome de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao figura como impulsor, xunto aos de, como quedou dito, Francisco Javier Sánchez Cantón e Juan Argenti, a traveso do primeiro Patronato do Museo, formalizado o 30 de xaneiro de 1929. Estes tres homes foron os que se encargaron de supervisar a restauración do edificio do século XVIII (o primeiro dos que consta o actual museo) que a Deputación mercara a Casimiro Gómez.

Poden, daquela, comprenderse as razóns polas que no Museo Provincial de Pontevedra no só estén representadas todas cada unha das facetas de Castelao, senón que nel se acolla a práctica totalidade da súa obra gráfica que ainda se conserva.

A denominada Colección Castelao estreóuna o propio artista en 1931 co depósito de 11 das suas obras que, posteriormente, en 1964, serían adquiridas á súa viuva, Virxinia Pereira, quen, tralo seu pasamento, legou á súa vez un grande número de orixinais da súa propiedade.

A lo longo dos anos até hoxe, novas donacións, depósitos e compras ampliaron a colección, ainda que o momento cúmio podémolo concretar o 4 de xaneiro de 2013 coa inauguración do Edificio Castelao, situado na horta de Compañía de Xesús, detrás da igrexa parroquial de San Bartolomeu e do Edificio Sarmiento, co que se comunica. As obras iniciáronse en 2004 e foron sufragadas mediante un protocolo asinado en 2000 polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e a propia Deputación de Pontevedra.

Co paso dos anos, a tertulia do Café Moderno cedeu o seu protagonismo á doutro café, o Méndez Nuñez, situado non por casualidade ao ladiño da casa de Castelao. Tratábase ésta dunha tertulia de talante máis progresista, na que se reunían os Antonio Iglesias Vilarelle, Claudio Losada, Fermín Penzol, Filgueira Valverde, Valentín Paz Andrade,Alexandre Bóveda, Vicente Risco... ou, o que é o mesmo, a meirande parte do “núcleo duro” que ía fundar Partido Galeguista en decembro de 1931.

Porén, non volvamos a caír na tentación de adiantar acontecementos, mais ben fagamos un chisco de flashback. O Castelao que chega a Pontevedra viña de deixar a Mediciña. Exercera de médico de familia en Rianxo, pero axiña cambiara de vocación, máis atraído pola súa faceta artística plasmada nas súas primeiras colaboracións. “Tomada a decisión de abandonar a práctica médica -conta Xosé Enrique Acuña en As imaxes de Castelao- un novo oficio de funcionario auxiliar de estatística levaríao a vivir en Pontevedra (á que chega) cando ainda tiña recente un desprendemento de retina que a pouco o conduce á cegueira”. Tivo algunha vez Daniel vocación pola Sanidade? Na anterior entrega afirmábamos que non, e mais cando, de recén, descubrimos unha cita súa na que deixou dito que abandoara a Mediciña «por amor á humanidade”.

«Sábese que dispois de ter nascido, escollín Pontevedra para vivir e morrer, e se tal programa non chega a cumplirse, non será certamente por culpa miña» (Castelao)

A este respecto, Henrique Montegudo, no perfil biográfico do Álbum Galicia (Consello Galego da Cultura) lemos: “Desde 1916 ata 1936 (Castelao) establece a súa residencia habitual na capital do Lérez onde, ademais de desenvolver a súa carreira como funcionario, exerceu como profesor auxiliar de Debuxo no Instituto de Ensino Medio (…) Grazas ao seu enxeño, o seu carácter alegre e a súa cordialidade, o noso autor integrouse con facilidade na vida social e cultural pontevedresa”.

Ese vencello con Pontevedra duraría, sentimentalmente, ata a fin dos seus días, incluso superando a nostalxia do seu Rianxo natal, quedou reflectido nunha carta que, con data do 31 de marzo de 1947, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao remitiu ao Centro Pontevedrés de Bós Aires apenas tres anos antes de finar na capital arxentina, unha carta da que destacamos o seguinte parágrafo: “Non teño ningún documento, nin siquera unha partida de nacemento, para acreditar a miña condición de pontevedrés; pero se non fun consultado antes de nascer, sábese que dispois de ter nascido escollín Pontevedra para vivir en morrer, e se tal programa non chega a cumplirse, non será certamente por culpa miña. Non son, pois,un pontevedrés de partida de nacimiento, que ás veces isto é entrar pola porta falsa; eu son pontevedrés pola miña propia vontade e pola identificación coas terras e as xentes de Pontevedra”.

O insólito cadro flamenco co que Castelaoagasallou a Ruth M. Anderson

O insólito cadro flamenco co que Castelao agasallou a Ruth M. Anderson / Hispanic Society

Daniel e Ruth en Pontevedra

Un encontro que deixou como legado o cadro mais insólito pintado por castelao

Na súa segunda viaxe a Galicia, que non ao resto de España, a fotógrafa Ruth Matilda Anderson viña cunha amiga, Frances Spalding. Alugaran un coche para moverse con máis comodidade polas maltreitas estradas galegas. No seu “caderno de bitácora” recóllese que as primeiras vilas que visitaron, após desembarcar en Vigo, foron as Baiona, Cangas, Tui, Mondariz e… Pontevedra, para regresar ao seu país en maio de 1926.

“Foi nesta segunda viaxe – relata Manuel Vilar Álvarez no seu artigo “Un presente de Castelao a Ruth Matilda Anderson”- cando Ruth M. Anderson coñecería a Castelao e falarían de temas que aos dous lles interesaban, como a vestimenta, a música. Castelao, seguramente querendo ser amable cunha americana que mostraba tanto interese polo noso país e polos costumes das súas xentes, sacou a súa caixiña de acuarelas e fixo unha pequena pintura como presente para a fotógrafa americana, como así o fai constar o autor nunha dedicatoria manuscrita fóra da composición: “Para Señorita Ruth Matilda Anderson/ Afectuosamente CASTELAO /1926”.

Esta rareza artística de Castelao (é un cadriño dunha escea de tablao flamenco) forma hoxe parte dos fondos da Hispanic Society de Nova Iorque, ao que chegou cando a afamada fotógrafa fixo doazón das súas cousas a esta institución, pouco tempo antes de morrer en 1983. Curiosamente, a obra ten como data de entrada o 14 de abril de 1982, aniversario da proclamación da Segunda República.

Fontes consultadas e agradecementos

  • Arquivo de FARO DE VIGO.
  • Arquivo da Fundación Castelao.
  • Arquivo do Consello Galego da Cultura. Perfil biográfico elaborado por Henrique Monteagudo e artigo escrito por Manuel Vilar Álvarez.
  • «As imaxes de Castelao. Fotobiografía» (Promocións Culturais Galegas) de Xosé Enrique Acuña.
  • Arquivo do Museo Provincial de Pontevedra.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents