Libros de premio

Rúa Real, número 12, que acolleu a imprenta de Juan Compañel. O moderno retrato de Rosalía, avisa aos paseantes.

Rúa Real, número 12, que acolleu a imprenta de Juan Compañel. O moderno retrato de Rosalía, avisa aos paseantes. / Alba Villar

Ledicia Costas

Ledicia Costas

Penso moitas veces en que vivimos nunha cidade onde pasan cousas que nos escapan entre os dedos. Falouse en numerosas ocasións de Vigo como capital editorial de Galicia. É bonito lembrar que o primeiro exemplar de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, naceu no número 12 da Rúa Real, na imprenta de Juan Compañel, que tamén fora residencia da autora durante os meses que viviu aquí. Grazas ao escritor Pedro Feijoo descubrín que o número 12 da Rúa Real daquel entón (estamos falando do ano 1863), non se corresponde co número 12 da configuración actual. Isto provocou que no seu día se colocase a placa conmemorativa que lembra a Imprenta Juan Compañel noutro edificio que non é o verdadeiro. Ao fío desta anécdota recomendo a lectura de Camiñar o Vigo Vello, de Edicións Xerais, onde Feijoo fai un exercicio magnífico de recuperación da memoria desta cidade. Vigo medrou en termos editoriais acollendo na actualidade dous dos piares fundamentais da edición en Galicia: Edicións Xerais e a Editorial Galaxia, que levan décadas nutríndonos de lecturas diversas, para todo tipo de público. A colección Fóra de Xogo, de Xerais, foi un punto de inflexión na literatura para a mocidade lectora na Galicia dos anos noventa, con títulos tan importantes como Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz, ou Chamábase Luis, de Marina Mayoral. A nivel persoal, esta colección foi para min un gran alento na miña formación lectora. Mais xunto a estas editoriais conviven outras, nalgúns casos talvez menos visibles, que se abren camiño ofrecendo verdadeiras alfaias, libros sorprendentes que son unha aposta de calidade. Coñecen Triqueta Editora? O seu fermosísimo libroViaxes en trens de primeira clase, escrita e ilustrada por Daniel Torrent, acaba de sumar aos recoñecementos internacionais que xa colleitara anteriormente (coma o Premio de ilustración da Hiiibrand International Desing Awards, en China, entre outros) o Premio na Exposición de Ilustradores da Feira do Libro de Boloña (Italia), a máis importante feira do libro infantil e xuvenil do mundo. Esta exposición, que na presente edición contou con 4345 participantes de 91 países, é un escaparate de prestixio das últimas tendencias en ilustración. Fundada no 1967, alimenta o seu catálogo con artistas de todo o mundo. Tamén resultou gañadora desta mostra a obra Desdichas de una familia victoriana, de Idoia Iribertegui, perfecta para fans de Mércores, a serie de Netflix que, por certo, poden ver subtitulada ao galego. No catálogo de Triqueta tamén atopamos nomes como os de Eva Mejuto (co seu Animalfabeto, ilustrado por Nuria Díaz), ou Paula Carballeira. Esta última escribiu A pantasma da illa de Cortegada, con ilustracións da xenial Blanca Millán, obra recomendada pola Fundación Cuatro Gatos, de Miami. Libros fermosos, emocionantes, divertidos e audaces que nos lembran que ler é unha viaxe onde nos multiplicamos. En Vigo non paran de fabricarse libros. Nacen nesta cidade e logo voan ás mans das lectoras e lectores ou cara a outros lugares inesperados coma Boloña, China ou Miami. E teño a sensación de que todo isto sucede en silencio, coma se fose un segredo importante que hai que manter gardado, cando debería ser ao revés. 

Suscríbete para seguir leyendo