«Gustaríame facer papeis protagonistas en cine»
Tras os seus éxitos nas películas ‘As Bestas’ e ‘La infiltrada’, o intérprete compostelán vive un momento de apoxeo na súa carreira cinematográfica. Non é un recén chegado, ten unha ampla traxectoria a nivel internacional nas artes ecénicas contemporáneas

O actor e dramaturgo galego Diego Anido. / La Diapo
Acadou o éxito popular co seu papel de Lorenzo Anta en «As Bestas», de Rodrigo Sorogoyen, chegando a estar nominado ao Goya como mellor actor de reparto, galardón que levou o seu paisano e compañeiro de reparto Luis Zahera, que facía de irmán seu na pantalla. A ese personaxe salvaxe e primitivo sucedeulle o de terrorista de ETA que encarna en «La infiltrada», de Arantxa Echevarría, directora coa que volverá rodar este ano. Pero o compostelán Diego Anido (48 anos) non é, nin moito menos, un recén chegado. Ten unha ampla traxectoria como dramaturgo e actor de teatro de repercusión internacional e tamén como intérprete no audiovisual, especialmente co seu paisano Alfonso Zarauza, co que rodou ‘Ons’ e ‘Malencolía’, entre outros títulos.
«Actualmente estou coa película «A nadadora», de Sandra Sánchez, en fase de ensaio, empezaremos a rodar en breves; e tamén outra máis de Arantxa Echevarría, «Cada día nace un listo». Solápanseme as dúas. Na primeira fago dun pai dunha familia moi desestruturada que ten un problema de adición; e a segunda é unha especie de thriller- comedia negra dun grupo de delincuentes un pouco chapuceiros na que fago dun personaxe peculiar, unha mistura equilibrada entre chapuceiro e delicado», comenta.
– Está nun momento doce da súa carreira en canto a traballo, compensación económica e satisfacción persoal?
– Vou tentar romper o tópico, a ver se podo. Os momentos máis fodidos son cando non tes guita, porque eu traballo sempre tiven, aínda que ás veces o tema económico non vai tan ben. Agora mesmo estou nun momento moi bo de equilibrio entre traballo e compensación económica. Estou máis acaparado polo audiovisual (durante moitos anos foi o teatral). Teño a sorte de que os traballos que me están encargando son para min a nivel de creatividade moi gratificantes.
– Repite con Arantxa Echevarría, iso quere dicir que a experiencia foi moi boa para os dous?
– Pola miña parte foi moi boa, conectamos dende o primeiro momento. Ela ten esa tendencia de repetir moito co equipo, como Abel Ferrara ou Bergman, que parecía como se fora unha compañía de teatro na que os actores van facendo personaxes diferentes en cada película.
– «La infiltrada» é a segunda película supernominada aos Goya na que participa, tras «As Bestas», de Rodrigo Sorogoyen, y despois de «O Corno», de Jaione Camborda, gañadora da Concha de Oro en San Sebastián. Como se vive isto?
– Intento non valoralo, é como se che din que es moi guapo. Se cho din todos os días a tódalas horas é un problema, porque o acabaras crendo, pero se cho din de vez en cando alégrache o día; sobre todo a min, que non son un tipo especialmente guapo, aínda que tampouco son feo.
– Que reto interpretativo supuxo meterse na pel dun etarra e como é o seu personaxe?
– É como un furacán, aparece no terceiro terzo da película e arrasa con todo, agarra a acción e a tensión que vai acumulando a peli. Se fixeramos unha analoxía deportiva, este personaxe é como alguén que entra ao final da segunda parte, mete gol e gaña o partido. Requiría terse feito con moitísima forza, con moita enerxía pero tamén con modulación, porque a forza bruta en cine non funciona, ten que ser rexistrada por medios moi delicados tanto de vídeo como de audio, entón non podes ser unha besta humana. Iso quere dicir que tes que estar a tope en tódalas secuencias, ser moi violento e á vez ser un personaxe intelixente ou polo menos moi listo para tomar as decisións que toca e que poñen en xaque o resto dos personaxes. Cando eu cheguei á rodaxe, Arantxa depositou a confianza plena en min e convertinme nesa persoa que ela quería que eu fora.
– Tivo pouco tempo para preparalo, iso é o habitual no audiovisual ou foi un hándicap?
– Está sendo o habitual, eu estou máis acostumado aos tempos do teatro, onde hai percorridos moi longos, nos que entre que empezas a preparar unha obra ata que se estrea pasa un ano no que estás ensaiando. En cine as películas empezan nos despachos, nos grupos de Whatsapp, nas chamadas de teléfono e nas reunións; o tempo entre que te avisan e tes que rodar adoita ser moi comprimido; a min gustaríame traballar dunha maneira máis pausada, pero tomándoo de xeito positivo é un piropo que saiban que ti podes facelo sen testarte, sen probarte.
