“De guerre en guerre” por Edgar Morin

O intelectual francés  Edgar Morin

O intelectual francés Edgar Morin / ALBERTO ESTÉVEZ

Antón Beiras Cal

Antón Beiras Cal

Unha News Letter de Editorial Laiovento anuncioume a publicación de Espertemos!, ¡Réveillons nous! en francés, de Edgar Morin, traducido ao galego polo meu ben querido curmán Xosé Manuel Beiras Torrado. Nunca lera a Edgar Morín e dirixinme a Librouro a mercar o seu libro.

Edgar Morin é un intelectual francés, sociólogo, filósofo e doutor honoris causa por 28 universidades de todo o mundo. Un detalle non menor é que vai cumprir 102 anos de idade o próximo 8 de xullo (nacido en París o 8/7/1921). Non é común editar un libro de ensaio con máis de cen anos, como tampouco o é seguir pintando con 110, como o fai en Vigo Luís Torras.

No seu libro, Morin alértanos lúcidamente contra o mito prometeico de dominio do universo polos sapiens; xa saben, o último dos sete días, Deus creou o home á súa imaxe e semellanza para que reinase sobre a Creación, sen render contas a ninguén excepto no xuízo final... Pois non, habemos de aprender a convivir coas restantes especies e habemos de respectar a Terra, o noso fogar común, pois non temos outro planeta de recambio. Habemos de respectar a biosfera e harmonizar natureza con sociedade humana.

A súa lectura estimuloume a curiosidade e entrei en internet para coñecer máis do autor. Pois resultou que en 2022 non publicou un libro, senón dous: o segundo co título de DE GUERRE EN GUERRE: De 1940 a l’Ukraine. O libro non está traducido ao castelán —nin ao galego— e atopeino en Amazon Francia.

En 1940, era membro do estado maior do primeiro exército comandado polo xeneral Lattre de Tassigny, cando se rendeu ás tropas alemás, sendo trasladado ao campo de concentración de Pforzheim. Tres meses antes da súa liberación polo exercito aliado e da capitulación alemá, en febreiro de 1945, a pequena vila de Pforzheim foi totalmente destruída por un raid aéreo de 367 bombardeiros da RAF. O 83% dos inmobles foron demolidos e un terzo da súa poboación civil aniquilada. Pero aínda peor foi o de Dresde, a “Florencia do Elba”, unha cidade cultural sen valor estratéxico nin militar, sobre a que a RAF e a USAF lanzaron 2.400 toneladas de bombas incendiarias. Sucedeu entre o 13 e o 15 de febreiro de 1945, 12 semanas antes da rendición de Alemaña, producindo 50.000 mortes civís.

O intelectual francés  Edgar Morin | // FDV

O intelectual francés Edgar Morin / FDV

Ao vello intelectual francés, prisioneiro de guerra durante 5 anos dos nazis, non lle doen prendas en cualificar como crimes de guerra moitas das accións aliadas na segunda guerra mundial. Todo iso impresionoulle con dureza ao seu tempo, poren —conta— que o horror do nazismo e das súas abominacións nos países ocupados, e en especial na URSS, ocultoulles, a eles resistentes antinazis, as hecatombes, os golpes de terror sobre as poboacións civís, a destrución de poboacións completas, mulleres, nenos e anciáns, mais non soldados combatentes.

Mentres as xeracións novas que non coñeceron a guerra arrepíanse con razón das imaxes televisadas de vivendas rebentadas e de civís asasinados en Ucraína, el lembra as masivas destrucións e masacres cometidos polos seus, en especial polo exercito americano.

Impactoume a súa ética sincera: para min a segunda guerra mundial foi unha guerra santa contra o nazismo. Para el tamén, pero como todas as guerras, son a prolongación da política por outros medios, ao dicir de Carl Von Clausewitz. En definitiva, Edgar Morín, de primeira man, lémbranos que mesmo as guerras máis xustificables son odiosas e comportan crimes contra a humanidade por todos os bandos contendentes.

Seguindo a David Van Reybrouck distingue os crimes de guerra contra civís ou militares desarmados en tres categorías. Os crimes ocasionais son os perpetrados por militares ou grupos de soldados illados. Os crimes estruturais son os perpetrados por oficiais e xerais. E os crimes sistémicos son os que forman parte da estratexia militar dun goberno en guerra. É evidente que os crimes nazis contra os xudeus, xitanos e as poboacións civís dos países ocupados foron crimes sistémicos. Pero resúltalle imposible non concibir os bombardeos masivos de pobos alemáns e a súa poboación civil sen obxectivos militares explícitos, como constitutivos retrospectivamente crimes sistémicos.

Especial mención merécenlle as mentiras da propaganda militar, como a que xustifica a invasión de Ucraína por Rusia, pero toda guerra, a de Ucraína incluída, pola súa natureza, polo odio que embarga a gobernos e medios de comunicación, xera propaganda unilateral e mentireira, e comporta sempre unha criminalidade que desborda a acción estritamente militar.

E con esa lúcida ética intelectual debulla os feitos que conduciron á guerra en Ucraína e as solucións á mesma. Para Edgar Morin, Rusia non está en guerra con Ucraína, nin Ucraína está en guerra con Rusia. Pola contra, Rusia está en guerra con Occidente e Occidente en guerra con Rusia. Ucraína é só o teatro de operacións, o teatro momentáneo de operacións, pois tomamos prestadas as súas cidades e os seus campos de trigo para os nosos xogos de guerra.

Putin ten unha responsabilidade histórica en iniciar unha invasión dun país soberano, pero os occidentais temos outra responsabilidade, a de terminar con ela. Non é posible que os europeos só contemplemos a solución de achegar máis e máis armas porque ningún bando pode gañar esa guerra. Quen avoga por chegar ata o final no apoio a Ucraína, en realidade teñen por obxectivo debilitar a Rusia e utilizan a Ucraína como un suxeito interposto para disimular o seu verdadeiro interese en prolongar a guerra, tal como os Estados Unidos: non están a achegar material militar para defender a Ucraína, senón para debilitar a Rusia, o seu eterno rival.

Os nosos medios de comunicación occidentais só observan un imperialismo, o imperialismo que busca reconstruír a Gran Rusia; pero calan sobre o outro imperialismo que opera sobre todo o globo terrestre, contravindo con frecuencia, como Rusia, as convencións internacionais.

A guerra só pode terminar con negociación e, lamentablemente, esa negociación comportará sacrificar a integridade territorial de Ucraína: Crimea está poboada nun 84% por rusos, un 12% por tártaros e un 4% por ucraínos. A lóxica esixe que volva ser Rusia.

O recoñecemento da independencia de Ucraína resulta unha esixencia absoluta da paz, sexa sobre un status de neutralidade, sexa pola súa integración na Unión Europea.

A destrución material sufrida por Ucraína ha de ser reparada por unha axuda internacional encabezada pola propia Rusia.

Os portos de Mariupol, Berdiansk e Odessa poderían obter un status de portos francos sobre territorio ucraíno.

E a industria pesada, creada pola URSS nas provincias orientais de Donetsk e Donbass, podería ser xestionada por un condominio ruso‒ucraíno.

Debo dicir que cando terminei de lelo tiven a certeza de que ese ancián é dos poucos cordos que quedan por estas lareiras.

Suscríbete para seguir leyendo