Noticia dun vigués extraordinario

O cineasta moañés Xan Leira recupera e reivindica nun documental a figura e obra de Ángel Lemos, un “artista total” cunha vida e unha traxetoria marcadas pola guerra civil, os cárceres e o exilio

Salvador Rodríguez

Salvador Rodríguez

“É sorprendente o descoñecemento que temos hoxe en día sobre a súa vida e obra plástica, e artística en xeral, deste home extraordinario: pintor, actor, autor teatral, ceramista, poeta, mestre, escultor, decorador..”, expón Xan Leira, director de “Ángel Lemos, a paixón creativa”, un documental en pleno rodaxe que ten prevista a súa estrea a finais do próximo mes de decembro. “A biografía de Ángel Lemos -afirma Leira- é intensísima polos xiros vitais provocados polas súas procuras persoais e artísticas, motivadas sempre pola súa paixón creativa. Esta pulsión, que marcou desde sempre a súa vida, é precisamente a que define este documental, no que todo este enorme, diverso e riquísimo percorrido vai estar expresado e analizado por persoas moi próximas á súa biografía e sostido visual e documentalmente por materiais de arquivo familiar, hemeroteca e arquivos históricos”.

De Ángel Casto Lemos de los Reyes (Vigo 1 de marzo de 1917-A Estrada, 5 de decembro de 2002) ben se pode dicir que, coma tantos outros artistas galegos comprometidos coa súa época, a súa vida estivo marcada radicalmente pola Guerra Civil: foi mobilizado e pasouse do bando nacional ao republicano; sufriu os campos de concentración e a cadea; e logo o exilio e as penurias propias dun contexto histórico incerto e interminable.

sdasdasda sda sda sdasdashdhjgafs djhgafs jdhgfas jhdgfajshgdf ajhsgfd jhagsfdasd”. | // MASD ASDASD

Natalia Lemos Geddo (filla de Ángel), Xan Leira, Carlos Bernárdez e Héitor Picallo, diante dun mural de Lemos na Estrada: son catro dos participantes no documental. / FDV

PRIMEIROS PASOS

Ángel comeza a traballar na confeitería e pastelería La Tudense, propiedade dos seus pais, sita na rúa García Barbón de Vigo. Alumno da escola de don Indalecio, onde se convertíu nun ávido lector, e na que “adquire -sinala Leira- o gusto pola escritura e amosa sensibilidade e habilidade para o modelado, a talla e o debuxo, habilidades que co tempo trasladaría á ornamentación de tortas e biscoitos”. Pasados uns anos ingresa na Escola de Artes e Oficios de Vigo e recibe clases do pintor Carlos Sobrino Buhigas.

A familia, na procura de manter a economía doméstica, instálase co negocio en Redondela, pero por pouco tempo. Ángel confesou que esa nova xeografía foi das etapas da súa vida que lembraba con máis agarimo, tanto polas amizades que tratou como polas actividades que levou adiante.

Máis, Ángel, que tamén quería ser actor, toma un día a decisión de marchar dalí co seu amigo Antonio Ramonet (de Redondela) cara a uns estudios cinematográficos radicados Aranxuez. A denuncia interposta ante a Garda Civil polos familiares dos dous menores fixo fracasar a súa “aventura cinematográfica”. Tempo despois, tamén pretende viaxar de polisón no transatlántico Massilia rumbo a Bos Aires, onde vivía un irmán maior con quen tiña unha estreita relación, pero estoutra “aventura” rematou coa súa detención en Lisboa e o retorno a Vigo.

En 1936 a familia reside na cidade olívica, concretamente no Calvario, e Ángel sintoniza co ambiente social e político que se vivía no seu barrio, daquela coñecido como a Rusia chiquita. Nesa época, entra en contacto cos irmáns Bardají, tallistas e ebanistas, e coñece ao escultor Camilo Nogueira Martínez. De todos eles síntese aprendiz e ábrese con sensibilidade á práctica destas artes. Pero a talla e a escultura non son as únicas disciplinas que convocan ao mozo. Unha mañá, unha parella da garda civil preséntase na casa, e mostra unha denuncia na se dicía que Ángel “escribía demasiado”. A súa nai, de crenza evanxelista, entende o sentido da denuncia e móstralle á parella de gardas civís os poemas que lle escribe o seu fillo. Desta, zafou.

