A filla de Ana Obregón

Performance contra os ventres de alugueiro.

Performance contra os ventres de alugueiro. / FDV

Ledicia Costas

Ledicia Costas

Na madrugada do 29 de marzo, nese estado a cabalo entre a vixilia e o sono, vin de pasada unha fotografía circulando por Twitter onde aparecía unha señora loura nunha cadeira de rodas. O certo é que non lle prestei a atención que merecía porque naquel momento non caín na conta de que era Ana Obregón, nin tampouco me fixei en que levaba unha criatura no colo. Pola mañá a nova caeu coma un mísil: Ana Obregón conseguiu un bebé a través dun ventre de aluguer. Isto pode dicirse de moitas maneiras e o baile de titulares que se sucederon nas horas seguintes foron unha festa. Se dis “Ana Obregón recuperou a esperanza a través dunha filla conseguida mediante xestación subrogada”, ou “Ana Obregón acaba de ser nai a través dun embarazo levado coa máxima discreción”, semella que estás contando cousas diferentes. Pero non. A realidade é que Obregón viaxou a Miami porque en España todas as modalidades de xestación subrogada son ilegais. Alí, mediante talonario, podes conseguir un bebé xestado por outra muller, mesmo se tes sesenta e oito anos. Non son moi partidaria de emitir xuízos sumarísimos, malia que xa manifestei nalgunha ocasión a miña opinión persoal sobre os ventres de alugueiro. Paréceme unha forma radical de explotación da muller. Así como hai persoas que defenden a prostitución baixo a idea de que “as mulleres poden facer o que queiran cos seus corpos” (sempre me pareceu irónico que os partidarios da prostitución xamais quererían que as súas fillas, mulleres ou nais fosen prostitutas), tamén hai quen defende os ventres de alugueiro porque as mulleres que xestan as criaturas que logo terán que entregar a outras persoas, son adultas con capacidade para decidir. Isto é cuestionable por varias razóns, pero hai unha que cae polo seu propio peso: as que xestan son mulleres sen recursos. Xestar unha criatura no teu ventre durante nove meses e despois entregala a un terceiro a cambio dunha suma de cartos, non parece fácil de dixerir. Miguel Bosé foi pai mediante xestación subrogada. Tamén Tita Cervera, Elton John, Cristiano Ronaldo, Sara Jessica Parker ou Ricky Martin. Descoñezo se foron tan criticados coma Ana Obregón. Ter un bebé a cargo con 68 anos non semella razoable. Recoñezo que a situación o que me provocou foi unha pena inmensa. Porque Obregón perdeu un fillo e desde entón parecía estar atravesando unha depresión desas que xa nunca vas conseguir quitar de enriba. E, de súpeto, aparece cun bebé, recupera o sorriso e eu penso en que cando a nena teña dez anos Ana Obregón vai ter setenta e oito. Hai uns meses, nunha escola, un mestre soltou un comentario desafortunado diante de min. Dixo que as mulleres que tiñan fillos con corenta anos eran avoas. Eu mireino e pregunteille: “e que pasa cos pais que teñen fillos con corenta?” El balbuciu algún comentario que non lembro. Alén do ousado e do inoportuno do que alegou ese señor, as mulleres non somos carcasas, nin receptáculos, nin incubadoras. As mulleres somos humanas con carne, óso e corazón. E, así como mercar órganos é unha aberración, tamén debería selo mercar fillos. De feito, éo.

Suscríbete para seguir leyendo