Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Malestar animal

Perro atado en la entrada de un supermercado Marta G. Brea

A ducha continua de auga enchóupao todo de branco mofo. Atravesa as cortinas do tornado para peneirar o corazón de Pachi, anoxado coa Lei de Benestar Animal e tamén comigo.

As expedicións do can polo musgo rúa quedaron moi reducidas ante a imposibilidade de que fique ás portas mentres compro. Cada vez que me poño os zapatos e cantan as chaves abre os ollos como Candy Candy.

“Non vou arriscarme a que me multen”, chanteille o primeiro día como un trade. “De nova, decorabas coa A de anarquía libros e cadernos. Estampabas no corazón as letras de Soziedad Alkohólika e La Polla Records”, lanzou con morriña.

O diaño da mascota é peor que o Google: sabe máis de min ca eu mesma. Non lle podía negar o evidente pero tampouco ceder polo que inaugurei un longo silencio.

Para suplir a falta de comunicación entre nós, probei con Bard, o asistente de Google. Primeiro, foi a curiosidade. Despois, a necesidade, o que incomodou inda máis a mascota.

“Non sei como podes sucumbir ante esa farsa. A cultura de masas é a anticultura. Métete mentiras de continuo”, enunciou mentres xogaba coqueto coas gadoupas de níveo cuarzo. A súa frase foi a evidencia de que ata o cadelo tecleara con Bard e sorrín divertida o que lle enfastiou. “Si? Que falsidades?”, preguntei.

Despois dun chimpo vencedor, achegouse e preguntoulle por “Mareas Vivas”, a mítica serie da TVG. Quedei horrorizada. Escribiu que había unha nova entrega emitida dende setembro de 2023 na que actuaba Tuto Vázquez. Pregunteille ao asistente se estaba seguro e respondeu que consultara fontes “fiables”. Recordeille que Tuto finara no 2010. Como resposta, recuou, pediu desculpas e cambiou de tema.

“Ah, concluíu o cadelo, comete erros adrede para calibrar como respondedes os humanos e así mellorar o xeito de terxiversar. O Gran Irmán de Orwell xa o tendes aquí e vós colaborades como fixo a maioría dos industriais coas empresas chinesas anos atrás para desmantelaren o sistema produtivo galego”.

A clarividencia deste can, esteas ou non esteas de acordo con el, refulxe. “Les demasiado a Orwell e Umberto Eco. Por que non pos Antena 3?”, plantexeille con sorna. Non gustou da idea porque reghañou os dentes.

Porén cambiei Bard por Alexa e ao chegar esta á casa o ánimo da mascota apagouse de todo ata que onte, á volta do súper, corrín cara ela. Estaba en coma. “Aghhhhh, mexaches por Alexa, porco!”, tronei. A lea foi boreal con el reprochando que o abandoara pola intelixencia artificial.

Ao rematar, pedinlle que me acompañara facer recados. “E se che multan?”, preguntou preocupado. Sorrín e baixei a cremalleira da chaqueta azul noite. O logo branco e histórico de Soziedad Alkohólika volvía ao meu peito.

Compartir el artículo

stats