Cen anos de literatura infantil e xuvenil galega

Exposición "Unha árbore de historias".

Exposición "Unha árbore de historias". / Susi Fernández/FDV

Abro a fiestra e, ao lonxe, creo ver un resplandor multicolor. Serán as luces do Nadal desta miña cidade? É Vigo un Parque Temático destas festas no que a xente se divirte e desfruta do que se lle ofrece? Para uns, resulta atractivo; para outros, é un malgasto e un atranco na súa vida cotiá. Está claro que nunca chove ao gusto de todos. O que si podo dicir é que nestas datas aos que vivimos no centro todo isto nos resulta bastante molesto. Pero comerciantes e hostaleiros están felices. É suficiente?

Pasando a cousas máis serias, hai tempo que sei que a nosa literatura infantil e xuvenil acadou un nivel tan alto -ou máis, nalgúns casos- coma calquera das literaturas que se escriben nos demais lugares do país.

Ningún autor ou autora ten o máis mínimo complexo con relación a autores foráneos. As editoriais tiran do prelo libros fermosos, a conciencia literaria non mingua, os libreiros e libreiras conceden importancia a este xénero, a ilustración ten un nivel altísimo, nas escolas prescríbense libros, temos cinco ou seis persoas que acadaron o Premio Nacional e outros galardóns e xa existen estudos literarios e investigacións arredor de diversos temas que teñen que ver coa literatura escrita para a infancia e a mocidade. Sigo sendo crítico con moitos destes puntos que menciono, pero o panorama é o que é. Quero darme un baño de optimismo e coido que hai razóns para isto. Deixemos as nubes negras para outra ocasión.

No ano 2015, a profesora Blanca-Ana Roig Rechou publicaba A Historia da Literatura Infantil e Xuvenil Galega, un traballo conxunto no que participaron unhas profesionais que levan anos vinculadas á investigación neste eido. Baixo a coordinación de Roig Rechou, pretendían -e conseguiron- cubrir o baleiro existente ao redor do coñecemento sistemático da produción destinada ao público lector infantil e xuvenil. O volume percorre as diferentes etapas na construción do sistema literario para estas idades cunhas acertadas análises das obras dos xéneros literarios canónicos.

En 2018 vía a luz un imprescindible volume escrito polo prestixioso catedrático Jaime García Padrino titulado Historia crítica de La Literatura Infantil y Juvenil en la España actual (1939-2015), que nos fala da marxinación da LIX e o afastamento dunha consideración crítica por parte das historias xerais da literatura. Nesta obra García Padrino incide na súa existencia e na súa categoría estética, ademais do seu carácter social como reflexo dos grandes cambios experimentados pola sociedade española nos últimos setenta anos. Pois ben, neste monumental estudo bibliográfico, o autor ten en conta o labor de escritores e escritoras, así como ilustradores-as de Galicia, demostrando, unha vez máis o peso da nosa LIX. Imposible darlle as costas.

Vista xeral da exposición "Unha árbore de historias".

Vista xeral da exposición "Unha árbore de historias". / Susi Fernández

O pasado día 3 de decembro visitei na Cidade da Cultura (Uff, sempre me poño malo ao ver esa barbaridade que tantos cartos como á cultura do noso pobo) acompañado de Susi e unha amiga a exposición Unha árbore de historias. Cen anos de literatura infantil e xuvenil galega, organizada pola Biblioteca de Galicia e comisariada por Montse Penas. Fiquei moi impresionado e valoro o esforzo por salientar algo do que debemos estar moi orgullosos os galegos e galegas. Poder percorrer un século de literatura, a través duns paneis moi ben colocados, estrutura limpa e clara e coa información precisa, sen enredos que dificulten a mensaxe que se pretende -e consegue- dar, é para aplaudir sen rodeos. Esta exposición, esta árbore é un acerto indiscutible. É un proxecto necesario; un proxecto do que deberían tomar notas as institucións para que a rapazada galega, o alumnado e o profesorado se achegasen ata ela para facela propia. Se a isto lle engadísemos a parolada dun autor ou autora para complementar a visita, xa sería o máximo. Está aberta ata maio de 2023.

CEN ANOS  DE LITERATURA INFANTIL E XUVENIL GALEGA

Imaxes da mostra “Unha árbore de historias”. / Susi Fernández

A estrutura da exposición é como segue: A semente (1922-1936): os comezos da nosa LIX. A escuridade (1936-1960). O tronco (1961): o libro fundamental que vén de América. As pólas (1962-1975): os contos e o teatro medran; a poesía que resiste. A luz (1976-1985): mestras implicadas coa lectura; libros doutras linguas que falan galego. O agromar (1985-1997): a Xeración Lamote; a narrativa para mozos e mozas; a poesía que bebe da tradición oral; a banda deseñada. A follaxe (1998-2013): aposta polo álbum ilustrado; unha narrativa que segue a innovar; a literatura dramática nos escenarios; a revolución dos golfiños. Os froitos (2014-2022): a narración que aposta por gañar lectores-as; a poesía rebelde; os libros informativos volven renovados; os ábums para todos e todas ou a rebelión dos formatos.

"As pólas: A poesía que resiste", na exposición "Unha árbore de historias".

"As pólas: A poesía que resiste", na exposición "Unha árbore de historias". / Susi Fernández

Se entramos nesta fraga chea de libros, un pode ver con detemento talvez a árbore iniciática, coa que comezou todo. E deterse nos manuscritos, nas ilustracións orixinais, nas mensaxes diversas, nas fotografías e en moitos outros obxectos curiosos, que a fan, se cadra, máis atraente.

Vista da exposición "Unha árbore de historias".

Vista da exposición "Unha árbore de historias". / Susi Fernández

É de agradecer que o percorrido comece nos anos vinte e que simbolicamente, o faga coa revista infantil As Roladas (1922), impulsada por Ramón Cabanillas, que se ben tivo unha duración moi escasa, sintetiza unha das preocupacións das xentes das Irmandades da Fala: educar a infancia e facelo en galego.

Suscríbete para seguir leyendo