Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un Premio Cervantes e un segredo

Cecilia Roth, coa medalla do Premio Cervantes. FDV

O pasado venres 22 de abril tivo lugar a cerimonia de entrega do Premio Cervantes concedido á escritora uruguaia Cristina Peri Rossi, a sexta muller que recibe este galardón en 40 anos. O xurado outorgoulle esta distinción que é considerada a máis prestixiosa en lingua castelá, por recoñecer nesta autora a traxectoria dunha das grandes vocacións literarias do noso tempo. En palabras do xurado, a literatura de Cristina Peri Rossi é un exercicio constante de exploración e crítica, sen evitar o valor da palabra coma expresión dun compromiso con temas clave da conversa contemporánea, coma a condición da muller e a sexualidade.

A cerimonia, presidida polos Reis de España, celebrouse no Paraninfo da Universidade de Alcalá de Henares, un edificio do S.XVI. Nun dos seus laterais, en letra vermella, figuran os nomes de todos os escritores e escritoras que recibiron o Premio Cervantes, así coma un retrato en bronce. A gran sala do Paraninfo é unha estancia impoñente. O teito, elaborado de xeito artesanal cun trazado xeométrico que describe hexágonos e estrelas de seis puntas, é probablemente un dos máis belos da arte española. Cristina Peri Rossi non puido asistir á cerimonia por motivos de saúde. No seu lugar acudiu a actriz arxentina Cecilia Roth e foi realmente fermoso escoitar na súa voz o discurso da autora premiada. Peri Rossi fixo referencia á súa loita persoal polos dereitos humanos. Falou do seu exilio, de que estaba prohibido mencionar o seu nome e ler os seus libros, de como conseguiu salvar a vida, de que xamais deixou de loitar pola liberdade. Falou de valentía, do amor pola palabra e de xustiza, e afirmou que nunha sociedade patriarcal, ser muller e independente é raro e sospeitoso. Aplaudimos o discurso coa pel de galiña e abrazámola desde a distancia.

"Unha das cousas que máis me sorprendeu da gala foi a cantidade de políticos que asistiron (...) podo afirmar que había moitas máis persoas do mundo da política ca do mundo das letras"

decoration

Unha das cousas que máis me sorprendeu da gala foi a cantidade de políticos que asistiron. Non me atrevo a falar de porcentaxes, mais podo afirmar que había moitas máis persoas do mundo da política ca do mundo das letras, circunstancia que me fixo reflexionar. Alí, na mesa presidencial, estaban Pedro Sánchez, Miquel Iceta e Isabel Díaz Ayuso. Pero tamén acudiron ao Paraninfo Rocío Monasterio, Mónica García, Marta Rivera de la Cruz, Javier Solana, José Ignacio Wert e unha longa listaxe de deputados e senadores. Fíxome graza pensar que a literatura foi quen de xuntar políticos de todas as cores en son de paz. Pero o máis divertido da xornada foi saír ao exterior e ser recibida por centos e centos de veciñas e veciños de Alcalá de Henares, acordoados pola policía, que fotografaban a toda canta persoa saía do edificio coa esperanza de inmortalizar unha cara famosa. Marchei do acto custodiando un segredo que hoxe comparto con vostedes e que me foi revelado por Cecilia Roth durante o cóctel que puxo o lazo á cerimonia de entrega: “A pesar de que en todos los periódicos de hoy afirman que Cristina y yo somos amigas íntimas y por esa razón me escogió para leer su discurso, eso no es cierto. No nos conocemos personalmente”.

Vuelve el Premio Cervantes tras dos años de pandemia

Vuelve el Premio Cervantes tras dos años de pandemia Agencia ATLAS / Foto: EFE

Compartir el artículo

stats