Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Liberdade

Rapaces sobrevivientes da matanza de Uvalde, saíndo protexidos do colexio. | FdV

Salvador Romas acababa de cumprir dezaoito anos. O pasado martes entrou nunha escola de primaria de Uvalde, unha localidade de Texas, cunha arma na man e empezou a disparar. Matou a dezanove estudantes e a dúas persoas adultas. Pouco despois foi abatido a tiros pola policía. Esta masacre volve poñer sobre a mesa o debate sobre o uso de armas en EEUU. A segunda emenda da Constitución dos EEUU establece o dereito da cidadanía a posuír e portar armas. Exactamente, a emenda di: “Sendo unha milicia ben regulada necesaria para a seguridade dun estado libre, o dereito do pobo a ter e portar armas non debe ser infrinxido”. Isto é así desde o s.XVIII, se ben ese parágrafo non está exento de discusión. Hai quen considera que a Constitución recolle un dereito irrenunciable da cidadanía de EEUU. Porén, outro sector considera que a emenda é anacrónica e só aplicable en situacións excepcionais.

No que vai de ano rexistráronse en EEUU douscentos tiroteos de carácter masivo. O anterior foi hai tan só dúas semanas, en Búfalo. Un home entrou nun supermercado e asasinou polo menos a dez persoas, na súa maioría negras. Joe Biden afirmou que esta masacre sería investigada coma un “crime de odio e extremismo violento por motivos raciais”.

Según a organización Everytown, que traballa contra a violencia armada en EEUU, cada ano morren aproximadamente 3500 menores como consecuencia do uso de armas. As masacres en escolas son as que teñen un número de vítimas máis elevado. Unha das máis arrepiantes foi a de Virginia Tech, que tivo lugar no ano 2007. Seung Hui Cho, un estudante de Filoloxía Inglesa de 23 anos, entrou na Universidade Estatal de Virxinia e matou polo menos a vinte e tres persoas con dúas pistolas semiautomáticas. Cinco anos despois, no 2012, tivo lugar o tiroteo de Sandy Hook. Adam Lanza, un mozo de 20 anos, mata á súa nai cun rifle do calibre vinte e dous. A continuación colle o vehículo da súa nai, conduce ata a escola Sandy Hook, entra no edificio e empeza a disparar acabando coa vida de vinte e oito persoas. Barak Obama, a raíz desta traxedia, intentou limitar o uso de armas. A súa iniciativa non foi adiante.

No ano 2015 tiven a oportunidade de viaxar a Nova York, convidada polo Instituto Cervantes, para impartir unha conferencia para cento corenta profesores da cidade. A intervención centrábase no meu libro infantil Escarlatina a cociñeira defunta. Había un posto de venda dos meus libros, mais só tiñan vinte exemplares. Había unha cola importante de persoas que querían facerse cun exemplar, mais a distribuidora limitara os exemplares. A razón que me deron é que no libro eu usaba “a palabra innomeable”. Así a definiron. Esa palabra era “cu”. Useina dentro da historia nun contexto de humor. De feito, alguén comentou: “que mágoa que a autora estragara un libro que prometía ser bo, empregando a palabra prohibida”. Desculpen a referencia persoal, pero creo que é oportuna. Xamais puiden comprender isto que me sucedeu mais o país funciona así. A dobre moral constrinxe a cidadanía ata límites ridículos. Ampáranse no concepto de seguridade e liberdade para portar armas, mais que baleira de contido está a quedar esa palabra, “liberdade”, nos últimos tempos. Corre o risco de ser reducida a unha carcasa, sen alma nin corazón.

Compartir el artículo

stats