– Comparte pantalla con Tosar, en «As Bestas» con Zahera, dous actores chamados Luis e que ademais son galegos. Isto é casualidade?
– Non, eu por contrato só traballo con luíses galegos; vou facer unha cláusula de javieres para poder traballar con Javier Bardem e Javier Cámara. En todo caso é unha coincidencia marabillosa poder currar con eles, como o foi traballar con María Vázquez ou Melania Cruz, é dicir, con actrices galegas importantísimas e ademais amigas coas que aprendín un montón.
– Ten un certo parecido físico con Luis Tosar. Téñenllo dito?
– Na miña familia dicíanme: «Ti paréceste a Tosar, a ver se triunfas coma el». Parecémonos un pouquiño no flequillo e nas cellas, a ver se un día facemos de irmáns.
– Que lle debe ao papel de Lorenzo Anta («As Bestas») e que lle debe Lorenzo Anta a vostede?
– Eu débolle gratitude máxima ao personaxe e ao vínculo que supón con Rodrigo Sorogoyen e todo o seu equipo, non só por darme a coñecer , ter a sorte de estar nesa peli e ir con ela ao festival de Cannes e a outros, senón porque agora chego ás rodaxes e a xente trátame como si eu xa tivera un saldo grande de confianza porque teño o respaldo dun dos equipos máis importantes de cine en España, e iso é gratificante ademais de animarme moito máis a traballar. O personaxe a min non me debe nada; non foi moi difícil meterme nel, non e que eu fixera un traballo importante para interpretalo.
– Como foi meterse nese personaxe tan salvaxe?
– Supoño que o comportamento dese personaxe, o que se ve na pantalla, non é o que eu creo que estou facendo. Ás veces hai que saber ser simplemente unha entidade que está aí, e o propio encadre, a dirección de arte e os outros elementos que están aí fan a narración por ti; entón hai unha parte de calma que hai que saber empezar a facer como actor. Neste caso, traballando xa dende o principio con Rodrigo Sorogoyen, deime conta de que o contexto estaba xerando tanto ao personaxe que simplemente había que ubicalo dentro do marco e a descrición en cada secuencia podía aparecer na mente do espectador sen que o actor tivera que poñer caras de malo, facer entoacións nin nada.
– Ese papel ía ser para Pedro Alonso.
– Hai veces que en estruturas sólidas como pode ser unha produción como esa, ao estar compostas por seres humanos, ábrense pequenas fendas polas que se pode coar unha nova esperanza, que fun eu, e metinme aí case sen comelo ni bebelo; participar nun proxecto tan grande era algo que desexaba moito. Ás veces, por moito que esteas picando pedra, mandes un videobook incrible ou vaias a todos os eventos que poidas non consegues nada; e un día estando quieto na casa chámante e dinche: “Oye, mira, ¿tú estarías disponible para hacer este personaje en vez del cabrero que sale un rato?; ti dis que si e eles respóndenche: “Bien, te necesitamos”. E ti non fixeches nada. Milagres do azar.
– E de súpeto vese nomeado aos Goya e pisando a alfombra vermella en Cannes. Como vive isto alguén crecido e formado no teatro?
– Foi emocionante, pero eu xa tiña costume de ir a eventos moi grandes, non era alguén que viña da aldea. Xa viaxara por Francia, Alemaña, Suíza, Irán, China, Brasil, México ou Chile a facer bolos e neses lugares acudín a importantes festivais internacionais. Coa Agrupación Señor Serrano, unha das compañías de artes escénicas contemporáneas coas que máis traballei en Barcelona, que vin crecer dende cero, gañamos o León de Prata na Bienale de Venecia. Non foi o conto da Cincenta.
– O seu salto do teatro ao cine foi con Alfonso Zarauza, primeiro en «Ons» e logo con «Malencolía», pola que recibiu o premio Mestre Mateo a mellor actor. Por que decidiu pasarse ao audiovisual?
– Non foi para nada unha decisión. Hai moitos casos de actores e actrices sen experiencia teatral que só traballan no audiovisual, hai una pequena porcentaxe que só queren traballar en teatro e a gran maioría facemos todo o que se poida: teatro, dobraxe, televisión, curtametraxes. Unha das quimeras que desexamos todos é ter un traballo con moita resonancia e ben pagado porque xa sabes a inestabilidade económica que temos os artistas en todos os terreos; a dispoñibilidade que temos que ter non está vista como unha cualidade laboral e polo tanto non se paga. Por iso o traballo en cine, que adoita ser ben pagado e ten resonancia, chama a máis traballo, e se artisticamente é bo, mellor. Retomando a resposta, nunca me dediquei exclusivamente ao teatro, xa antes de irme para Barcelona traballara con Alfonso Zarauza nunha curta, ‘Sebastian’, que agora cumpre 25 anos. Teño unha formación da escola moi enfocada á performance e ao teatro contemporáneo, que fixo que eu apuntara moito cara alí, e logo cando fun a Barcelona atopei persoas con ganas de facer teatro con espírito experimental, traballei con moitas compañías tanto de teatro como de danza coas que viaxei por todo o mundo e iso fixo que estivera menos conectado co cinema. Pero ao volver a Galicia volvín a contactar con Alfonso e traballei con el en «Ons» e en «Malencolía».
