SPUTNIK | ESCRITORA

Sanxenxo is not Sangenjo

Vista da praia de Silgar en Sanxenxo.

Vista da praia de Silgar en Sanxenxo. / FDV

Ledicia Costas

Ledicia Costas

Hai polémicas que regresan unha e outra vez, coma as mareas. A da nosa toponimia e, en concreto, a de Sanxenxo (o municipio máis sufridor neste sentido), volveu saír á palestra da man da Real Academia Española, institución que mantén un perfil activo en Twitter, ás veces con respostas máis ou menos afortunadas.

Unha das máis virais sucedeu en 2019. Unha persoa dirixiuse á RAE da seguinte maneira: “Hoy (...) me di cuenta de que puedo decir que una correa es negrA pero no puedo decir que es marronA. ¿Por qué? ¿Estamos discriminando a las marronAs?”. A resposta da RAE foi: “Hay adjetivos de dos terminaciones, como «rojo, -ja», «amarillo, -lla» o «listo, -ta», y otros de una sola terminación, válida para el masculino y para el femenino, como «marrón», «azul» o «imbécil»”.

A raíz da visita do rei emérito, un usuario fixo unha consulta á RAE despois de ver un rótulo na televisión pública onde se empregaba o termo “Sanxenxo”. A RAE contestou: “En textos oficiales generados por la Administración es preceptivo utilizar el nombre vernáculo «Sanxenxo».

Fuera de estos usos, lo indicado es emplear la forma tradicional «Sangenjo» al hablar o escribir en español”. A Real Academia Galega manifestouse alegando que se trata dun topónimo galego e que Sanxenxo é a única forma oficial recoñecida conforme a lexislación vixente”. Eu confeso que cada vez que unha persoa galega pronuncia «Sangenjo», sufro. Cos de fóra tamén, pero un chisquiño menos (só un chisquiño).

"Confeso que cada vez que unha persoa galega pronuncia Sangenjo, sufro"

É unha reacción irracional, hai algo que se me enquista e me queda cravado. Ten que ver coa relación das persoas galegas coa lingua. Se nós non queremos e respectamos o noso idioma, como o van facer as persoas de fóra de Galicia? “Es que me suena raro”, alegan algúns. “Es que toda la vida fue Sangenjo”. “Es que tenemos dificultad para pronunciar la X”. Pero logo din she, shower e Shakira sen retrucar, e esa sensación que con “Sanxenxo” era supostamente tan rara, desaparece por obra e graza dos fonemas palatais xordos. En xuño de 2018, a académica Luz Méndez publicou unha tribuna onde explicou a etimoloxía: “O nome da vila de Sanxenxo provén de SANCTUM GENESIUM, o acusativo do nome do santo a quen está dedicada a parroquia de Padriñán. Corresponde a Sanctus Genesius de Arlés, un santo francés, morto a principios do século IV”. Ese santo é coñecido en España coma “San Ginés”.

Pero alén das cuestións etimolóxicas, aquí o debate é o da castelanización do topónimo. O que a RAE define coma “exónimo”, que non é outra cousa que o xeito en que un lugar se denomina nunha lingua distinta da orixinal. Propóñolles algo: proben a castelanizar topónimos coma «Porriño», «A Estrada», «Boimorto», «Pontevedra» ou «Muxía». Non se senten raros? Non lles parece un atentado lingüístico dicir «granito rosa del Porrito?», ou “Puentevedra es buena villa, da de comer a quien pasa?”. Recoñezo que moitas veces escapoume un “Gerona” no canto de “Girona” ou un “Lérida” en lugar de “Lleida”, talvez porque son neofalante. Pero nesta disxuntiva nunca trataría de impoñerme ante unha persoa que fala en catalán. Esfórzome por respectar as linguas, por intento ir á toponimia do lugar de orixe, por moito que diga a Real Academia Española, que saberá moito de español, pero de galego vai xustiña.

Suscríbete para seguir leyendo