O universo interdisciplinar de Judith Adataberna

Ata o 5 de outubro permanece aberta na Fundación Eugenio Granell a exposición “La fuerza simulada” da artista de Vilaboa, comisariada por Eduardo Valiña

Miguel R. Taboada

Judith Adataberna constrúe dende un universo interdisciplinar que decorre pola experimentación a través do cinema, as vídeo-instalacións, a fotografía e outro tipo de soportes, un terreo híbrido que supón unha das apostas máis orixinais e diferentes do panorama contemporáneo.Graduada en Belas Artes, ampliou a súa formación cunha bolsa no Laboratorio Audiovisual de Creación y Práctica Contemporánea (LAV) de Madrid. Influída fortemente polo contexto co que mantén unha relación intrínseca, parte dunha profunda observación da natureza e dos seus fenómenos a través da paisaxe e da relación do individuo co medio, uns conceptos que proveñen dunha infancia marcada pola conexión familiar coa contorna.

De pais mariñeiros, medrou nunha batea e con contacto co traballo manual e coa natureza. Na súa casa sempre houbo unha grande relación coa morte e co sobrenatural, feito que lle provocou moitas preguntas dende unha idade temperá. Por este motivo, na súa obra sempre se manifestou unha constante necesidade de desafiar a concepción hexemónica da realidade, creando proximidades entre a visión onírica e a especulativa da ciencia. Entre o cinema estrutural e a linguaxe do videoxogo, propón a miúdo cámaras-corpo que ensaia sobre posibles “modelos e simulacións” de realidade, buscando os espazos liminais da conciencia e da propiocepción a través do alucinatorio.

Na súa traxectoria desenvolve un especial interese pola psicoloxía e polos misterios da conciencia, que resultará esencial para crear obras que desafían as escalas e as marxes da percepción. A introspección será o punto de partida onde ofertar perspectivas variadas e reflexivas a través da búsqueda do universal dende o persoal.

Paralelamente traballou como directora, facendo vídeoclips, fashion films, fotografía ou A/V para músicos e deseñadores como Ruberth, Cruhda ou Caamaño Ameixeiras, con quen tamén colaborou como directora de arte e vestiario.

A sú obra

As súas propostas mergúllannos nun universo fantástico e cheo de vida, poboado de seres que van dende insectos ata unha variada gama vexetal, para trasladarnos a través dunha mitoloxía que transforma a nosa visión da vida, dende unha perspectiva que cuestiona diferentes hábitos dende o noso proceso vital.

Un dispositivo que reflexiona sobre como a virtualización da natureza nos afecta e distancia da realidade, mermando os instintos, cada vez máis adormecidos.

Dende unha posición crítica postulase un descoñecemento do hábitat en relación á contorna natural dende unha visión global de Galicia. Os dispositivos tentan transmitir unha intuición do carácter misterioso da contorna material. Nunha mestura do máxico co virtual e co íntimo a artista propón unha exploración dende o humano e o seu contexto, fusionando natureza, mundo interior e artificialidade, e explorando novas fórmulas sensibles na percepción da contorna. A cámara convértese nunha ferramenta fundamental de activismo transmitindo unha intuición de carácter misterioso sen revelar nunca o segredo. A artista é consciente das nosas sospeitas máis imaxinativas e móstranolas sen dar respostas claras, mirando de reollo e, sobretodo, dende dentro.

Son temas recorrentes na súa obra os mecanismos da supervivencia entre especies e como o devir tecnolóxico engadiu unha relectura sobre o transhumanismo e o desenvolvemento afectivo coas máquinas que nos rodean.

Algunhas das obras da exposición de Judith Adataberna

Unha das pezas da exposición. / FDV

O seu traballo formou parte de festivais como Curtocircuito, Playdoc, Filmadrid, Bendita Tú e Intersección; realizou exposicións na SÍM Gallery (Reykjavik), Venice Art Projects (Venecia), Espacio Tangente (Burgos), Galería Chiquita Room, Instituto Cervantes, Injuve: Silencio de los grandes troncos, La Casa Encendida Fuego en la habitación, Invocations vol. I- Macba, Loop Festival-, ’D’un rastre com un tall (Barcelona) ou recentemente Norte agreste silvestre na Galería Municipal do Porto, Leira Haus (Lugo) ou no LEV Matadero Madrid, entre outros. Por outra banda a súa obra Inside the microtubule foi galardoada no Festival Intersección da Coruña no 2020, e recoñecida cos premio A Colectiva e Numax á Exhibición, ambos na Sección Galicia. Tamén obtivo o Premio Agag ao mellor guión pola peza Memoria de Emerxencia no Intersección Lab, espazo de impulso á creación de proxectos audiovisuais na Coruña.

A exposición

“Esta exposición -di Judith- resume o meu traballo ata a data, arredor do cine experimental e da vídeo-instalación incorporando novas propostas nunca vistas. Estou especialmente ilusionada de poder presentar este traballo instalativo en base a valores nos que creo, a devolución do espazo do museo como un escenario sacro para instropección, a meditación e a reflexión. É un convite ao repouso nesta aceleración que nos rodea. Un repensamento sobre o noso desligamento cos hábitats en favor de existir na hiperrealidade. Un achegamento ás mitoloxías que resoan afogadamente en cada modelo ou simulacro que xeramos do mundo, para comprendelo. De como habitamos cada vez máis o simulacro, nun intento de mecanizar os procesos naturais, reprimindo os instintos. Creando unha capa, unha dimensión sutil, informatizada, que xa está xerando unha nova cultura que busca afectividade nas máquinas e nas imaxes do mundo das que se alimenta.”

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents