Desde a nube, nunca se perde o contacto coa terra por moitas reviravoltas que dean os tornados. Ás veces, a velocidade é tan violenta que non se pode botar o freo, reflexionar e actuar. Noutros intres, parece que a calma amansa pero decátaste dos danos que non podes arranxar dende a supercela tormentosa. Son momentos nos que as correntes de aire abafado quedan atrapadas.

Nun destes xiros, atopeina a ela. Eu ía coa cara pintada en branco e negro e un velo de Catrina. Ela levaba mallas granates, un xeitoso abrigo tres cuartos negro máis un sombreiro de copa acibeche brando. Era o chapeu que sempre quixen ter e nunca merquei; lembroume o meu eu adolescente. De inmediato, cavilei en Linda Perry cos 4 non Blondes e o seu “What´s up”.

Era a última hora da mañá ou primeira da tarde dun día granítico. Achegóusenos e pediu diñeiro. Tiña o cabelo loiro e longo e parecía sedoso, unha cute perfecta e uns ollos verdes nos que destacaba, non obstante, unha meniña dilatada en exceso como a de Jared Leto en “Requiem for a dream”.

Non lle demos ren. Marchou sen xestos e quedei chantada sobre as lousas da rúa interpelándome por que non lle preguntara se precisaba axuda, se a súa familia non estaría preocupada.

Sentinme como a nai que ve marchar unha filla polo buraco negro das galaxias sen retorno. Quixen dicirlle que aínda estaba a tempo de cazar soños. Pero só falaron os meus ollos.

Sete meses despois nunha travesía urbana de catro carrís cunha mediana de vexetación polo medio, a piques estiven de atropelar unha persoa. Xurdiu coa ollada e o camiñar zombi. Cando empecei a pronunciar a frase “ como é posible que alguén cruce así?”, fitei no cabelo loiro e longo, de esparto. As roupas parecían farrapos. Semellaba un piñeiro novo abrasado.

Sentín unha estaca no corazón. Nas faccións, crin recoñecela, pero sen seguridade. A súa cara era un campo de batalla. Estaba demacrada, dobrada, cos ollos inzados desa mágoa que algúns seres senten por si mesmos cando se resignan a non ter unha meta.

Era realmente ela? Cantas voltas daría esa vida en sete meses? Canto lle quedaría? Canta responsabilidade teñen nas adicións os xens e as decisións do individuo, canta ten o sistema, as familias e a sociedade?

O “Lux aeterna” de Mansell comezou a soar na miña cabeza cun fundido na voz de Linda Perry a subir “o outeiro da esperanza cara un destino”.

Dubidei en aparcar o coche e falarlle pero de novo non o fixen. Ela perdeuse entre os edificios e eu, entre o asfalto. Foi o egoísmo covarde que me empurrou a subir outra vez ao tornado.