Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

God save the Queen!

34

A raíña Sabela II, en imaxe de arquivo. FDV

Elizabeth Alexandra Mary, falecida o pasado 8 de setembro, foi a raíña máis lonxeva do mundo. Nós adoitabamos referirnos a ela baixo o nome de Isabel II, pero tamén podemos usar a versión galega: Sabela II.

Non oculto que son bastante admiradora das excentricidades (sobre todo as de perfil monárquico). Por esta razón estiven documentándome nos primeiros meses deste 2022, coa intención de escribir un libro que rematei durante as vacacións da pasada Semana Santa. As curiosidades do Palacio de Buckingham ben merecían ser recollidas nunha novela.

O proceso de documentación foi realmente divertido. Descubrín datos valiosos. Sabían que o título completo da raíña ocupaba varias liñas? Elizabeth a Segunda pola graza de Deus, raíña do Reino Unido da Gran Bretaña e Irlanda do Norte, e dos seus outros reinos e territorios. Xefa da Mancomunidade de Nacións e Defensora da Fe. Era raíña de lugares coma o Reino Unido, Irlanda do Norte, Australia, Nova Zelanda, Canadá, Xamaica, Tuvalu, Bahamas, Belice, Granada, as Illas Salomón, San Cristóbal e Neves, e Antiga e Barbuda. Seguro que me queda algún atrás. Tamén exercía coma raíña nos territorios de ultramar británicos, que non son poucos. Tiña propiedades tan estrañas coma un McDonalds que hai preto do castelo de Windsor. Din que carecía de carné de conducir, pero que conducía dentro das súas propiedades case a diario. Aprendeu durante a II Guerra Mundial, cando tamén aprendeu a conducir camións e recibiu formación coma mecánica. En moitos sitios figura que carecía de pasaporte. Custa crelo, mais, quen sabe?

Unha das miñas cousas favoritas é que tivese contratada en palacio unha persoa que exercía coma poeta da corte. Desde o ano 2009 este cargo osténtao Carol Ann Duffy, a primeira persoa LGTBIQ+ que conseguiu obter este posto. Seguro que escoitaron que a raíña era a propietaria de todos os cines do Támesis. Pois a cousa non quedaba aí: tamén era a dona de todos os golfiños, baleas e esturións a tres millas da costa do Reino Unido. Outra cousa que me fascinou foi saber que a cidade de Gloucester tiña a obriga de pagarlle unha renda polo uso das súas propiedades. Dita renda consistía nun gran pastel de anguías. Hai séculos, a casa real británica vendeu unha das súas propiedades en Escocia. Os compradores pertencían a unha familia de aristócratas apelidados Fowlis. Unha das cláusulas do contrato de compravenda recolle que, se nalgún momento un monarca do Reino Unido desexa unha bóla de neve, a familia Fowlis ten obriga de conseguila, sexa inverno ou verán. A raíña non fixo uso deste privilexio, mais un membro real si que o fixo no pasado. Foi Guillermo Augusto de Cumberland e sucedeu no ano 1746.

Carlos III de Inglaterra herdou moitas destas rarezas, aínda que non cae tan simpático. Os seus modais co persoal do servizo nos días posteriores ao seu nomeamento están dando moito que falar. Din que necesita que lle pasen o ferro ao colo dos seus pixamas e aos cordóns dos seus zapatos e que os seus axudantes de cámara bótanlle no cepillo de dentes 2,5 cm. de pasta de dentes. A min cústame imaxinar un rei que non é quen de administrar a súa propia pasta de dentes, mais, que saberei eu? Permanecerei atenta a todas e cada unha das súas rarezas.

Compartir el artículo

stats