– É tamén un dramaturgo que produce e interpreta as súas propias obras (ten realizadas cinco: «Paperboy», «El dios del pop», «El alemán», «Cascuda» e «Simon Pédícrí»). Que lle interesa contar?
– A min o que sempre me interesou foi crear unha atmosfera moi sinistra e cun equilibrio moi grande entre a comedia e o terror. O meu desexo é que o público en lugar de estar pendente de esperar o desenlace dun conflito dunha narración aristotélica, o conflito estea en todo momento porque non sabe o que está pasando. O reto está en como facer que o público non saiba o que vai pasar e o seu cerebro non entre en modo aburrimento, que o seu cerebro estea en atención máxima e se achegue a ese famoso momento presente do que se fala tanto. Nunha obra de teatro inevitablemente ten que haber unha narración, unha historia que empece e remate, pero non é o que me interesa, nin tampouco as pedagoxías nin as ideoloxías.

O actor galego Diego Anido. / La Diapo
– Por que decidiu irse a Barcelona e por que optou dez anos despois por regresar a Galicia?
– Mudarse para unha cidade e volver foi un proxecto coa miña parella, entón foi pensado por dous cerebros. A unha cidade como Barcelona ou calquera capital europea acodes a formarte, a estender esa visión artística que temos nas nosas pequenas cidades porque consideramos que para continuar con esa liberdade que tes aos vintetantos tes que cambiar de taboleiro de xogo. Pero todo iso nunha gran cidade cada ano que pasa sae máis caro, nas persoas medra o desexo de prosperidade: queres un espazo para ti, buscas certas comodidades, un sofá cómodo ou ter un aparato de aire acondicionado en verán. E chega un momento en que esas necesidades saen caras e empezas a considerar mudarte do centro e irte cada vez máis lonxe. Eu sempre o tiven claro: aquí vivimos no centro ou si non marchamos, non quero vivir en Terrasa ni en Sabadell, non quero vivir en Les Planes nin en Montseny, para vivir no monte xa me veño para Galicia. Todo a que cidade te da cho cobra, non hai nada que agradecerlle a unha cidade como esta, quedan moi poucas cousas no peto cando marchas: tres ou catro amigos, como moito. Para terminar, nós queríamos vir para aquí, vivir no campo, vimos a posibilidade e volvemos.
– Formado no teatro universitario de Compostela, pisou por primeira vez un escenario con 23 anos e xa non baixou, incluso probou na música formando parte de dúas bandas ( ‘Hemisferio Izquierdo’ e ‘Taxi Driver’). Cando se deu conta que o seu era a farándula?
– Non sei cal e a dirección; non sei se ti tes a semente dentro, es unha persoa que reclama a atención e desexa ofrecer algo cando esa atención sexa conseguida, que é a base dun artista, ou esa semente vaise xerando a medida que ti escoitas cousas. Non sei exactamente cando nace iso, creo que dende pequeno fun unha persoa moi activa e faladora, pero hai artistas que son tímidos e calados. Nunca pensei que fora a ter unha actividade cultural con aspiracións a profundar en conceptos e ideas, pero pasando o tempo ves que o que máis te mola é a parte máis fonda, máis que a superficial ou comercial. E aí estou, aínda que é duro: hai que ter un desenrolo mental sobre como funciona o mundo e que podes ti subliñar no teu pequeno verso que podes soltar nunha vida, que podes verbalizar que non teña verbalizado outra persoa.
– Que lle gustaría facer que aínda non fixera, tal vez un papel protagónico?
– Pensando de maneira práctica, gustaríame facer protagonistas en cine, e falo en plural para non facer tan só un e quedarme coas ganas de facer máis (risas). Agora mesmo encantaríame atopar a forza que me axude a escribir unha nova obra, algo que me está custando. Dende que empecei levo unha nova a obra cada catro anos, pero non sei se fastidarei esa media.
Suscríbete para seguir leyendo
- El jesuita gallego que escucha a los presos en Tailandia
- «Opero unos mil tumores de pulmón al año»
- El legado de Eduardo Barreiros
- En Vigo entendí la importancia que para un trabajador supone tener conciencia de clase
- Los camarones de la Ría de Vigo al descubierto
- “Cuando gané el oro en Atenas sentí que rompía una maldición”
- “La crónica de cómo llegaron a Galicia los restos del Santiago no tiene ningún fundamento”
- La heroína de la justicia social