A GUERRA CIVIL

O Golpe do 18 de xullo de 1936 conmove a Ángel ao presenciar, dous días despois, a represión desatada polas forzas militares do capitán Carreró na Porta do Sol de Vigo. Recrutado, para a súa contrariedade, polos nacionais, o 19 de maio de 1937, dous meses despois deserta e alístase no bando republicano. En represalia, o seu pai e o seu irmán Antonio foron detidos.

noticia  DUN VIGUÉS EXTRAORDINARIO

Un dos bocetos debuxados mentres estaba preso no cárcere. / FDV

O final da guerra para el non é menos rocambolesco que outras pasaxes da súa vida. O 5 de marzo de 1939 o coronel Segismundo Casado derroca o goberno republicano de Juan Negrín, o cal provoca un enfrontamento entre os casadistas e os partidarios de Negrín. Para non derramar sangue da súa tropa, Ángel entrégase ás forzas de Casado e, días despois do triunfo de Franco, ao exército franquista, co perigo de que se descubrira a súa condición de “desertor”. É conducido a un campo de concentración en Leganés, do que fuxe ocultándose varios meses en Madrid. Nesa época nace a súa primeira filla, María Luisa. Xa de novo en Vigo, vive durante un tempo agachado no leñeiro da tinturería La Viguesa, propiedade do seu amigo Francisco Bueno. Mais, ao cabo, entrégase ás autoridades, é xulgado e encarcerado. Neses intres retoma a relación amorosa con Celia Godoy Gil -filla de Constantino Godoy, home de negocios de Vigo que fixera fortuna na Arxentina-, e casan en 1941; meses despois, o xulgado resolve o sobresemento provisional do cargo criminal de deserción e queda en liberdade provisional.

Ao saír do cárcere, en 1942, comeza un periplo de “construción familiar”: nacen os seus fillos Miguel Ángel (1942), Fernando Rubén (1943), Francisco Javier (1944), Alberto e Armando (1947), e xurde a loita polo sostemento económico nos anos máis escuros da posguerra. Dende 1942 ata 1950, ano no que fuxe á Arxentina, desenvolve unha actividade artística e produtiva do máis diverso: é tallista no taller do carpinteiro Poceiro, na rúa Hernán Cortés de Vigo; e en 1943 incorpórase como modelista á empresa Industrias Sancy S.L, con sede en Sanjurjo Badía. Con esta empresa Ángel participa no deseño e execución da decoración do Teatro Cine Fraga. O seu paso por Industrias Sancy vaille facilitar a práctica e aprendizaxe de novas disciplinas artísticas e o contacto co mundo intelectual da época, que xiraba ao redor da tertulia do Café Derby. Alí coñece e conxenia con Laxeiro, con quen terá unha fonda amizade ao longo da súa vida. En 1947, xa cun prestixio recoñecido, é contratado por Herminia Buceta García, propietaria de Cerámica Gallega, empresa dedicada á decoración a man de azulexos. Grazas á súa inventiva creadora, Ángel desenvolve alí o seu propio método de gravado sobre cerámica fixado ao lume.

Entre 1946 e 1950 realizou nove mostras das súas pinturas e erixíuse nun referente da plástica galega

Entre 1946 e 1950 realiza nove exposicións das súas pinturas e convértese nun referente da plástica galega. Máis, de súpeto, o pasado retorna perigosamente á vida de Lemos. As argucias para salvarse dunha condena maior por traizón “camiñaba polas rúas de Vigo con uniforme de Garda Civil”, ten dito. Decátouse de que un seu antigo compañeiro no exército nacional, apelidado Puga, podería descubrir o da deserción, que nunca confesara nos interrogatorios. O temor a volver a ser detido fai que pense moi seriamente en abandonar o país e fuxir a Arxentina, país do que Celia, a súa parella, é oriunda.

EXILIO EN ARXENTINA

Para Lemos nada é doado, sobre el pesa a imposibilidade de viaxar libremente polo territorio e sen documentación, así que toma a decisión de viaxar de polisón no transatlántico Santa Fe. Avanzada a travesía é descuberto pola tripulación, mais o capitán do barco simpatizou con el e, finalmente, puido desembarcar no porto de Bos Aires o 14 de xullo de 1950.

