Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Que é o Bubisher?

Biblioteca Bubisher do campamento de Smara. Cedida por Bubisher

Abro un día máis a fiestra mentres escoito o magnífico dobre vinilo, Chloë, de Father John Misty, que mercara un par de semanas atrás na miña tenda favorita de discos.

Sento e dou cun libro excepcional do gran Gonzalo Moure, Palabras de caramelo. Unha narración deliciosa que distingo nun andel da biblioteca entre outros das miñas autoras e autores favoritos. Unha desas emocionantes historias que Gonzalo crea a partir de vivencias e sentimentos.

Daquela, vén á miña mente o labor que desempeña un equipo fantástico de persoas co proxecto Bubisher no Sáhara. Unha iniciativa exemplar, allea á maioría e que, dende o coñecemento, debemos valorar.

O Bubisher, a rede de bibliobuses e bibliotecas posta en marcha en 2008, vai cargado de libros que abren novos horizontes. Bubisher está dirixido á poboación dos campamentos de refuxiados (nos arredores de Tinduf-Alxeria), situados na zona máis inhóspita do Sáhara. O seu nome, tan poético, procede dun pequeno paxaro do deserto, cuxa chegada anuncia boas novas. Este paxaro, ten unha alta tradición oral no acervo do pobo saharauí.

Coñecín hai ben tempo este proxecto tan fermoso. Coñecino da man dos meus amigos Gonzalo, Ricardo Gómez e Palma Aparicio. Fiquei abraiado, e cun nó na gorxa, cando me contaron todo o que alí se desenvolvía. Os saharauís, xa dende 1975, defenderon o español coma un trazo distintivo da súa identidade nacional e é a súa segunda lingua oficial despois do hassanía.

O obxectivo do Bubisher é recuperar e reforzar o ensino do español centrándose para iso nos seguintes puntos: levar libros para nenos e adultos, fomentar a lectura nas escolas, crear clubs de lectura,colaborar cos mestres e mestras no ensino e formar monitores capaces de transmitir á poboación moza o desexo de aprender. Non se descoida, ademais, o apoio á formación en árabe grazas á colaboración da Biblioteca de Suecia, entre outras entidades.

Pero o que persegue especialmente este proxecto é proporcionar o acceso á cultura e ao coñecemento a un pobo abandonado pola comunidade internacional. Bubisher colabora en mellorar a formación integral da rapazada, potencia a interculturalidade e visibiliza a loita do pobo saharauí así como o seu patrimonio cultural sobre a base do español como lingua común.

Ademais destas actividades o Bubisher está presente en moitos lugares de España, a través de Feiras do Libro, jaimas nas praias, participacións en eventos relacionados con bibliotecas populares e comunitarias (Medellín, por exemplo), contactos dinámicos con centros de ensino españois, xornadas onde se imparten obradoiros, por exemplo, sobre o papel da muller no desenvolvemento económico da sociedade saharauí…sen esquecer os encontros virtuais que se poden realizar con escritores ou escritoras como Mónica Rodríguez, Limam Boisha, Gonzalo Moure ou Ricardo Gómez.

Non é un asunto menor, nin moito menos, a edición de libros coma unha das vías máis importantes de financiamento. Por iso afirman no Bubisher que “a literatura é o sangue que circula en dous sentidos, entre nós e os Campamentos de Refuxiados”. Os escritores cederon os dereitos de autor a este proxecto e a integridade das doazóns recibidas pola compra destes libros destínanse a financiar o proxecto: construción de bibliotecas, soldos do persoal saharauí, mantemento…

Sobre este apaixonante tema falei co meu amigo Gonzalo Moure e, amablemente contoume o seguinte:

“O Bubisher ensinoume que unha biblioteca non pode ser algo dunha soa dirección, senón de dúas: a biblioteca dá, pero se non recibe é estéril. E o mellor exemplo son os libros do Bubisher: El niño de luz de plata, Arena y agua, Nómadas de acogida. Comezaramos con Ritos de Jaima, o primeiro libro da editorial Bubisher; un precioso libro de Limam Boisha; un libro de vida e regreso ao vasto deserto fértil, á badía. El niño de luz de plata naceu dos propios nenos que gozaban da primeira biblioteca. Entraron nela coma páxinas en branco e enchérona coa súa visión do mundo. Este libro transformou o pequeno mundo de Dajla, o campamento máis afastado e esquecido, e que puido ter por fin a súa propia biblioteca grazas aos cartos recadados en España. O mesmo sucedeu con Arena y Agua e a biblioteca de Ausserd e despois… De ida e volta, os nenos que entraron espidos e saíron capaces de cambiar o mundo. Iso é, para min, o Bubisher. Iso ten que seguir sendo.”

Engaiolantes palabras deste enorme escritor comprometido coa literatura e coa liberdade e, en especial, cos campamentos do Sáhara.

Como socio que son do Bubisher acabo de recibir o boletín mensual e ao lelo sorrín de satisfacción. O bibliobús do Bubisher leva rodando por todas as dairas do campamento de El Aaiún nestes meses. Os libros entran nas aulas. Porén… para cando unha biblioteca nese lugar?, preguntábanse. Pois felizmente chegou o momento. As obras do novo “Nido del Bubisher” comezaron no mes de maio. Hai moita ilusión nas xentes do lugar. É un novo soño cumprido. Pero tamén hai moita preocupación para poder mantela economicamente e poder desenvolver todas as actividades pensadas.

Non estaría mal coñecer o proxecto e que fosen solidarios. Penso naquelas persoas que cren que a cultura é un dereito universal. Preciosa ocasión de demostralo.

(http://www.bubisher.org)

Compartir el artículo

stats