Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O emperador de Twitter

O empresario Elon Musk FDV

Estar en Twitter é bastante parecido a estar con colegas tomando algo no sitio de sempre, pero sen bebida e sen a presenza e o espazo físico. Pois vaia, pensarán vostedes. Que absurdo quedar nunha rede social cando podes quedar nun bar. Si e non. Porque grazas a Twitter, coma a outras redes, podes estar en contacto inmediato e permanente con persoas que viven lonxe, e porque acabas creando unha comunidade coa que compartes moitas cousas. Twitter vai diso: de facer comunidade. Estás idealizando Twitter, que pasa cos trolls? Pois, como na vida, hai interferencias desagradables que aprendes a ignorar. Non nego que existe xente que se escuda no anonimato para molestar, agredir, descualificar. Pero unha vez que coñeces as regras do xogo faste máis forte. Tamén é certo que hai moitas maneiras de estar en Twitter. Hai quen só observa, quen só se publicita, quen só descarga a súa rabia. Pero tamén hai persoas que integramos esta rede nas nosas vidas de tal maneira que é un lugar onde estamos de verdade.

Hai unhas semanas, o empresario Elon Musk mercou Twitter. Foi unha operación de 44 mil millóns de dólares. Unha cifra que ninguén a día de hoxe consegue entender. Creo que non debería estar permitido que alguén acumule semellante fortuna. Simultaneamente á compra, despediu os principais executivos. Elon Musk ascendeu recentemente na Lista Forbes e na actualidade ocupa o posto do home máis rico do mundo, cunha fortuna duns 219 mil millóns de dólares, adiantando a Jeff Bezos, a Bernard Arnault ou a Bill Gates. Elon Musk é o home que retou á ONU a acabar coa fame no mundo se lle presentaban un plan detallado, promentendo que vendería accións de Tesla no acto para aportar seis mil millóns de dólares. A ONU presentou o plan, pero Musk nunca máis volveu falar do asunto. Elon Musk tamén é o home que se proclamou a si mesmo “Emperador de Marte”, logo de expoñer un plan para converter o planeta en habitable, bombardeando o ceo para quentar o planeta. Ten un fillo que se chama X Æ A-12 e no 2018 puxo á venda un lanzachamas. En EEUU prohibiron a súa comercialización e Elon afirmou que só era un xoguete de entretemento, mudando o nome da máquina a: “isto non é un lanzachamas”. O resultado desta operación foi a venda de máis de vinte mil unidades, a 500 dólares cada unha.

Desde que Twitter é propiedade deste multimillonario excéntrico e inconsciente é coma se camiñásemos sobre cristais. Todos os días parecen o penúltimo día de Twitter. O último exceso de Musk foi anunciar que ía cobrar unha cota de 20€ mensuais para que as persoas usuarias verificadas puidesen manter o check azul. O escritor Stephen King fíxose viral reaccionando a este anuncio: “¿20 dólares ao mes para manter o meu check azul? Á merda, deberían pagarme a min”. Ninguén sabe que vai pasar pero xa se fala da intención de Musk de desmantelar Twitter. A xente empeza a migrar a outras redes e nós asistimos a este espectáculo lamentable pregando para que non nos bombardee porque queremos as súas mans lonxe do noso espazo. Pero agora manda el, el é o dono, el é o “Emperador de Twitter”, podería dicirme alguén. Pois velaí o drama. 

Compartir el artículo

stats