Acoso escolar

É precisa unha concienciación sobre os graves danos do bullying.

É precisa unha concienciación sobre os graves danos do bullying. / FDV

Ledicia Costas

Ledicia Costas

Non lembro cando escoitei por vez primeira os termos “acoso escolar” ou “bullying”, mais si son consciente do moito que se avanzou a este respecto nos centros de ensino. Moitos comportamentos que hai tres décadas eran catalogados coma “cousas de nenos” ás que non se lles daba importancia que merecían, malia as terribles consecuencias que isto tiña nas crianzas e adolescentes vítimas destas condutas de abuso, agora teñen un nome e levan asociadas uns protocolos. Un caso que conmocionou á sociedade foi o de Amanda Todd, unha estudante de Canadá de 15 anos que se suicidou no 2012 despois de sufrir acoso cibernético e acoso escolar. A súa historia fíxose viral porque Amanda gravou un vídeo narrando a súa experiencia e detallando as agresións físicas e verbais que sufriu, así como o estado de depresión en que se atopaba. As últimas frases que se poden ler nese vídeo que está dispoñible en YouTube son un berro desesperado: “Non teño a ninguén. O meu nome é Amanda Todd”. Cando o caso de Amanda saltou á luz pública nin sequera nos deu tempo a autoconvencernos de que eran feitos illados, de que na actualidade xa non tiñan lugar episodios tan radicais de acoso no ámbito escolar porque para iso existen os protocolos. Mais os datos son demoledores: a principal causa de suicidio entre a mocidade é o acoso escolar. E a realidade é que o profesorado está co alumnado nas aulas, pero non podo evitar preguntarme como se pode detectar o acoso que se exerce a través das redes sociais, de mensaxes privadas, na rúa ou durante os recreos. Hai uns días, un neno trans de doce anos e a súa irmá xemelga tiráronse ao baleiro desde o balcón da súa casa. O primeiro, Iván, morreu no acto. E malia que nun principio o Departamento de Educación da Generalitat negou que fose un caso de bullying, axiña tivo que recuar, admitindo que non se activara o protocolo de acoso escolar no centro e que había que agardar ao desenvolvemento da investigación antes de dar nada por feito. O motivo é que empezaban a chegar informacións que apuntaban en dirección contraria, coa transfobia e o racismo como principais motivos do acoso. E non só a través de testemuños de compañeiros do centro escolar, tamén da propia familia que asegura que os servizos sociais estaban ao corrente de que Iván e Leila sufrían bullying. O sistema volveu fallar con Iván e Leila, mais considero que tamén o fixeron os medios. Se Iván reclamara expresamente que se dirixisen a el con este nome, por que os titulares que se repetiron foron: “Alana quería ser neno e chamarse Iván”? Esa frase, en realidade, é un pozo cheo de prexuízos que atenta contra a dignidade do neno falecido. A sociedade actual ten por diante o reto de ser inclusiva e respectuosa e para iso é necesario formarse. Queda un longo camiño por diante mais, sobre todo, estarmos dispostas a cumprir ese desafío.

Suscríbete para seguir leyendo