Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Brassens

O cantautor e poeta Georges Brassens. FDV

Xa non sei que facer coa fiestra. Se a abro, teño calor. Se a deixo pechada, tamén. Cousas dun verán abrasante. E iso que, segundo moito listo, non hai cambio climático. Anda que se o houbese…

Pero, ao meu. Teño nas mans un fermosísimo libro: Brassens. Poemas y canciones. Un marabilloso volume editado por Nordicalibros o ano pasado co gallo de cumprirse o centenario do gran cantautor (e tamén poeta) francés e ilustrado maxistralmente por Emilio Urberuaga.

Georges Brassens foi sempre o poeta do cotián e un defensor acérrimo da decencia humana. Un escritor de cancións corrosivo, cun aquel de filósofo e un moito de artista. Nado en 1921, Brassens procedía dunha familia moi humilde, trasladouse a París en 1939 e, tras realizar estudos elementais, traballou na factoría Renault. De ideoloxía libertaria, militou na resistencia francesa tras a ocupación alemá de París na Segunda Guerra Mundial.

Brassens foi moi admirado por unha chea de autores e intérpretes europeos e os seus temas foron versionados en múltiples ocasións.

Quen non lembra a súa canción La mauvaise réputation, interpretada en español polo gran Paco Ibáñez? É Ibáñez quen afirma que Brassens é o mellor compositor que deu o mundo da música popular. (Au village, sans prétention,/ J´ai mauvaise réputation;/ Que je m´démène ou que je reste coi,/ Je passe pour en je-ne-sais-quoi…)

Tras ler estes poemas e cancións, veume á cabeza un seu libro de máximas e reflexións: Georges Brassens, Los caminos que no llevan a Roma (Ed. Navona), onde podemos entrar e entender o seu papel nesta sociedade tan absurda.

Considerado por moitos o poeta do anarquismo, autor que fixo da súa palabra subversión amorosa, creador de composicións implacables contra a pena de morte (Le gorille), Brassens enche de humor e ironía as letras das cancións para defender a moral libertaria e para poñer en escena os marxinados da sociedade.

Nunca se considerou poeta nin se tomou moi en serio, pero foi un artesán da linguaxe, un gran lector de poesía, un artista capaz de crear un estilo moi persoal baseado nos xogos lingüísticos con expresións feitas e unha exemplar utilización da fala popular.

Acompañado pola súa guitarra e un contrabaixo, Georges Brassens emocionaba o público co seu discurso inquietante e coa combinación poderosa palabra-melodía, creando unha atmosfera profunda sen esquecer o festivo.

Sempre admirei en Brassens a súa capacidade para transformar en arte os feitos cotiáns e mundanos a través dunha mirada atenta e aguda sobre o que ocorría ao seu redor.

Crítico ata o máis fondo, debuxou un universo propio que chegou a remexer conciencias. Os que o escoitamos dende hai ben tempo non deixamos endexamais de amalo e sempre volvemos a el.

Georges Brassens non perdeu en ningún momento a súa vixencia, porque é un xenio.

A través do libro anteriormente citado podemos coñecer unha boa parte das súas reflexións. Sen dúbida, paga a pena deterse nelas e pensar con el.

Leamos algunhas:

-Gústame moverme entre o marabilloso, o aparentemente infantil, crear imaxes que agochan valores de contrabando.

-Teño necesidade sobre todo dun mundo para min só, o que eu me creei; o outro tráeme sen coidado.

-Os poetas non son persoas que deban medirse unhas con respecto a outras.

-O único que nos queda da civilización é a poesía.

-Fago bailar as palabras, iso faime vivir.

-Escribo cancións do mesmo xeito que outros van ao mar.

-Canto coma un home libre. Libérome escribindo cancións.

-As persoas nunha obra, búscanse. Búscanse a si mesmas.

-Non son un home amargado, senón melancólico; porque o mundo non me agrada.

-Cando un amigo me pide a miña opinión, dígolle que me gusta ou que non me gusta, pero non lle dou consellos. Non hai que dar consellos a ninguén. Ten que ser o propio interesado quen atope el só o seu camiño.

-A canción é a poesía ao alcance de todos os petos.

Resulta moi gratificante ler as letras, escoitar os seus temas, deterse nos seus pensamentos. Brassens é profundo e, ao tempo, fai propostas claras e comprensibles a aqueles que queiran gozar do seu discurso poético-musical. Non esquezamos que este home nado en Sète en 1921 e falecido en Saint-Gély-du-Fesc en 1981, inconformista por natureza, sempre pensou que o máis difícil na vida é ser un mesmo e ter carácter dabondo para selo sempre.

E el, dende logo, sempre foi el.

*(Estas máximas están traducidas ao galego a partir da tradución de Joachim De Nys).

Compartir el artículo

stats