Malia a súa condición irregular na Arxentina, Ángel consegue un emprego como decorador, creador e modelista na fábrica de cerámica de estilo oriental clásico Manufactura Artística de Porcelana Oriental, traballo ao que consagrará o resto da súa vida en Bos Aires. Tamén desenvolve numerosos traballos particulares, entre eles nas sociedades de emigrantes de Vigo e Lavadores.

noticia  DUN VIGUÉS EXTRAORDINARIO

Ángel e Celia, no día da súa voda (1941). / FDV

O 22 de agosto de 1952 chegan a súa muller e fillos a Bos Aires e radícanse na localidade bonaerense de San Antonio de Padua. En 1960 o presidente arxentino Arturo Frondisi decreta a regularización migratoria de milleiros de inmigrantes e Ángel adquire a súa condición de residente, ao tempo que o dono da empresa proponlle converterse en socio.

Esta actividade empresarial e a distancia co centro da cidade, onde facían vida a maioría dos exiliados galegos na cidade do Plata, fixo que Lemos non estivera a carón deles, agás de Laxeiro (mentres éste estivo na Arxentina).

En 1968 sepárase da súa muller, quen retorna a Galicia co seu fillo Javier, e coñece a Viviana Geddo, publicista arxentina que se incorpora á empresa MAPO. Trasládanse a vivir ao centro da cidade e nace a súa filla Natalia Lemos Geddo. Despois virán Juana (1974) e Rubén (1975). Os 27 anos de estancia de Lemos na Arxentina foron de estancamento artístico no eido pictórico e relacional, en contraste coa vida e a creación desenvolta na posguerra en Vigo.

4. “Berbés, 1950”. 5. Retrato de Ángel Lemos realizado por Laxeiro. 6. Óleo sobre lenzo (1989). 7 Estampa campestre (sen datar). 8. “Maternidade” (sen datar). 9. Mural para o bar Xentes (sen datar).

Ángel Lemos, á esquerda, con seu fillo Javier, no seu taller en Bos Aires / FDV

OS ETERNOS RETORNOS

A morte de Franco, en 1975, e as amnistías posteriores, abren, para a maioría dos exiliados, a porta do retorno. A familia Lemos Geddo regresa en 1977, instálanse en Baiona e, aos poucos, Ángel Lemos recibe unha oferta da empresa GEA, que rexeita: quere recuperar o tempo perdido e instalarse no panorama pictórico galego, de maneira que comeza preparar a súa primeira mostra na Sala Anexa de Exposicións da Caixa de Aforros de Vigo. O 20 de febreiro de 1978 inaugura a mostra, pero sen a repercusión que el agardaba. ¡Poucos sabían quen era o pintor Ángel Lemos de los Reyes! Ángel decátase de que se convertira nun forasteiro na súa propia terra.

Trala morte de Franco, a familia Lemos Geddo regresa a Galicia en 1977, e instálase na vila de Baiona

Entre 1978 e 1986 reside en Palma de Mallorca, onde o seu fillo Alberto ábrelle a porta para pintar e vender obras para marchantes nacionais e internacionais. Por outra banda, a súa exposición itinerante O Eterno Feminino viaxa polos EEUU, Venezuela, Colombia... En 1981 a familia trasládase a Vigo; residen primeiro na Travesía e logo na rúa López de Neira, onde monta o seu estudio e comeza dar clases. Asemade, retoma as súas relacións cos Arrondo, Laxeiro, Manuel Lago… e prepara outra exposición individual na Sala Anexa da Caixa de Aforros Municipal de Vigo, que inaugura o 23 de setembro de 1982.

Aínda así, vivir en Vigo non lle permite a solvencia económica necesaria, así que volve a Mallorca, onde pon en marcha un proxecto compartido co seu fillo Xavier, coa apertura do estudio Lemos & Lemos, no que a xente pode aprender, comprar, investigar e vivir ao redor das artes plásticas. Esta é unha época de éxito artístico e económico, na que chega a ser un pintor moi requerido por galeristas e marchantes nacionais e internacionais.

Finalmente, en 1986 a chamada a morriña fai que regrese definitivamente a a Galicia. A familia Lemos-Geddo establécese no concello da Estrada, e Ángel abre alí o seu estudio e desenvolve a docencia artística, actividade que sempre foi do seu interese. Esta derradeira etapa da súa vida estivo, ao igual cas anteriores, marcada polas exposicións, as clases e algúns recoñecementos institucionais por parte do Concello da Estrada, onde faleceu aos 85 anos de idade.

*Fontes consultadas: Biografía de Ángel Casto Lemos de los Reyes, elaborada por Xan Leira, arquivos da familia Lemos e Acuarela Produccións

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents