Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Carreiras sen saída

Estudantes, nunha das recentes probas da ABAU. / FDV

A semana pasada coñecéronse as notas das probas da ABAU ás que se enfrontaron miles de estudantes. O índice de aprobados en España supera o 96% e, como cada curso, axiña aparecen os nomes das persoas coas mellores cualificacións. Houbo unha persoa que destacou especialmente e foi entrevistada por diferentes medios: Gabriel Plaza, un alumno do centro público San Juan Bautista e que logrou a mellor nota da ABAU da Comunidade de Madrid. Conseguiu un dez en todas as materias agás unha onde obtivo un 9,75, e afirmou que tiña clara a carreira onde se vai matricular: Filoloxía Clásica. Tan pronto fixo pública a súa escolla, mentres ás persoas do mundo das letras se nos derretía o corazón, naceu a controversia. Fundamentalmente, porque moita xente non pode comprender que un estudante que pode elixir a carreira que queira porque ten nota dabondo, se decante por unha filoloxía: “Como vas estudar iso coa nota que tes?”, repetíanlle. Preguntáronlle por que razón non escollía outra opción con máis saídas e el foi rotundo: “É mellor facer o que che gusta. Prefiro a felicidade ao éxito seguro”.

Hai unha tendencia a alentar o estudantado a matricularse nunha carreira “con saídas”. Esa mesma tendencia xa existía na segunda metade dos anos noventa. A consecuencia disto é a existencia de persoas que acaban renunciando a aquilo que de verdade os emociona a cambio dunha opción académica que, en teoría, vai reportarlles unha mellor posición laboral. Mais resulta que as boas posicións laborais son en realidade aquelas nas que existe entusiasmo, vocación, paixón. As horas que pasamos nos nosos postos de traballo poden ser eternas ou poden ser o voo dun paxaro. Proben a facer o cálculo: multipliquen os días que lle dedicaron ao seu posto de traballo ata o día de hoxe polo número de horas. O resultado provoca vertixe. Hai tantas persoas frustradas por esa condena que supón ir desempeñar un traballo que non che gusta, que non é o teu, que resulta que renunciaches ao que de verdade querías estudar porque non tiña saída e agora estás aí, nesa prisión de oito horas diarias, corenta horas á semana, centro sesenta cada mes, máis de mil oitocentas vinte cada ano. Mil oitocentas vinte cada ano.

Canta xente está arrepentida de non dedicarse a outra cousa? Canta se lamenta de escoller o camiño equivocado? Non é fácil acertar, mais as posibilidades de perderse ascenden cando tomas a dirección contraria do lugar onde verdadeiramente queres estar. Logo é certo que o mundo está cheo de valentes. Quen non coñece unha libreira que foi avogada nunha vida anterior? Ou ese editor que antes tiña un posto importante nun banco. Sorrío escribindo isto. Porque é tan certo que temos dereito a equivocarnos como a rectificar e cambiar de rumbo. En ocasións hai que escoller o camiño difícil, aquel que ten menos saídas, ese que semella retorcido e sumido na néboa. Porque moitas veces, aí e non naquel que nos pintan de luces de cores, é onde habita a felicidade mil oitocentas vinte horas cada ano.

Compartir el artículo

stats