Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Apuntes fílmicos

A Filmoteca de Galicia recupera a desatendida traxectoria fílmica de María Casares. Ela dixo que o cine é implacable, esgotador. Puido ser a súa carreira máis brillante e prolífica?

Retrato do arquivo da familia Casares Quiroga custodiado polo Arquivo do Reino.

O ano 2022 deixa nítidas as pisadas e rasgos predominantes que percorren a rica traxectoria vital da actriz coruñesa María Casares (1922-1996). Sen dúbida, o aspecto máis desatendido de todos é o seu cine, reducido á condición tópica (e menor) dun complemento popular ao teatro. Un ciclo programado pola Filmoteca de Galicia, con varias das súas películas máis representativas —unha escolma das aquí citadas—, así como mostras de teatro filmado e aparicións audiovisuais diversas, puido verse en ao longo desta semana na Coruña.

É certo que Casares protagonizou unicamente unha vintena de filmes en medio século, con períodos baleiros, amén de (escasas) aparicións televisivas e documentais, unha obra fílmica exigua —máxime co que prometía nos seus inicios, anos de disciplina e enerxía exultante, os once filmes que van de Los niños del paraíso a Guernica ou Ombre et lumière, de 1943 a 1950—. Pero tamén que o cine, ambivalente e contraditorio na súa biografía artística, intervén de modo decisivo na súa aprendizaxe e na conformación mesma da súa presenza icónica. Fai dela unha celebridade, facilita a liberdade teatral, permite a tranquilidade económica.

Emocional e talentosa escritora, a Casares debémoslle reflexións ben útiles sobre a interpretación nos distintos ámbitos. Dirá que o cine é implacable, esgotador. Reticente cos seus modos laborais e a discontinuidade do proceso, a pregunta aparece: puido ser a súa carreira cinematográfica máis brillante e prolífica? A resposta é afirmativa. De feito, nunca cederá no seu carácter esixente. Así, a primeira etapa, conformada polos títulos máis célebres, o díptico que todavía representa unha das grandes estreas interpretativas na historia do cine, Los niños del paraíso (Marcel Carné, 1945), primeiro filme francés estreado en París na Francia liberada, e Las damas del bosque de Bolonia (Robert Bresson, 1945), ou a adaptación de Stendhal La Cartuja de Parma (Christian Jacque, 1947) —rodaxe na que por última vez vai estar perto, de xeito intenso, do seu pai Santiago Casares Quiroga— e as pezas de Jean Cocteau Orfeo (1950) e El testamento de Orfeo (1960), conceden roles dramáticos marcados polo carácter enigmático, a sutileza e a elegancia, unha capacidade de atracción construida curiosamente sobre irremediables derrotas amorosas.

Un esbozo de vida

Non é baladí a temporalidade; desde a estrea de El testamento de Orfeo en 1960 ata inicios dos 70, cando regresa a súa testemuña en As dúas memorias (1974), filmada en 1972, un fresco verbal sobre a guerra española con Jorge Semprún aos mandos, transcorre máis dunha década. Nesta segunda etapa, espaciada, con papeis usualmente de reparto e menor entidade das películas, madura e autorreferencial no modo de configurar os personaxes, Casares selecciona e interpreta criaturas que a apelan, cheas de coherencia, acompañadas dunha gran carga simbólica, epítomes dos sucesos e eleccións dunha vida, unha antoloxía do propio século XX, do exilio, as guerras, os valores republicanos ou o compromiso á profesión de actriz, o concepto de mentora, a condición librepensadora.

Actriz a un tempo de emoción e de severa construción do personaxe, unha compilación dos traballos finais devén elocuente. Así, ambientada nun tempo de horror, en Flavia. A novicia musulmana (Gianfranco Mingozzi, 1974) Casares interpreta a sor Ágata, magíster da protagonista marcada polo humor e a irreverencia. Como sucede en La lectora (Michel Deville, 1988), onde a encarnación dunha viúva roxa devota de Lenin evidencia as súas dotes para a comedia. L’adieu nu (Jean-Henri Meunier, 1975) reflexiona sobre unha actriz retirada. En Blanche y Marie (Jacques Renard, 1985) aparece, chea de principios e coraxe, como membro da Resistencia francesa. Sorprende sempre o carácter atemporal da actriz, por enriba da consideración sobre a idade dos papeis interpretados.

Fotograma de ‘Las damas de Bolonia’ FDV

Non traballa no cine español ata Monte Bajo (Julián Esteban, 1989), título maldito, emblema das consecuencias da guerra e da España reaccionaria, atávica, ruín, proclive a utopías trastocadas. Casares actúa como nai do protagonista, rol que exerce no filme que pecha a súa filmografía, La otra América (Goran Paskaljevic, 1995), unha figura moral aqueixada de retranca e morriña, dura e tenra a un tempo, nai dun fillo español migrante nos Estados Unidos.

Coda. Non hai mellor despedida que unha ollada accesible, moi recomendable, establecida a través do diálogo lúcido en forma de entrevista que lle fai Joaquín Soler Serrano en 1981 para Televisión Española no programa A Fondo.

  • María Casares fue una de las grandes actrices del siglo XX, pero en España su figura no ha sido tratada con la dignidad que merecen su carrera y su trayectoria vital

Compartir el artículo

stats