Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Outono inédito

Castañas na area. Imaxe captada estes días nunha praia de Pontedeume. Cabalar (EFE)

Hai unhas semanas visitei un dos meus lugares favoritos do mundo para xantar: o Bar Monte Aloia, ese negocio emblemático rexentado pola familia que probablemente posúa (entre outras virtudes culinarias das que moito gozamos) o talento de facer as mellores empanadas de millo do mundo.

O enclave natural onde está situado o negocio, a súa decoración tradicional e o que se respira tanto fóra como dentro do local fai que te sintas na casa. Adoito agardar con expectación o momento da sobremesa, porque é cando o pai desa familia se achega ás mesas para falar cos comensais e preguntarlles como vai todo. Eses minutos de conversa, ese detalle tan íntimo e tan humano, paréceme un xeito valioso de transmitir agarimo e amabilidade. Nesa última ocasión pregunteille cando empezaba a temporada de cocidos. Sorprendeume a resposta: dependía de cando a verdura (unha variedade que se dá especialmente ben na zona de Tui), estivese cumprida. Aquel día chovía bastante e todo apuntaba a que o outono estaba entrando pola porta. Pero non era certo. O outono quixo entrar mais vacilou no lintel e marchou. O verán apropiouse do mes de outubro e suspendeu a temporada de magostos, de cocidos, de chocolate quente, de mantas e paraugas. Este outubro é o dos xeados, dos traxes de baño, da crema para o sol e das terrazas. O verán de San Miguel converteuse no máis longo, estraño e abafante da historia. Hai uns días, a miña irmá díxome que estaban morrendo os mexillóns nas Rías Baixas e que estimaban a perda do 45% da colleita destes bivalvos a causa da subida das temperaturas. As cordas que penden das bateas están baleiras, algunhas pezas agroman á superficie baleiras ou mortas. Algo semellante pasa coas ameixas e as navallas. Non logran saír adiante con este clima. En realidade isto é a constatación do que levamos arrastrando varios anos. Esta situación non afecta só ao mar. Observouse un descenso significativo do número de crías das aves, prodúcense cambios corporais debidos ao estrés que provoca a calor e o seu tamaño diminúe. Tamén mudan as migracións porque os paxaros necesitan atopar lugares con temperaturas aptas para a súa supervivencia. O mapa das aves en Europa está mudando. E mentres escoitamos o ruído de fondo que provocan os negacionistas do cambio climático, sufrimos na nosa pel o feito de que o mundo (e o clima) está do revés. Non recordo un outubro como este, coas fiestras abertas de par en par en plena noite na procura dun golpe de brisa. A xente pasea con chancletas, vestidos de verán, abanos. Ás veces póñome un pouco dramática e asumo que isto semella a fin do mundo tal e como o coñecemos. Como se estivésemos asistindo a unha desfeita sen poder facer nada máis que adaptarnos. Nas predicións do tempo dos vindeiros días aparecen nubes de chuvia e temperaturas máis baixas. Cando as consulto, penso no Monte Aloia, no dono do negocio e neses pés de verdura que estarán loitando por saír adiante para abrir por fin a temporada de cocidos. Necesitamos que as castañas chouten dos ourizos porque queremos colares de zonchos, castañas asadas e a rotundidade dun outono ao que botamos moito de menos.

Compartir el artículo

stats