Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Alén da bosta

Nubes y niebla sobre las Cíes MARTA G. BREA

Hai días nos que ata a máis expedicionaria das sombras titanita renuncia a saír á aventura na procura dunha experiencia, dun coñecemento. Hoxe, a actividade electromagnética no ceo é elevada; quedo no tornado, no sofá azul cobalto a reflexionar e a escoitar música.

No YouTube, Manu Chao repite “Todo es mentira” e penso no xa xubilado Subcomandante Marcos e no EZLN (Ejército Zapatista de Liberación Nacional) máis o seu carreiro orquídea que nos fixo soñar.

Mesmo aplicando siloxismos filosóficos, é imposible unha chea de veces que a verdade aboie sobre a buleira.

A imaxe do Subcomandante Galeano –o último nome de Marcos– ten a mesma función que un álbum familiar. Faite viaxar a cando pensabas que outro mundo era posible, cando crías nos mitos. Hoxe, esfarelaron os referentes na caixiña de música vital.

Alguén me acusará de repudiar o presente: hoxe hai millóns de influencers e bocas anchas na televisión a quen aplaudir previa indicación do rexidor.

Escóitoos, pero só me orixinan baleiro, preocupados polo seu ego e os likes. Prefiro seguir a reflexionar no Subcomandante Marcos aínda que só reste o recordo nun eido gravitatorio que me centrifuga e que non me deixa saír.

Para retirar a mera que me empezoña, atopo acubillo na música. Penso nunha listaxe de cancións para recobrar forzas. A primeira é “What else is there?”. Con ela, síntome no medio do camiño como Marianne Schröder no vídeo flotando a través de paisaxes treboadas. “Os flashes de luces, as explosións”, prosegue a letra.

Preciso que algo estoure. Paso a “Zitti e buoni” –“Calados e bos”, de Maneskin- onde as guitarras detonan. “Lamentablemente a xente fala, fala e non sabe de que fala, lévame tan lonxe que poida flotar”, din.

Con tanto guitarreo, saio do sofá para clicar no “Blue Monday” de New Order e os seus sintetizadores. Descúbrome berrando “How does it feel?” (Como se sente) para buscar de inmediato “Desidia” das Tanxugueiras onde xa me solto a bailar: “Con máis forza vou picando/ os meus puntos vou guiando/ os meus pasos van medrando/ os meus brazos tornan alto”.

Lembro o chute sano delas no Revenidas e sigo con Rebeliom do Inframundo e o seu “Non imos polo regho”. Como Nervo “por momentos sinto a forza do vento” para acabar cantando “paiasos, pallozas/ non cuidan da choza/ e veñen aquí darnos clases de moral/ do que está ben ou mal”.

Tras eles, miro alén do cristal. Procuro as Cíes na chuvieira branca-nube que en segundos chega á Guía e á fiestra. Salta “Kothbiro” do keniata Ayub Ogada. Na súa voz, imaxino como a auga comeza a acariñar as chozas africanas co gando xa de volta na casa como di a canción.

A calma chega. A choiva límpao todo, mesmo a bosta.

Compartir el artículo

stats